Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 15 de Xaneiro de 1974

Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo

Queridos Valentín e Pilar:

Recibimos a vosa carta do 30 de decembro pasado coas vosas agarimosas verbas de pésame polo pasamento da miña nai. Cando saímos desa non podíamos sospeitar que podía ocurrir tan de súpeto. Estaba ben, cos achaques da edade e mais nada. Ficaba feliz coa filla e ocurríu cuasi súbitamente, falloulle o corazón. Mais non quero falar desto. A nós prodúxenos door, algo que perdimos pra sempre e un algo que non podemos concretar, quedamos pra sempre afectados. O ano 73 foi un mal ano pra mín. Perdín dous amigos moi queridos, o escultor Luis Falcini e o Dr. Simón Scheimberg. Conocín os dous meses despóis da miña chegada a Buenos Aires fai mais de trinta e cinco anos, os dous axudáronme moito e débolles parte do que eu son eiquí. O primeiro orgaizóu a primeira esposición miña nunha galería da que era asesor, e o segundo mercóu o primeiro cadro que vendín eiquí. Logo Falcini orgaizóu outras duas esposiciós miñas na Sociedade Hebraica Arxentina, da que tamén foi asesor, e Scheimberg mercóu mais cadros e fixo o posi[b]le pra que outros os mercasen. Mais aínda sin este estímulo que pra min foi fundamental, débolles a sua amistade, o diálogo que mantiven permanentemente con eles durante 35 ou mais anos. Por outra parte o accidente que non somentes ferímonos senón que fixo que perdera tres meses de traballo. Mais o 73 xa pasóu. Imos ver que nos depara o 74. Estou pesimista, deprimido, sen siquer ganas de traballar.
Sentín moito tamén a desaparición de Lugrís. Fun seu amigo dende o 33 ou 34. Conocino por Cebreiro e dél conservo un poema que me adicóu con motivo da esposición miña do 63 na Coruña. E fai uns meses troquéille un cadro meu por un Collage de Lugrís a Patiño o de “Librouro” para o Museo. Foi un gran artista, mais a prensa galega descoñece a quenes en Galicia están a facer a sua hestoria e engrandecen a sua cultura. Eu agardo que agora ó pasar o tempo escriban sobor dél.

Unha aperta moi cinguida pra Pilar, Alfonso, a sua dona e tí de Maruja e miña:

[Seoane]

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    15/01/1974
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Valentín Paz-Andrade
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Termos clave: