Concerto - POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano. Luns 16 de decembro ás 18:00 horas

POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano

Concerto

POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano

Luns 16 de decembro ás 18:00 horas
Santiago de Compostela
Concerto

POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano

Luns 16 de decembro ás 18:00 horas Santiago de Compostela

Isidro B. Maiztegui Pereiro (Gualeguay, 1905-Mar del Plata, 1996) foi un compositor arxentino, descendente de emigrantes españois (de nai galega e pai vasco), que desenvolveu unha extensa actividade musical entre A Arxentina e España. Co paso do tempo convértese nunha das figuras máis relevantes da composición musical do século XX nos dous países debido á súa produción, que abrangue música de cine, teatral e de concerto. No ano 1994, animado polo profesor e xurista Luis Pérez Rodríguez, compón a derradeira obra do seu catálogo, os Seis poemas galegos de Federico García Lorca para canto e piano. Dous anos máis tarde, en abril de 1996, Maiztegui visita Santiago de Compostela para a presentación do libro O pórtico poético dos «Seis poemas galegos» de F. García Lorca, de Pérez Rodríguez, que ten lugar no Consello da Cultura Galega, onde estrea as súas cancións. Durante o recital, o propio compositor acompaña ao piano a soprano Marta de Castro. Un mes máis tarde, o 29 de maio de 1996, Isidro B. Maiztegui falecía en Mar del Plata.

Nesta ocasión, e con motivo do recoñecemento de Lucas López López co Premio Andrés Gaos na categoría sénior —que distingue a voz galega máis destacada, dentro do Certame de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela co apoio do Consello da Cultura Galega—, as composicións de Maiztegui volverán soar no piano da institución, vinte e oito anos despois da súa estrea.

Para coñecermos mellor a pegada de Isidro B. Maiztegui, a xornada iníciase cun relatorio a cargo de María Fouz, doutora en Historia da Arte e Musicoloxía pola Universidad de Oviedo, que nos permite coñecer a traxectoria vital e musical do compositor arxentino e o contexto de creación da música para os Seis poemas galegos de Federico García Lorca.

O programa continúa con Postais de Galicia: música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano, a proposta musical do barítono Lucas López López, quen, acompañado de Sander C. Lekkerkerk ao piano, nos ofrecerá dez pezas que constatan a devoción de Maiztegui pola cultura e pola lingua da súa nai. No repertorio figuran non só os xa citados Seis poemas galegos de Federico García Lorca, senón tamén obras musicadas dos poetas Celso Emilio Ferreiro e Rosalía de Castro.
Ficha técnica 
Concerto
POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano
Cando
Luns 16 de decembro ás 18:00 horas
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Organiza
Consello da Cultura Galega