Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en


VIGO, 30, Nadal, 1973

Queridos Luis e Maruxa:

Andaba escrito que o Ano teria que rematar con malas novas. O dia de Noiteboa enterramos a Urbano Lugrís en Pereiró. Agora recibimos, a traves de Paco del Riego, noticia da morte de tua nai (q.e.p.d.), en Xixón. Nunca a fala se fái mais pouco expresiva, que cando chega a vida d-un unha proba semellante a que estades pasando. Estamos a compartir na lonxania a vosa door. E ben pouco, pra tan abraiante pancada. E canto os amigos podemos. Diante da fatalidade irrecurrible non se abríu ainda ningun camiño confortador, e somente o tempo, e a vida que sigue correndo, poden proporcionar cicatrización.
O pobre Lugrís derrubóuse d-un dia pra outro. O seu xenio persoal, desordeado e sin liña firme nin siquera frente a vida, viña mascarando a gravedade das suas doencias. Maormente do corazón, que deixóu de latexar cando semellaba voltar ao seu. Costóulle traballo a Patiño, o de Librouro, internal-o no Hospital, pois sinteuse agudamente doorido na rua, cando rubía a costa que da Rua do Principe leva a librería. Nos mesmos dias, sin saber que se atopaba doente, e como outros anos, andabamos Alfonso i-eu a procura do pobre amigo pra non deixar que pasara a Noiteboa isolado. Non pudemos senon acompañal-o no camposanto, pois xa o levaran ao deposito de cadavres.
A prensa galega, fói inxusta, por cativa valoración, con este valor que perdemos. Somente a Voz de Galicia fixo algo mais digno, como de cote sucede. A xordeira dos outros, a insensibilidade, a cativez... e pra provocar desespero.
Nada mais. Estamos a vosa beira na amargura d-esta hora. Moitas, longas apertas de

Valentín

Ya sabéis cuánto os quiero, por eso vuestras penas y alegrías las siento profundamente. En estos días os recuerdo y recuerdo a mi madre.

Un abrazo con el cariño de siempre.

Mª Pilar

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    30/12/1973
  • De:
    Valentín Paz-Andrade
  • Para:
    Maruxa Seoane
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Termos clave: