Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Piñeiro a Seoane. 1965

17/02/1965
Isabel López GarcíaRamón PiñeiroLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en



Compostela, 17-II-65

Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido Luis:

Recibín o teu Homenaje a Venecia, que foi pra min unha grata e moi leda sorpresa. Contemplei moitas veces, e sempre de vagariño, ises once grabados. Non me canso de ollar pra iles. Sempre me lembran o entusiasmo con que tí nos falabas de Venecia mentres tomabamos un café con leite no Hostal. Entusiasmo ben fondo e ben persistente, como estas fermosas estampas demostran. Confesas no prólogo, impregnado de serena e sabia emoción evocativa, que lle ofreces esta presada de grabados a Venecia coa mesma intención, e quizáis co mesmo destino efímero, con que se lle podería ofrecer un ramo de rosas. A comparanza metafórica vale somentes no que se refire á intención –e tamén, dende logo, á beleza da oferta--, pro falla no tocante á duración da sua vixencia. A tua oferta é tan xentil e tan fermosa como podía ser un espléndido ramo de rosas escolleitas. Pro é superior a elas nunha cousa importante: na perdurabilidade. Nesto o arte é superior á natureza. As tuas “rosas”, por non seren pura e simple creación espontánea da vida senon obra do esprito, non son efímeras, non están fatalmente condenadas ó ritmo de caducidade vital. Viven –perduran– no tempo espritoal. Durarán máis, moito máis, moitísimo máis do que durará o seu creador, e poden, mesmo durar, máis que a propia Venecia. Ise é un dos prodixios do arte verdadeiro: sobrevivir ó seu creador i ós motivos que o inspiraron.
Dígoche que me gusta moito o teu álbum venecián. Si algunha vez for a Venecia –desgraciadamente é moi pouco probábel–, seguro que ollarei e vivirei o seu ambiente “a través” dos teus grabados e da impresión que deixaron no meu esprito.
Os nosos saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra tí. E xunto co agradecemento máis sinceiro, recibe unha forte aperta do teu amigo

Ramón Piñeiro

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    17/02/1965
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: