Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.


Vigo 31/1/1965

Sr. don LUIS SEOANE LÓPEZ
Montevideo 1985, p. 13, dptº 68
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Onte recibín carta de Monfort comunicandome que o despacho definitivo da importación dos teus cadros está feito. Anunciame o envio da liquidación, que non chegóu ainda. Procederéi ao pago axiña que reciba as facturas.
Tamen onte –hai datas sorpresivas no orde das incidencias afíns– chegóu a nos Homenaje a Venecia, que é unha xoia chea de forza expresiva. Tanto nos grabados como na prosa do prologo, que ten unha calidade viva e nobre, a mais da riqueza de sentimento que a inspira. Moitas gracias, tamen en nome de Pilar, que vos recorda con moito cariño. Temos a Alfonso en Madrid, cumprindo as practicas das milicias. Ao chegar nomearon-o Xuez de causas do Aire –que belo tidoo se non correspondera a un Exercito– e ficará n-este choio ate fins de abril.
Dille a Isaac que recibín a sua derradeira carta. Imaxino que tenciona dirixir un mensaxe aos capitostes inspirado na penuria do agro galego. Meses atrás fixose unha eiquí, con moitas firmas. Seica iba a de Castroviejo en primeira. Non se conqueríu outra cousa algunha irritación e novo apretamento dos torniquetes. Penso que sería mellor aproveitar a laxitude natural e inconteñible d-estes resortes, ou operar por filtración e non por tunda ideoloxica, a que son inertes. De todol-os xeitos faréi si podo o que Isaac pide. E pol-o d-hoxe nada mais. Dille a Pepe que se recibiron os libros de Emilio, e Álvaro dóume un.

Con Maruxa as mais fortes apertas pra ti de

Valentín

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    31/01/1965
  • De:
    Valentín Paz-Andrade
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Nova York
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] V. Paz-Andrade / Abogado / Policarpo Sanz, 22. Tel. 1562 / Vigo
  • Termos clave: