Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Piñeiro a Seoane. 1958

30/01/1958
Ramón PiñeiroLuís Seoane
Compartir en


Compostela, 30 de xaneiro de 1958
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Meu querido amigo:

Recibín e lin con todo interés o teu novo libro La soldadera. Pra che decir a verdade, estou mesmamente asombrado da tua estraordinaria capacidade creadora, non menos sorprendente pola intensidade que pola diversidade dos seus campos de cultivo. Semella talmente que tiveras dentro de tí a enerxía de media dúcea de homes dinámicos. Como eu non teño nin a décima parte desa capacidade de traballo, ademiro moito, cada día máis, a tua inesgotábel fertilidade espritoal.
Desta máis recente obra pouco che poido decir dada a miña impericia crítica en materia de teatro, que quizais seña estensiva a toda materia literaria a xuzgar polas airadas protestas que teñen provocado os poucos xuicios valorativos que fixen en tal terreo. Vexo que insistes unha vez máis, nesta ocasión por vía teatral, en lles percurar ouxetividade artística ás tuas vellas e sinceiras inquedanzas de tipo social–revolucionario. Tes pleno direito a facelo, que duda cabe, máis aínda no teu caso, en que tales inquedanzas responden a sentimentos moi arraigados. Pro non deberás esquencer, con todo, que tal camiño é abondo arriscado, como se pode ver contemplando a gran cantidade de producións artístico–literarias dise tipo nas que os resultados estéticos son tremendamente febles. Cando un escritor ou un artista se pon a dar voltas e máis voltas arredor dunha ideoloxía –seña ou non revolucionaria, pois o resultado é o mesmo– acércase perigosamente ó artificio, que é bastante distinto –tí sábelo millor que eu– do arte verdadeiro. O xirar demasiado insistentemente arredor dun punto, ademáis de que impide unha visión crara da realidade... produce mareo. Afortunadamente, a ti non che ten ocurrido tal cousa polo dagora. Pro tamén é ben certo que estás en perigo de que che chegue a ocurrir algún día. Por eso che falo desto, con amistosa lealtade, pois eu de todo corazón desexo que sigas libre dise perigro certo.
E non vaias pensar, como tantas veces lle ocurre ó editorialista de Galicia Emigrante, que todolos que en Galicia renunciamos ó cultivo da literatura ou do arte como instrumento de propaganda social-revolucionaria estamos anestesiados pra o problema da xusticia social. Nono penses, pois si o pensases, equivocaríaste tan rotundamente como ise editorialista, cuias elucubracións, por certo, a min resúltanme sumamente simpáticas cando descarga nelas toda a inocente cólera pueril que domina ás veces o seu esprito, sin duda porque non pode evitar que o corazón lle asoballe a cabeza máis veces das necesarias. O que ocurre éche moi sinxelo de esplicar: somos moitos os que distinguimos nidiamente o problema da xusticia social como un fin en si mesmo, do “problema social” como vehículo propagandístico ó servicio de fins distintos. A confusión arte-literatura-loita de clases-revolución, tan en boga fai 25 ou 30 anos, cando nós eramos rapaces, hoxe en Europa é un puro anacronismo (e Galicia, craro está, pertenece a Europa). O tempo non pasa en valde. Nin os rapaces de hoxe pensan coma fai 25 anos pensaban os rapaces, nin os homes maduros pensan hoxe o mesmo que cando eran rapaces, fai 25 ou 30 anos. A esperiencia vital de cada un e maila esperiencia histórica coleitiva non foron infecundas en orde á evolución do pensamento. A peor traxedia que lle pode pasar a un home é quedarse atrás en relación co tempo, “estancarse” nunha etapa da sua vida, por exemplo na mocedade, porque queda convertido paradoxicamente nun «vello» condenado a unha crecente e amarga soedade. Por eso, á altura do tempo en que vivimos, o noso amor á xusticia –tanto á xusticia social, como ás demais– non nos impide saber que a literatura, o arte i a cultura en xeneral valen por si mesmas e representan un papel propio no destino da humanidade que non se identifica necesariamente co papel do mero propagandismo revolucionario. Canto máis teñades esto en conta menos vos equivocaredes ó xuzgar as cousas deiquí.

[Escrito a man]
Bueno, acaboúseme o papel. Unha aperta moi forte do teu amigo.

Ramón Piñeiro

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    30/01/1958
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: