Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.

----

Biblioteca Ayacucho de Caracas

[entidade cultural]
Epístolas
1 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1979-02-01
Carta de Palmás a Seoane. 1979
Londres
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Palmás a Seoane. 1979 en 01/02/1979


Londres, 1 de febreiro de 1979

Benquerido Seoane:

Perdoe o meu atraso en respostar a sua carta e en agradecerlle Imágenes de Galicia. O livro gostoume ben. Todas as xilografías forman un afresco histórico do país. Polo menos así o sinto eu. E non esclúo as lendas –eruditas ou populares– e a paisaxe, núltima instancia elas tamén son produto de situacións concretas e, alén da poesía que podan encerrar, cumpriron unha función.
Non sei se ésta chegará a tempo dantes da sua saida para Galicia, espero que si. A súa doación é, sen dúvida, outro sinal máis, por se facia falla, da súa xenerosidade e fidelidade ao país.
Pola miña banda ando mui enredado polo traballo. Teño que por en castelán o Formação do Brasil contemporâneo de Caio Prado Junior para a Biblioteca Ayacucho de Caracas. A obra é ben interesante ainda que escrita cos pés, o que acrescenta os problemas de tradución. Sei que o Lorenzo Varela estaba facendo algo para ela, mas ignoro se o probe chegou a rematalo.
Soupen da morte del polo Fernando Pérez Barreiro, coa natural sorpresa e tristura. Falei coa Inés, quen me contou o que pasara. Algo verdadeiramente absurdo. Nestes días apareceu en El País o artigo que estaba a escribir sobre A galecidade na obra de Guimarães Rosa do Paz Andrade. Leva unha introdución dese voso amigo uruguaio que traballa no xornal. Non me podo lembrar o nome.
Supoño que lle cadrará estar en Galicia para as eleicións próximas. Non teño nengunha esperanza acerca dos resultados. Hai uns días sairon as candidaturas. O Paz Andrade postulase para o Senado como independente. O Iglesias Corral por UCD d-A Coruña. O C. E. Ferreiro ía por Ourense nas listas do PSOE, mais agora non vai. Hai unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego (Camilo Nogueira), os restos do PSG e o recentemente formado Partido Galeguista. Ainda non o sei, pro coido que lles darei o meu voto, mais do que nada para contribuir a un intento de forza política non submetida a Madrí.

Unha forte aperta para Vd. e Maruxa e o meu desexo dunha boa viaxe e estancia na Terra.

Ricardo Palmás