Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Barcelona, 8 de marzo de 1971

Querido Luis:

Eiquí sigo cinchando á beira do Salvat, gran rapaz e verdadeiramente ilustre direitor. Os textos de ambentación histórica deixoumos todos pola miña conta, e toda a “ornamentación lírica”: festa dos maios e presencias populares. Na crónica prefacial que fai o coro, hai unha longa alusión o alzamento irmandiño, e na romería de Olmedo pasan dous jograres falando miñoto. E moi audaz de conceición e imos a vere o que deixa a censura. Onte fíxose o pirmeiro ensaio con masas e contamos empezar o 18 que vén. Istas son noticias pra ti, xa che mandérei programas e reseñas.
Tamen a propósito de Salvat che escribo. Xa sabes que ten feita unha notable peza titulada Castelao e o seu tempo. Dispúñase a estrenala en Coimbra cando o puxeron na fronteira... Agora, como direitor de Teatro Nacional de Barcelona, ten mais medios prá levala ó púbrico. Non ten direitos acordados pra esta representación polos herdeiros ou albaceas de Castelao. Fala disto con Prada pra que outros mais lixeiros ou mais frescos non lle “pisen” a intención, si á mau ben pra facelo mal como se adoita nistas improvisaciós. Dentro do espeitáculo Castelao-Salvat, van Os vellos non deben namorarse. Coido que é bastante unha carta. Ei vos vai o pedido tal como iste gran amigo noso mo formula.
Mandoume o Pepe Núñez uns recortes de prensa meténdose contigo e co Cuco rei. A capacidade de negación, de ingratitude e de insolencia da nosa coleitividade somella non tere fondo. É algo estoxante e indignante. Istas cousas esplican que en lugar de quedarme eí a debullar en pace os derraceiros anos da miña madureza –porque, finalmente, ese ambente tería que sere a miña patria inteleitual, xa que ei pasei toda a miña vida– tivera que esiliarme ó revés e afrontar o aprendizaxe novo e penoso da vida cibdadana nun ambente desaxeitado e difícile. Coido que nin saben o dano que fai sua soberbia e sua simplicidade ó xulgar os feitos dos demáis. Si hai algo evidente e conmovedor, é a túa participación única no prestixio dunha coleitividade á que nada lle debes e dunha terra á que lle debes tan pouco. Si ti necesitaras conforto pra seguires adiante, abondariache con saber, como sabes, que os que podemos xulgar, incruso co noso propio door de rexeitados tamén polos “imbéciles e oscuros”, estamos ó teu carón agora coma decote.

Agarimos a Maruxa e unha grande e vella aperta pra ti.

Eduardo

Apertas do Basilio.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    08/03/1971
  • De:
    Eduardo Blanco Amor
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Barcelona
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa, correccións manuscritas e co membrete:] Eduardo Blanco Amor.
  • Termos clave: