Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Pérez Prado. 1973

22/06/1973
Manuel Núñez BúaRicardo PalmásAntonio Pérez PradoLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en


A Cruña, 22 de xunio de 1973

Dr. Antonio Pérez Prado
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Recibín o seu libro adicado que vostede me mandou e logo un paquete que remitiu a Editorial, e a mañífica resposta ó periodista de Faro de España e Núñez Búa, o da radio, non o bo. O libro, espléndido. Teño pensado facer unha nota pra La Voz de Galicia onde veño colaborando semanalmente. Penso que a editorial debía distribuílo en España, remitilo especialmente a Galicia pra se vender nas librerías, pois cavilo que tería moito éisito. Supoño que o terá tamén ahí onde sería moi espallado. O libro feito con amor, ironía e sin evitar as verdades por desagradables que sexan vén sendo un verdadeiro canto a Galicia, como di vostede ó final da súa carta ós malditos. Quixera telo escrito eu, e xa o digo todo.
Atopei a Palmás en Madride, onde dende o mes pasado fixen una exposición de óleos con moito éisito. Estaba estudando custiós referidas ó seu traballo. Aínda non veu a Galicia. Polo que a min se refire, publicaron en Galaxia un tomo de crónicas miñas feitas para pasar pola radio, unhas setenta, que estase vendendo moi ben e tivo crónicas moi boas. Tidúase Comunicacións mesturadas e remitireille un exemprar tan pronto teña algús.
Estos exemprares dos seus que me acaban de chegar distribuireinos entre algunhas xentes deiquí, entre elas ó direitor de La Voz de Galicia. Sei que a Piñeiro gustoulle moito.

Unha grande aperta de Maruja e miña agradecéndolle moito a súa adicatoria:

[Seoane]

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    22/06/1973
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Antonio Pérez Prado
  • Orixe:
    A Coruña
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada co logotipo do Laboratorio de Formas]
  • Termos clave: