Tino Grandío. Nos 100 anos do seu nacemento

Xornada.

Tino Grandío. Nos 100 anos do seu nacemento

Revisando a nosa arte

12 de decembro de 2024
Lugo
Xornada

Tino Grandío. Nos 100 anos do seu nacemento

Revisando a nosa arte

12 de decembro de 2024 Lugo
O ciclo Revisando a nosa arte conmemora os 100 anos do nacemento do pintor Tino Grandío cunha xornada de lembranza, recoñecemento e aproximación a algunhas facetas esenciais da súa personalidade que, seguro, nos levarán a entender e valorar mellor a súa obra. Para desenvolver o programa temos o privilexio de contar con relevantes profesionais de distintos ámbitos da arte.
Constantino Grandío López naceu o 31 de decembro de 1924 na casa familiar de Lousada (Guntín, Lugo), unha construción señorial que no seu día foi casa-torre e que puidemos visitar grazas á colaboración da familia do artista, que ademais nos facilitou o acceso s documentación imprescindible para poder desenvolver este programa, así como para poder elaborar todo o material complementario, en particular o vídeo que se presenta neste encontro.
Grandío forxou a súa identidade artística afastado da formación oficial e acabou por establecer unha linguaxe plástica propia, orixinal, evocadora, totalmente identificable e dunha sensibilidade extraordinaria. Na súa produción, de abundantes debuxos e pinturas, e dalgunhas, moi poucas, esculturas, tratou variados temas e xéneros: retratos, espidos femininos, bodegóns —sobre todo, floreiros—, paisaxes de mar, de montaña e de bruma, escenas do traballo no campo, tamén de feiras e festas populares, animais… Desprazouse entre a figuración e a abstracción, entre o tradicional e o contemporáneo, e entre o crucial e o mundano.
A morte do pintor aos 52 anos, en plena madurez vital e artística, interrompeu unha traxectoria creativa ascendente. Unha exposición antolóxica, xunto co correspondente catálogo, coordinado por Luis Caruncho e editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, en 1996 impulsaron a recuperación da súa figura. Máis tarde viñeron outras iniciativas, como a mostra Tino Grandío. Pintando coas brumas no Museo de Belas Artes da Coruña en 2005. Alén diso, desde outubro do pasado ano o pintor conta cunha sala monográfica no Museo Provincial de Lugo, onde debuxos e pinturas del deixan ver a evolución do seu traballo, e afortunadamente a súa arte segue xerando interesantes proxectos expositivos, como o recente Tino Grandío. Correspondencias, da Colección de Arte ABANCA.
Grandío soubo do éxito, foi recoñecido con premios e distincións varios e a súa obra está presente en numerosas coleccións tanto públicas como privadas. A arte ocupou unha vida na que nada foi branco ou negro, sempre entre grises, como os que predominan nas súas pinturas. En todo caso, grises con moitos matices.
ASISTENCIA
Asistencia libre e gratuíta até completar a capacidade da sala.
LUGAR
Sala de Exposicións Capela de Santa María
Ronda da Muralla, s/n
Lugo
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica 
Xornada.
Tino Grandío. Nos 100 anos do seu nacemento
Revisando a nosa arte
Cando
12 de decembro de 2024
Onde
Lugo
Enderezo

Sala de Exposicións Capela de Santa María
Ronda da Muralla, s/n
Lugo

Coordinación
Lucila Yáñez Anllo-Vergas
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)
Colabora
CENTRAD/Centro de Artesanía e Deseño
Deputación de Lugo. Vicepresidencia de Cultura
Museo Provincial de Lugo

Imaxe da portada: Manuel Quintana Martelo