Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
11/12/1955Guadalaxara. Xal. 11 Nadal 1955
Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Progreso 29-5º izq.
Vigo
Benquerido amigo:
Coido lembrar que o enderezo de Progreso 29, que é o que teño do amigo Del Riego, é o do voso bufete e por eso encamiño a el esta coa esperanza de que chegue a ti.
Recebín a túa de Bogotá, a que contestei; supoñendo chegase a tempo a miña resposta xa que non me devolveron a carta, en troques, a que che escrebera a México, na túa viaxe de fai un ano, devolvéronma. Tamén recebín o teu belo poema a Castelao, confirmándoche o xuizo que me mereceu cando ti mo liches.
Xa vin a nota que me adicas en Valdeorras –supoño será túa-; gracias por ela, inda que agora son xa cinco os paxariños e Guadalajara, e non Monterrey, é a segunda cibdade da República. Supoño que tamén será túa a nota que acompaña a interesantísima foto de Noriega e Valcarce, folgoume esa lembranza do noso poeta e a ver cando publicades unha escolma dos seus poemas.
Pra outra enviareiche a tradución de O Cimiterio Mariño de Valery.
¿Voltarás por esta algún día? Moito o quixera para poder falar longo da Terra.
Dementre non deixes de escreberme, carta longa, pois teño fame de saber de vosoutros, de Valdeorras e de Galicia.
Un garimoso saúdo á túa dona e fillo de todos nos e unha forte aperta para ti, con lembranzas de miña dona e rapaces
Florencio Delgado Gurriarán