Trigonometría: medindo o mundo con triángulos

Difusión. Proxector

Trigonometría: medindo o mundo con triángulos

Martes, 1 de outubro de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Trigonometría: medindo o mundo con triángulos

consellodacultura.gal

Trigonometría: medindo o mundo con triángulos

Proxector

“Trigonometría: medindo o mundo con ángulos” é o título da nova entrega de Proxector, especial do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) que recompila material audiovisual para a docencia. O protagonista desta edición é o matemático José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) ao ser a figura homenaxeada do Día da Ciencia en Galicia deste 2024. Ao fío desta celebración, o CCG, a USC e a Real Academia Galega de Ciencias presentarán este xoves 3 de outubro (12:00 horas) en Santiago o libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime.
Xa está dispoñible unha nova entrega de Proxector, proxecto web do CDSG que xunta unha escolma de recursos audiovisuais útiles para profesorado e público xeral sobre distintos eidos do coñecemento. A nova edición deste mes ten a trigonometría como protagonista cunha ducia de pezas audiovisuais de carácter didáctico.

No especial ofrecido polo CCG pódense ver diversos materiais, entre os que se atopa un vídeo de introdución á trigonometría ou unha peza arredor dos usos das matemáticas na nosa vida cotiá. Tamén se poden ver dúas pezas de Xavier Pérez Couto, o divulgador AstroXabi: unha sobre conceptos básicos de astronomía e outra que ensina a calcular a latitude dun determinado lugar a partir das estrelas.

Nesta entrega tamén se recolle un vídeo que relata como é posible calcular o tamaño da terra co mesmo método que usou o grego Eratóstenes no ano 200 a.C. e outro sobre as medicións da liña costeira e as dificultades coas que se topan os cartógrafos no seu desempeño. As inquedanzas non rematan na Terra, xa que unha das pílulas audiovisuais conta a razón de que os científicos apunten cun láser medidor cada certo tempo á Lúa.

Outro dos vídeos aborda a distancia e nel formúlase a pregunta de cal ten que ser a distancia á que hai que situar unha persoa para que o ángulo de visión dunha estatua sexa máximo. Un problema enunciado polo matemático alemán Johann Müller Regiomontano, considerado, ademais, o creador da trigonometría. O científico, profesor da USC e divulgador Jorge Mira tamén ten o seu oco neste especial, neste caso coa explicación da pregunta “a que altura está o ceo?”

Sobre o matemático Rodríguez
O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade de Santiago de Compostela presentan este xoves o libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, ás 12:00 h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC. Non é o único recurso que se pode atopar sobre o matemático, xa que a súa entrada tamén figura no Álbum de Galicia, escrita por Margarita Barral.

Un apoio audiovisual ao ensino en galego
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un sitio web centrado en ofrecer de maneira atractiva e en lingua galega diversos materiais audiovisuais para o seu uso nas aulas de bacharelato e dos cursos universitarios. Para iso, unha vez ao mes escóllese unha temática protagonista, ao redor da cal se ofrecen para todo o público diversos vídeos elaborados por estudantes, divulgadores ou expertos sobre esta materia.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e comezou no ano 2015 dentro do portal educativo Didactalia. No 2018 o CCG, a través do CDSG, entrou na iniciativa para participar na comunicación e na edición dos contidos. Ademais, en virtude das competencias que lle son propias no coidado e difusión do idioma galego, o CCG pretende asumir a custodia destes materiais, ofrecidos a toda a sociedade nunha web dedicada a ese fin.
 
Difusión.
Proxector
Trigonometría: medindo o mundo con triángulos
Data de publicación
Martes, 1 de outubro de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Homenaxeado/a
José Rodríguez González