Agrupación Artística Gallega

Memoria documental das sociedades da emigración galega

Agrupación Artística Gallega

A Habana, 1919 ata a actualidade

Xoves, 26 de setembro de 2024
consellodacultura.gal
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega

Agrupación Artística Gallega

A Habana, 1919 ata a actualidade

consellodacultura.gal
Esta asociación cultural e artística creouse na capital cubana o 23 de setembro de 1919 co obxectivo principal de «cultivar la música y fundar una clase de declamación para crear artistas y con ella divulgar nuestro arte teatral», segundo consta no seu primeiro regulamento social (1919). No novo regulamento de 1921 deixa claro a súa defensa da arte e cultura galegas ao especificar que se tratará «(...) con preferencia el [arte] gallego para lo cual se crearán las secciones de Filarmonía, Declamación y Masa Coral».
Axiña se xuntaron máis de 300 socios para colaborar na boa marcha desta entidade e participar nas súas diferentes actividades culturais: en 1920 organiza unha coral e un grupo de teatro e poucos meses despois xa funcionaba un orfeón e un grupo de música e baile galegos, dirixidos polo mestre Ricardo Fortes.



Entre os seus membros máis destacados poderíamos citar a José Villamil (un dos seus fundadores e primeiro presidente), Luis Rey, Manuel Fernández Taboada, Maximino Matalobos, José García Pedre, Manuel Díaz González, Manuel López Rodríguez, Manuel Álvarez Lueiro, Paulino Fernández ou José Rivera Luaces entre outros.
Para celebrar as súas actividades artísticas e musicais, nos anos 30 inaugura na súa sede social un salón-teatro de 520 butacas, salas de entretemento e xogos e un bar social. Así, xunto coas cotas sociais, conseguía fondos para financiarse e ademais a miúdo colaboraba con outras sociedades galegas para acadar fondos a prol de diversas causas benéficas tanto en Galicia como na illa. Os e as socias dispoñían dunha extensa biblioteca con máis de 2500 libros.
En 1936 colaborou coa publicación de Cultura Gallega, unha revista ilustrada de información xeral, creada co obxectivo de divulgar a cultura galega en Cuba. Co cambio de década, en 1940 a Agrupación Artística Gallega edita como voceiro societario a revista Cultura Hispánica, que se considera continuadora da anterior aínda que ten unha viraxe clara na súa liña editorial como vemos no cambio de cabeceira.



Na década de 1990 sofre un incendio na súa sede, que provocou a perda de parte da súa documentación histórica e da biblioteca. En 2004, baixo a presidencia de Julio Santamarina, levouse a cabo a restauración do edificio –situado dende 1938, na rúa Zulueta 658, altos–, e do teatro onde continúa a organizar diferentes actividades: bailes, obras de teatro, actuacións musicais etc.





Documentación de "Agrupación Artística Gallega" que se pode consultar no Arquivo de Fondos do Consello da Cultura Galega

LIBROS DE ACTAS das reunións da Xunta Directiva dos seguintes períodos:
- Libro de 31 de outubro de 1922 ata o 9 de setembro de 1926
- Libro de 3 de maio de 1927 ata o 18 de abril de 1930 (incompleto).
- Libro de 5 de xaneiro de 1932 ata o 3 de xaneiro de 1934 (algunhas páxinas están moi deterioradas).

LIBRO DE ACTAS das reunións das Asembleas xerais de socios, de 30 de outubro de 1944 ata o 27 de maio de 1949 (incompleto) (algunhas páxinas están en mal estado de conservación).

LIBROS DE ACTAS das reunións da Sección de Propaganda:
- Libro de 6 de agosto de 1922 ata o 17 de marzo de 1924.
- Libro de 9 de marzo de 1939 ata o 16 de setembro de 1954 (incompleto, comeza na páxina 51).

LIBRO DE ACTAS das reunións da Sección de Arte e Cultura, que abrangue o período de 15 de febreiro de 1977 ata o 14 de agosto de 1980. Nas primeiras páxinas recóllese unha listaxe de membros e o regulamento de funcionamento desta sección.

LIBRO DE ACTAS das reunións da Sección de Orden, de 11 de marzo de 1977 ata o 27 de outubro de 1982. Nas primeiras páxinas aparece unha listaxe dos seus directivos e do regulamento desta sección.

REGULAMENTOS sociais mecanografados (borradores):
- Aprobado o 23 de setembro de 1919
- Aprobada o 13 de agosto de 1921

LIBROS REXISTRO DE SOCIOS:
- Libro de 1919 ata 1934
- Libro de Contaduría de 1926
- Libro de 1953 ata 1965.

- Libro de 1968 ata 1982 (incompleto). Pola lei de protección de datos non podemos difundir este libro de socios aínda que está custodiado no Arquivo.

CONTABILIDADE:
- Primeiro Libro de balance de tesourería: 1919 ata 1923 (incompleto).
- Libro de caixa de funcións teatrais de 1923 ata 1926. (incompleto). Nas últimas páxinas aparece o nome e enderezo dos asociados.
- Recibo pago de cota social (1931).

OUTROS DOCUMENTOS:
- Modelo de invitación societaria.
- Emblema societario (anos 2000).
 
Especial.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Agrupación Artística Gallega
A Habana, 1919 ata a actualidade
Data de publicación
Xoves, 26 de setembro de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)