Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Compostela, 12-VIII-62
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido e lembrado Luis:

Hai dias, o matrimonio Diaz pasou pola miña casa e deixou, da tua parte, unha fermosísima xoia bibliográfica: Del diario poético de Miguel Unamuno. Sintín ben non estar na casa cando viñeron, que foi un dia que eu andaba acompañando a Prada. Como estaban de paso, non cheguei a velos. E non che escribín antes porque alguén me dixo que te cambiaras de casa –coido que foi o Dieste– e tiven que percurar as novas señas.
Con todo o rarecho i o egotista que era o gran don Miguel, estou certo que se quedaría admirado, si a vise, da espléndida edición que lle fixéstedes ós seus poemas. E, dende logo, non é pra menos, porque o libro é moi fermoso. Figúrome que nunca soñou con ver os seus poemas editados tan maravillosamente.
Ben se pode decir, meu querido Seoane, que eres tí un dos que máis teñen contribuído á diñificación –á categorización– estética do libro hispánico no século xx. A tua aitividade artística é moi amplia e diversa, pro unha das facetas dela que non deberán esquencerse é mesmamente a da renovación e valorización estética do libro.
Moito che agradezo que me teñas enviado un exemplar adicado. Tanto a Isabel como a min producíunos gran emoción. Os dous lembramos con frecuencia e sempre con agrado as horas fugaces que pasamos xuntos e que pra nós son inesquecentes.
Pasou por eiquí Francisco Romero, que é, por certo, gran amigo e admirador teu. Acompañámolo unha tarde polas Rías Baixas. Ademáis do seu interés inteleitual, que eu xa conocía a través da súa aitividade filosófica, ten tamén un gran interés humán.
Díxome o Dieste que andabas matinando en vir a Galicia. Ben sabes cánto me alegraría. Quen veu, como sabes, foi Arturo Souto. Aínda non o vín.
Ahí en B. Aires editaron os rapaces unha tradución castelán dos dous ensaios que eu escribín encol da Saudade. Acabo de recibir uns cantos exemplares. Inda que tí os conoces na súa versión orixinal, mándoche un exemplar.
Moitos saúdos nosos a Maruxa e de Isabel pra tí. Unha forte e cordial aperta do teu amigo certo

Ramón Piñeiro

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    12/08/1962
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: