Galicia conta cunha gran riqueza de museos ou coleccións museográficas que responden a unha realidade moi diversa en canto a tamaño, recursos e públicos. Dez teñen máis de 600.000 euros de orzamento, mentres o 34% dispoñen de menos de 50.000 euros. A súa evolución nos últimos vinte anos é obxecto de estudo en ”Análise da situación dos museos e outros centros museísticos en Galicia”, documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na rolda de prensa celebrada esta mañá na sede da institución que o informe revela unha das grandes fortalezas “temos un patrimonio cultural rico e diverso, unha base sólida sobre a que construír iniciativas de investigación, documentación, conservacións, educación e difusión”. Nesta diagnose, o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Häkan Casares, apuntou que os expertos consultados para a elaboración deste informe sinalan que a centralización da xestión limitou a autonomía dos museos e cómpre deseñar unha estratexia para evitar convertelos en recursos turísticos e exposicións temporais.
Nos últimos vinte anos, aumentou o número de museos en Galicia, o que foi positivo pola maior dispersión da oferta cultural. “Este incremento, en proporción, foi superior ao do total de España, para converxer nunha ratio aproximada de 3 museos e coleccións museográficas por cada 100.000 habitantes” asegura o informe nas súas conclusións. Os datos reflicten tamén un crecemento importante dos fondos que albergan estas institucións e que actualmente superan os 4 millóns, o que tamén supera á media do estado. Con todo, o documento pon de manifesto que a realidade dos centros é bastante complexa e está chea de contrastres. En primeiro lugar porque é difícil de medir. O sistema de centros museístos só recoñece 91 centros deste tipo. Con todo, desde o Observatorio detectaron que existen 132 entes atopados que se autodenominan museo. En segundo lugar, porque a realidade destes centros é tamén moi dispar. Hai centros que teñen un orzamento anual de máis de 600.000 euros e hainos de menos de 50.000 euros, polo tanto con necesidades e recursos tamén diferentes.
Esa diversidade dificulta tamén o seu acceso estatístico. Cos datos dispoñibles, case o 2% do total do gasto (sen contar gastos correntes) en cultura da administración autonómica destinouse aos museos. A porcentaxe do indicador manexado nos concellos é aínda maior asegura o informe, que tamén apunta que a evolución dos últimos anos é claramente positiva. Con todo, o estudo tamén afirma que “na proporción de museos que reciben axudas da Administración autonómica, Galicia está por riba da media nacional, mentres que as achegas da Unión Europea son menos e máis irregulares en comparación co resto de España”. O informe afirma que a capacidade de xerar fondos propios (a través da venda de entradas, etc.) diminuíu de forma máis acentuada aquí.
Os públicos dos museos
A tendencia de asistente aos museos públicos de Galicia é de persoas novas, con estudos superiores e residentes en zonas con maior densidade de poboación. Con todo, aínda que o interese e a frecuencia dos que asisten aos museos medrou nas dúas últimas décadas; superáronse as cifras previas á pandemia e se traspasaron os dous millóns de habitantes, o informe asegura “o número de visitantes aos museos e coleccións museográficas galegas non ten unha evolución claramente favorable”. Situación na que se diferencia do conxunto de España, onde a tendencia foi manifestamente alcista. O informe tamén destaca que “os visitantes máis asiduos son unha pequena parte da poboación” e hai un 26% da poboación que manifestando un baixo interese. A maior parte dos museos reciben menos de 5.000 visitantes ao ano e practicamente ningún visitante doutro país. Só hai 7 que reciben máis dun 30% de estranxeiros e hai 11 que reciben máis de 40.000 visitantes ao ano.
Os estudantes e os turistas son aqueles grupos que os e as expertos e expertas analizados consideran públicos fáciles, xa que son usuarios e usuarias xa que os motiva o interese cultural e o enfoque educativo das visitas escolares. Máis complicado son os residentes en Galicia que presentan unha tendencia paradoxal “non visitan os espazos locais pero amosan interese polos doutras zonas cando viaxan”. Os usuarios frecuentes entenden a situación de limitación dos museos, pero demandan unha programación variada e dinámica, con actividades complementarias. Con respecto aos prezos das entradas, é considerada razoable e os usuarios habituais prefiren evitar a gratituidade porque cren que o pago simboliza un recoñecemento. Con todo, os usuarios ocasionais son máis sensibles ao custo e prefire prezos baixos ou visitas gratuítas e o importe pode ser determinante na súa decisión.
A visión dos profesionais
A insuficiencia dos recursos humanos dispoñibles e a falta de estabilidade laboral son as principais eivas que subliñaron os profesionais que participaron no estudo. Aínda que os datos estatísticos din que 8 de cada 10 traballadores teñen unha relación estable coas entidades que os contratan. Percíbese un consenso xeral para mellorar a profesionalización e a optimización dos recursos. A necesidade dunha maior autonomía, mellorar a coordinación e cooperación entre os centros e as súas redes son outras das críticas. A preocupación principal é que os museos se convertan en espazos orientados ao turismo e ás exposicións temporais que ás funcións para os que orixinalmente foron pensados. Existe amplo consenso sobre a necesidade de elaborar un plan específico para os museos e centros museísticos de Galicia. Instan ás administracións a ter unha estratexia global e coordinada para preparalos para os retos dos futuros.