Unos años de emigración en Buenos Aires

Publicación.

Unos años de emigración en Buenos Aires

Clásicos da Emigración

Martes, 25 de febreiro de 2025
consellodacultura.gal
Publicación

Unos años de emigración en Buenos Aires

Clásicos da Emigración

Martes, 25 de febreiro de 2025 consellodacultura.gal

Unos años de emigración en Buenos Aires é o título do novo libro da colección Clásicos da emigración coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración, recuperan obras destacadas da emigración galega. Nesta ocasión achegan a edición facsimilar da primeira obra en prosa do xornalista ourensán Luis Sánchez Abal (?-1957), acompañada dun estudo crítico a cargo dos historiadores Xosé M. Núñez Seixas e Ruy Farías Iglesias. O volume xa está dispoñible para descarga no sitio web do CCG.
A décimo segunda entrega da colección presenta a edición facsimilar da primeira obra en prosa do xornalista ourensán Luis Sánchez Abal que ofrece un relato corrosivo e crítico dos inmigrantes galegos en Bos Aires e dos seus costumes e marcos asociativos. O relato garda paralelismos coa vida do autor xa que conta a andaina vital dun novo inmigrante, Aurelio Monterrey, quen traballa primeiro no comercio e despois tenta conseguir un oco no panorama literario e xornalístico. Conforme coñece a sociedade porteña e a colectividade galega, desenvolve unha postura crítica cara aos inmigrantes e as súas asociacións e festas, e experimenta unha fonda desilusión coas súas expectativas primixenias. A diferencia da vida real, o protagonista da novela decide voltar a Galicia, con certa soidade polos seus anos na metrópole austral. No estudo crítico que acompaña a edición facsimilar, os historiadores Xosé Manoel Nuñez Seixas e Ruy Farías destacan que o autor volveu sobre esta temática 1921 coa novela Carne de aventura. En ambas as dúas, dise no estudo, a “retranca e o estilo sardónico de Sánchez Abal combinábanse coa querenza pola descrición dos praceres mundanos e algúns tons pseudoeróticos, propios tamén da novela folletinesca, ademais dunha visión crítica e tendencialmente elitista do conxunto dos inmigrantes. Reflectía así mesmo nesas obras varios dos estereotipos en voga entre a elite da colectividade galaica, integrada por xentes do comercio e da industria, intelectuais e xornalistas, verbo do que se podería considerar a «masa inmigrante», as vagas de galegos e galegas que estaban a chegar á Arxentina na segunda e terceira décadas do século xx, na súa maioría labregos de orixe e cunha cualificación e alfabetización baixas ou limitadas”.

Sobre o autor
No estudo crítico tamén se ofrece un perfil biográfico do autor, Luis Sánchez Abal, do que se coñecen poucos datos. Nado en Ourense, sempre amosou aspiracións literarias que canalizou na poesía con publicacións na prensa local, ademais de gañar algúns certames literarios. Emigrou a Bos Aires, entre finais de 1911 e comezos de 1912. Sen certeza sobre os oficios que desempeñou á súa chegada, “tentou progresar no eido das letras e do xornalismo, no que avanzou con certa rapidez” afirman os autores do estudo. Mantivo un inicio na esfera pública cunha defensa a prol do agrarismo comandado polo crego Basilio Álvarez. Nesa etapa mesmo chegou a asumir o posto de delegado na Arxentina de Acción Gallega e o de vicesecretario da Asociación Rexionalista A Terra. Baixo o pseudónimo de Mingos d`Ourense colaborou no máis importante órgano periódico da colectividade galega, o semanario Correo de Galicia. Con todo, sempre escribiu en castelán e “compartillaba unha valoración entre folclorista e tradicional do idioma galego” asegura o estudo. Foi abandonando esta etapa a medida que deu o salto ao ámbito do xornalismo arxentino e pasou a desempeñar a secretaría de redacción da Revista del Plata. No estudo tamén se destaca que Sánchez Abal “comprometeuse de xeito proactivo e ata a súa morte na vida política do pais de acollida, como plumilla ao servizo de caudillos”. Militou na Unión Cívica Radical (UCR) e mantivo unha forte devoción política e persoal co seu dirixente nas décadas de 1910 e 1920, Hipólito Yrigoyen. Mantívose durante o período peronista e, nesa etapa, Galicia ficaba nun segundo plano nas súas preocupacións. Só consta un único regreso a Galicia, en 1929, da man do segundo mandato de Irigoyen como secretario da delegación da Arxentina na Exposición Iberoamericana de Sevilla e na Exposición Universal de Barcelona de 1929. Ao seu retorno trasladouse ao Río da Prata onde permaneceu ata a súa morte en 1957.

Colección Clásicos da Emigración
La emigración en Galicia, publicada por Ramón Castro López en 1923, foi o punto de partida dunha colección de libros que pretende ofrecer un reflexo do que supuxo a emigración galega. Está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que así poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio dende os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre este fenómeno migratorio a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. O AEG está dirixido por Xosé M. Núñez Seixas e conta entre os seus membros con María Alonso, Luís Domínguez, Marcelino Fernández, Gregorio Ferreiro, Xesús Fraga, Keina Espiñeira, Antía Pérez Caramés e Teresa Táboas Veleiro.

Ficha técnica 
Publicación
Unos años de emigración en Buenos Aires
Clásicos da Emigración
Cando
Martes, 25 de febreiro de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Luis Sánchez Abal
Organiza
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)