Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.


Compostela, 9-VII-72

Benquerido Luis:

Supóñote moi ben enterado de todo o relativo á Mostra do libro galego que se celebrou en Barcelona e que recentemente se repetiu no Museo Carlos Maside. Como o Isaac foi o gran animador de ambas, el te informaría compridamente. Dias pasados, coincidindo coa segunda destas exposicións, celebrouse no Museo Carlos Maside un Seminario do libro galego patrocinado polo Laboratorio de Formas, do que te supoño así mesmo moi ben informado. Mais como ocurre que presidín eu o Seminario –sin dúbida por ser o representante da Fundación Penzol, pois outro motivo nono había–, non quero deixar de che comunicar a miña impresión de conxunto. Para min resulta un deber –un gustoso deber– informarte precisamente a tí, que tan presente estiveches na mente de todos no curso do Seminario, pois todos somos ben conscientes do teu importantísimo papel na promoción, na ilustración e na realización do libro galego do século xx. Na futura historia da bibliografía galega, un dos capítulos importantes terá que estar adicado a Luis Seoane.
O Seminario resultóu unha xuntanza positiva. Acudíu bastante xente, inda que en realidade recibiron moi tarde as invitacións. Había editores, escritores, artistas, libreiros e leitores. Houbo ponencias de Dieste, Filgueira, Blanco Amor, Xohán Ledo e Xesús Alonso. Contábase recibir unha túa que non chegou a tempo. A do Dieste viña ser unha vella carta que lle escribira ao Isaac sobre o que debe ser unha editorial galega, carta que seguramente conoces; a do Filgueira foi unha interesante historia do libro galego; a do Blanco Amor insistíu en que a actual curiosidade xuvenil pola literatura galega débese á politización da mocedade e en que é necesaria a profesionalización do escritor galego; a do Xohán Ledo fixo atinadas consideracións sobre o papel do libro na nosa cultura; a do Alonso –leuse porque el non asistíu– era un breve “Chamamento dramático” encol do idioma.
No decorrer do Seminario tuveron intervencións destacadas o Dieste, o Celestino Fernández de la Vega, o Xohán Ledo, o Filgueira –este só como ponente–, o Isaac, o Alexandro Finisterre, o Blanco Amor, o Manuel María, o Patiño (Librouro) e varios rapaces da Cruña.
O ton xeral do Seminario foi de gran interés polos problemas do libro e de gran cordialidade no ambiente. Naturalmente, houbo intervencións máis ou menos utopistas, pro houbo un craro predominio da vontade realista. Moitas cousas que alí se dixeron, eran ben conocidas para os que temos experiencia editorial, pro resultaba moi interesante velas xurdir e revolotear nas mentes dos outros. A nota que poderiamos decir que dominóu máis foi a da necesidade de “popularizar” por todolos medios a edición e a difusión do libro galego.
Coido que foi un éxito do Laboratorio de Formas.
Nestes dias –mañán ou pasado– terei que marchar a Barcelona para lle facer compaña a Fermín Penzol que está hospitalizado con unha grave doenza –un tumor de vexiga– e vai ser operado proximamente.
Apertas nosas para os dous

Ramón

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    09/07/1972
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: