Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.

----

Instituto de Literatura y Lingüística de la Academia de Ciencias de Cuba

[entidade cultural]
Epístolas
3 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1970-05-30
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1970
A Habana
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1970 en 30/05/1970


Habana, 30-5-70

Queridos Maruxa e Luis Seoane:

Supoñemos que están vostedes en Buenos Aires, pero ben sabemos que pode non ser así. Pode ser que estén no norde de América, en Suíza, Alemania, en fin... no mundo, nalgún ponto do mundo anque sempre en Galicia e sempre tamén en Buenos Aires. De cote vos sentimos moi perto de nós, asociados a toda imaxe elevada, a todo feito noble.
Coa presente, vai un recorte de España Republicana sobor do Museo de Arte Carlos Maside. Malia que non puido saír (asegún o director, non coupo) un recadro que prepara coa transcripción dun fragmento dunha monografía escrita sobre arte galego, editada polo Centro Lucense, coido que en 1961, onde vostede apontaba a necesidade dun Museo Galego especializado. Esta creación dagora paréceme estupenda. Colaborarei con vostedes. Ando a percurar artigos e incruso obras. (Dei cun traballo sobor do humorismo de Castelao –José Francés, El Fígaro, Habana 1921).
Na Sección Gallega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias, imos facer unha esposición de Tapas de Luis Seoane, ou Tapas de Seoane, ou Portadas de Seoane (o tiduo xa o veremos). É un centro cultural de prestixio. Ahí fixemos a esposición bibliográfica sobre Castelao, e a de Libros Gallego editados en América (que inda está andando).
De nós? Amais de todo o que supón o traballo neste país en Revolución, un traballo de emoción cotidiana, Anisia anda a escribir narraciós e teatro pra nenos. Eu: ten Isaac pra editar O cabaliño de buxo, e findei unhos poemas Poeta na Habana. Que hai de Cuco rei... (simpático título). Apertas fondas

Neira

1974-09-27
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1974
A Habana
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1974 en 27/09/1974

Habana, 27 de septiembre do 1974

A Luis Seoane (e a Maruxa)
Buenos Aires

Queridos amigos:

Chegou Luis López, o da UNESCO. Encantado das atenciós de vostedes, da vosa cordialidade. Luis é un rapaz de moita valía. Xa estivera aquí cinco anos atrás con Ramón Chao, o xornalista galego de Triunfo e de La Voz de Galicia, que escribe dende París. Ramón sustitueu a Luis no trafego que este tiña na Radiodifusión francesa. Faloume Luis de que están vostedes ben; aledámonos certamente. Falamos moito da obra de vostede. Amostreille libros de tapas, monografías, poesía, todo. Falamos da súa radical postura, do seu enorme labor editorial, de Galicia emigrante, das empresas culturales galegas xeneradas por vostede. Luis é do Bierzo e ten moita afinidade con Galicia. Díxome que lle tiña deixado un disco do Amancio Prada con poemas en castelán e galego musicados e cantados por el (por Amancio, craro). Aquí pasamos todas as canciós por La voz de España, audición semanal na que se fala moi seguido de Galicia.
Luis tróuxome tamén un álbum precioso. O álbum que vostede nos ousequia (dunha edición tan breve e siñificativa; en breve quixen decir, de somentes 40 exemplares) de Intentando golpear ideas, esa serie de formidables, siñificantes grabados que refrexan, con arte de moita calidade –como é o arte de vostede– un tema moi de sempre e moi aitual (e pra vostede moi sentido porque nesas xeiras andivo nos tempos mozos) como é o das loitas estudiantiles. Aitualísimo prólogo, orixinal espresividade a destes grabados que realmente golpean ideas coa súa vital presencia, co seu movimento. Gracias por este singular agasallo e pola fervorosa, fraterna, adicatoria. Orgulosos estamos de poseer esta xoia, editada por esa nova empresa, de curioso nome que é Cuco rei. É vostede un creador desbordante, inagotable.
De nós, nada novo. Anisia a escribir pra nenos. (Gañou meses atrás o Premio Nacional de Literatura (narrativa pra nenos) da Unión de Escritores de Cuba polo seu libro Los cuentos del compay Grillo, que incruie un viaxe pagado a un país socialista). E eu, sempre escribindo algo en galego, facendo algo de xornalismo literario aquí, e rexindo a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Agora estamos adicándonos moito ós índices de publicaciós galegas de Cuba (publicaciós que cheguei a catalogar un total de 62 tiduos, que non é pouco). Por certo, sería bo que o Instituto Argentino de Cultura Galega fixese trafegos similares, digo eu. Índices de publicaciós galegas da Arxentina. Penso na utilidade de Índices de Galicia emigrante e de Céltiga, por exemplo.
Non soupen máis do Ramón Temes. Dixo que viría outra vez a Cuba, pero, se veu, non soupen, e supoño que, se tivese vido, visitaríanos. Déanlle nosos saúdos.
Namais por esta vez. Agarimos de Anisia. Agarimos aos dous. Gracias por todo, en primeiro lugar, por esa amistade consecuente, iniciada hai algo máis de vinte anos (foi a fins do 53 que nos conocemos).

Unha forte, fraternal, aperta de

Xosé Neira Vilas

1977-03-22
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1977
A Habana
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1977 en 22/03/1977

Habana, 22-3-77

Queridos Luis e Maruxa Seoane:

Estivemos por Galicia fai catro meses. Igual que en 1972 por pouco –esta vez non tan pouco– non coincidimos con vostedes na Terra. Pero as cousas son así. Sabemos que lle gusta o inverno e a nós, pola contra, góstanos o vrao, non o moito calor, pero si fuximos do frío. Novembre era xa un pouco máis alá das nosas posibilidades térmicas. Dende que un se vai aplatanando o sol é un amigo. Agora sabemos por carta de Isaac que andades por ahí.
En Madrid, na casa de meu irmao, atopeime con A maior abondamento, formidable poemario, pleo de interés, estético e testemuñal. Gracias por ese regalo, e por esa adicatoria, e por esa amistade que viña espresada con moito sentir na adicatoria e na carta. Por si fosen pouco os libros, estas adicatorias, estas palabras cordiales que nos chegan algunha vez, de tanto en tanto, temos as noticias do seu quefacer por meio de amigos comúns, e o óleo que temos diante na sala da nosa casa, e as portadas (ou tapas) de tantos libros que acotío manexamos. E Diálogo, ese mural de cerámica Seoane-Arranz, que algunha vez imos ver á casa que foi de Álvarez Gallego e que agora ocupan un matrimonio de velliños. (Por certo, a nome da Sección Gallega do Instituto de Literatura e Lingüística, que eu dirixo, propuxen en principio levar a estes velliños –totalmente insensibles– un paisaxe, calquera cousa e que nos entregasen o mural, pero fun cun escultor amigo e soupen que non se pode sacar, pois está unido, pegado á parede de tal maneira que se rompería en anaquiños, eso me dixo; e o que farei cando menos, é sacarlle unha foto, de ser posible en colores. Atope entre os papeles de Álvarez Gallego unha carta de vostede e soupen por elo o do tiduo da obra, fermosa obra).
Fai pouco fixen un traballo cun fotógrafo amigo: rescatar, copiar dibuxos e palabras consiñados nunhas servilletas-recordo daquel agasallo, daquela cea que nos deron vostedes, moitos amigos, en Buenos Aires, o 28 de xunio do 61. Rescatei dibuxos de Isaac, Laxeiro, vostede, palabras de Dieste, Baltar, Lorenzo Varela (a quen vin en Madrid en novembre 76 ). En fin, sobre todo esto, e o mural, etc., escribirei algún día e airearei estes dibuxos das servilletas, de gran contido emotivo pra nós ó tempo que fermosos.
Por aquí algo imos facendo, na sección dita, e na investigación arredor dos galegos de Cuba. A laboura é moi grande e penso que dea máis dun libro. Teño proieitos, varios proieitos, somente quero tempo, anos, vida pra levar todo a cabo. Non perdo de vista, craro é, todo o que importa hoxe a Galicia viva, o intre que ahí se vive, pero se me toca en sorte (penso que en moi boa sorte) vivir esta esperencia, revolucionaria, de camiño é bo traballar historiando, ou como queira chamárselle a andaina dos galegos.

E namais. De Anisia prós dous, Maruxa e vostede unha aperta, e outra aperta do voso

X. Neira Vilas