Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Compostela, 27 de xaneiro do 1954
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido Seoane:
Recibín a tua carta. Fólgome moito do éisito que tiveron os dous murales que recentemente fixeches. Eu sabía que che foran encomendados, pois informárame oportunamente o Domingo, e confiaba instintivamente no teu trunfo. As mostras que pouco a pouco vannos chegando de teu contínuo e intenso labor artístico non poden ser máis confortadoras. Un vigor san, no que vida e sentimento fúndense nunha pura inocencia ideal, resprandece nidiamente en tódal-as tuas cousas. Máis que a de artista ningún, a tua obra está feita co celme do teu propio corazón, co celme de un grande corazón. E iso, que se percibe misteriosa i-espontaneamente nas tuas cousas, espertou primeiro o noso interés, dispois a nosa simpatía e, derradeiramente, a nosa ademiración afervoada, o noso entusiasmo sin reservas. O teu arte, querido Luís, témolo por un arte “noso”, vivímolo e sentímolo como algo que “nos pertenece”. Níl hai algo co que todos sentímonos identificados, seipamos ou non seipamos ben o qué. Poidera coidarse que consiste nise logradísimo acerto formal de saberes identificar a nosa entrañábele tosquedade románica co-a elementalidade esencial do feitío moderno. A min paréceme, con todo, que non consiste soio niso, senón que máis ben atopamos en todal-as tuas cousas a imaxe de unha realidade vista desde un plano ideal do sentimento. Todo está envolto nunha invisíbele atmósfera de idealismo sentimental, todo se nos amostra con unha presencia real, vigorosa, san, e ó mesmo tempo, con unha sutil e vaga sensación de irrealidade, talmente coma se fosen cousas ó mesmo tempo vividas e soñadas no sentimento, ó mesmo tempo reales e irreales. Ou seña: é unha realidade dotada de toda a súa plenitude entitativa e ó mesmo tempo idealizada, ennobrecida sentimentalmente. De ahí que esteñas en posesión de un dos grandes segredos do esprito galego: o lirismo. O lirismo é o lingoaxe da nosa trascendencia. E tí, querendo ou non, sabéndoo ou sin o saberes, fálasnos nise lingoaxe das nosas verdás íntimas. Por iso as cousas que saen das tuas mans “son de todos nós”. Comprendo moi ben o amargurado dunha vida como a tua que ten que loitar co-a soedade, co-a lonxanía e co-a aspereza do medio. Moitas, moitas, moitas veces pensamos en vós e comprendemos a vosa mágoa. Non penses que non nos doe moi fondamente a lembranza da vosa lonxanía. Mais nós chegamos a nos decatare de que o único xeito de acompañar, a única maneira de crebar o voso isolamento espritoal, é facendo cousas, boas ou malas, que vos leven o alento vivo da Terra, que vos leven a certeza de que eiquí hai vida e confianza na diñidade do noso ser coleitivo. Canto facemos, cada ún na medida das súas forzas, está destinado a vós inantes que a ninguén. Por iso mesmo, prestamos unha grande atención a canto vós facedes, que pra nós vén a ser motivo de confianza e de fe. Cada cousa nova que nos chega, é un testemoio de que os perigos (pasados, presentes ou futuros) que amenacen a creación cultural dentro da terra, nunca poderán comprometer o seu destino inmortal. Fora hai quen a continúe. E tí, meu bó e querido amigo, tés a responsabilidade de encarnar en tí mesmo unha das máis firmes e outas garantías dista nosa fe, dista confianza que tanto nos anima nas horas de inquedanza. Non podes, de ningunha maneira, abandonarte á desilusión, por longa que vaia sendo a tua ausenza, porque todo o teu labor ten pra nós un outo siñificado. Si así non for, non sentiríamos a necesidade de facer presente en Galicia a tua obra. E ista necesidade sentímola, non por impulsos de pura amistade, senón pol-a sua siñificación ouxetiva. E pol-as mesmas razóns ouxetivas foi pol-o que lle encarregamos a Domingo de ser o seu definidor, xa que íl é, entre todos, o único que ten o privilexio de a conocer de maneira plena e direita, ademáis de ser, pol-a sua sensibilidade finísima e pol-a sua crara intelixencia quen millor o podía facer.
Nistes dias sairá o primeiro tomiño da coleición Monografías de Arte Novo, que está adicado a Colmeiro, con introdución de Bonet Correa. Axiña irá o adicado a Maside, con introdución de Xoán Ledo. Dispois virán o Eiroa e máis o Seoane, ún feito por ti i-o outro por Sabell.
Tamén estamos facendo unha nova edición da Guía de Galicia, de Otero Pedrayo, que quixéramos ter lista aló pra o abril. E simultaneamente iremos imprentando o Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega, do P. Sarmiento. Xa ves que tratamos de ir facendo cousas. Teño a espranza de que tamén dentro de iste ano pubricaremos un tomo de prosas galegas de Sabell, que por certo será unha verdadeira revelación. Estou convencido de que íl ha ser un verdadeiro renovador da prosa literaria galega.
Como podes comprender, alégrome moito da próisima saída dise libro de Lorenzo Varela. Lémbrome moi ben dos primeiros versos galegos que escribíu nos tempos da nosa adolescencia luguesa. Dende aquiles tempos sempre fun sabendo indireitamente da súa vida e traballos, pois sempre conservei a mesma fe que xa de rapaces tiñamos na súa valía. Daquela, xunto co-as íntimas inquedanzas poéticas, que níl eran ben acusadas, amostraba unha vontade enerxicamente aitiva e unha crara intelixencia, que facían díl un eficaz home de aición. Coido que foi desenvolvendo a súa vida paralelamente nistas duas liñas; supoño que asegún o mandado das circunstancias entregarase á poesía ou á aición. Pol-a miña parte, como sempre gostei da súa poesía, non lamento calisquer impotencia aitiva imposta pol-as circunstancias que lle poida ocurrir, pois nos versos ten un radio de aición máis amplio, tanto espacial como temporalmente, e sempre seremos máis os que participemos nos seus froitos.
Mandeiche o meu traballo novo sobre a saudade. Supoño que xa o terás no teu poder.
Por eiquí estamos padecendo unha boa invernía. Onte e hoxe está Santiago nevado.
Unha aperta moi forte do teu amigo
Ramon.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    27/01/1954
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: