Escola de Arquitetura Arte e Design, no Campus de Azurém, en Guimarães, do 3 de decembro de 2024 ao 10 de xaneiro de 2025Guimarães, Portugal
A exposición "Olladas #EMPC. Olladas #INSITU", organizada polo Consello da Cultura e comisariada por Rebeca Blanco-Rotea e Rosa Benavides García, inaugúrase o mércores 4 de decembro na Escola de Arquitetura, Arte e Design da Universidade do Minho en Guimarães. A mostra poderá visitarse até o 10 de xaneiro de 2025.
Ao longo das primeiras dúas décadas do século XXI as actividades habituais do Consello da Cultura Galega foron adquirindo novas formas e enfoques, froito dun cambio nas olladas e nos intereses da sociedade galega cara á cultura e, especialmente, ao patrimonio. Ás encomendas que como máximo órgano consultivo dos poderes públicos da comunidade autónoma eran xa habituais comezaron a sumarse iniciativas doutros axentes do eido patrimonial e da sociedade civil. Galicia mostraba unha actividade diversa, transversal e dinámica, tamén innovadora, arredor do patrimonio cultural.
Era necesario poñer en valor esta actividade a través da difusión mais tamén socializar a través da discusión e da participación.
Nesta dinámica nacen, en novembro de 2015, os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC), unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega na perspectiva de xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento sobre diferentes proxectos patrimoniais desenvolvidos en Galicia e no norte de Portugal, que non daban chegado a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acolleron calquera persoa que se quixese achegar a este espazo, profesionais da xestión do patrimonio ou da cultura e da investigación ou calquera axente social que tivese interese polo patrimonio e o debate arredor del. Ao longo dos 42 EMPC participaron un total de 183 convidados e convidadas e asistiron presencialmente preto de dúas mil persoas.
Os EMPC permitiron facer unha viaxe e ter unha visión de diferentes proxectos que contaban con moi distintos enfoques e que apenas son unha mostra, mais unha rica mostra, da potencialidade do patrimonio na construción de nós mesmos e da nosa identidade. Esta exposición quere ser unha homenaxe a todo o esforzo colectivo desenvolvido dende as institucións, as academias, os axentes culturais, o tecido empresarial, as asociacións culturais ou a cidadanía por coñecer, acrecentar, visibilizar e transmitir o patrimonio como expoñente da nosa cultura. Esta é só unha escolma de 15 dos 42 encontros realizados entre novembro de 2015 e novembro de 2023.