
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia

Aurichu Pereira
Unha muller loitadora e unha creadora valente
12 de marzo de 2025Consellodacultura.gal
Difusión
Aurichu Pereira
Unha muller loitadora e unha creadora valente
Consellodacultura.galAurichu Pereira
Álbum de GaliciaAurora Pereira Carballo (Santiago, 1940-2023), coñecida como Aurichu Pereira, foi ”unha muller loitadora e unha creadora valente”. Así describe Mercedes Rozas a esta pintora, deseñadora, creadora e activista cultural na entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega.
A entrada elaborada por Mercedes Rozas destaca a importancia que os seus pais, ambos os dous mestres, exerceron nela. Aurichu amosou desde nova dotes para a arte e a música e foi alumna de Carlos Maside que, ademais de ser un referente, animouna a formarse no debuxo e na pintura. Completou os seus estudos artísticos, ademais dos musicais, en Madrid.
Mercedes Rozas explica que no seu regreso a Galicia, a mediados dos anos 50, "reencóntrase co colectivo intelectual de xente nova, que ten como referente a Ramón Piñeiro, director literario do Grupo Galaxia". A morte de Piñeiro e de Maside, nun momento en que as mulleres estaban relegadas á actividade doméstica, marcou o devalar de Aurichu. A entrada pon de manifesto o seu papel nas lecturas dramatizadas, nas representacións e numerosas actividades culturais na cidade durante a posguerra. Salienta tamén o decisivo rol na creación, coordinación e realización de actividades da Agrupación Cultural O Galo, traballo que compaxinaría co coidado dos catro fillos que tivo logo de casar con Salvador García Bodaño. "A vivenda familiar da Caldeirería converteuse en centro de reunión de inquedos universitarios, escritores, músicos, futuros políticos, incluso exiliados que, como Luís Seoane, de cando en vez, volvían a Galicia" destaca o texto que tamén apunta que naquel fogar se falou de literatura, arte, música e política. Entre as súas múltiples actividades, Mercedes Rozas, lembra o papel activo que Aurichu tivo no concerto de Voces Ceibes na sala Capitol.
No percorrido biográfico a entrada incide nas primeiras exposicións de Estampa Popular Galega nas que Aurichu participa “con obra daqueles primeiros pasos: figurativa, costumista-crítica e vinculada no formal a Carlos Maside”. É unha época na que participa en varias exposicións mentres vai buscando o seu estilo na pintura. En 1974 funda a galería de arte Grido na Rúa do Vilar e, tras o seu divorcio de García Bodaño, abre a tenda Xanela, arte do pobo na rúa Fonte Sequelo. Unha andaina na que aparca a pintura para dedicarse a outras iniciativas creativas. "E aquí non só marcou estilo senón que creou iconos" asegura a entrada do Álbum de Galicia.
A entrada compleméntase con materiais que achegan outras informacións sobre a creadora como ligazóns ao seu sitio web ademais de diferentes documentos e vídeos das homenaxes que lle realizaron tras a súa morte.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum de Galicia conta con máis de 765 entradas, das cales as máis recentes son as de Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares, Eduardo Lence-Sartar, Avelino Cachafeiro ou Lola Ferreiro. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Constitúe, xa que logo, un punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.