A intelixencia artificial na cultura galega:

Difusión. Documento de traballo

A intelixencia artificial na cultura galega:

coñecemento, usos e opinións

Martes, 9 de xullo de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Documento de traballo

A intelixencia artificial na cultura galega:

coñecemento, usos e opinións

consellodacultura.gal

A intelixencia artificial na cultura galega:

Documento de traballo

O coñecemento e uso das tecnoloxías de intelixencia artificial (IA) na cultura galega son moi desiguais segundo os ámbitos temáticos profesionais. Así o pon de manifesto o documento de traballo "A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións", producido polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega. Mentres os sectores do audiovisual e das artes visuais (fotografía, deseño, arquitectura e publicidade) coñecen e empregan a IA de xeito moi estendido (63,9% e 61,8% respectivamente), noutros ámbitos é algo inferior, como a edición de libros (47,5%) ou teatro e danza (40,5%). Son a música, o comercio de libros, os departamentos de cultura das administracións públicas ou os arquivos e bibliotecas os que menos coñecen e empregan estas ferramentas, con menos dun 25% dos profesionais enquisados que manifesten un coñecemento da IA. Os datos foron presentados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, durante a inauguración da xornada "A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria" que se celebra esta tarde na institución.
Os datos proceden dunha explotación do Barómetro da cultura galega de 2024, un instrumento para a análise e o seguimento do sector cultural en Galicia no que o CCG entrevista a profesionais de máis de mil entidades vinculadas á cultura galega nas que se inclúen empresas, profesionais autónomos, administracións públicas e tecido asociativo. Entre moitas outras variables, aos entrevistados preguntábaselles polo coñecemento do concepto de intelixencia artificial, o uso de ferramentas deste tipo na entidade, tanto no presente como posibilidade a curto prazo ou o coñecemento das iniciativas lexislativas da Unión Europea para a regulación deste sector. Tamén se lles consultaba a súa opinión sobre o impacto da intelixencia artificial na cultura en diferentes ámbitos.

Un uso reducido
Só un 28,6% das persoas enquisadas afirmaron ter empregado a tecnoloxía da IA no seu traballo, e dentro desta porcentaxe, só un 10% afirma facelo de xeito frecuente. Porén, nos sectores do audiovisual e das artes visuais é onde máis profesionais empregan estas tecnoloxías, con porcentaxes do 44,3% e do 43,1% respectivamente, mentres que na administración o seu uso é moi reducido (7,8%) así como nos arquivos e bibliotecas (8,8%). Son os profesionais autónomos e as empresas os que máis a empregan (41,2% e 31,5%). As empresas con maiores ingresos as principais usuarias da IA (27,8%). Ao tempo, un 44,2% das persoas enquisadas afirmou non tela usado nunca. Porén, o coñecemento das iniciativas lexislativas da Unión Europea para a regulación do sector e a protección dos consumidores en relación á intelixencia artificial é moi elevado (un 73,3% das persoas enquisadas).

Usos de futuro
Unha significativa porcentaxe dos enquisados teñen altas expectativas sobre o uso futuro da IA. Un 42,9% das entidades agardan incorporar a tecnoloxía a algúns dos seus procesos e un 20,6% anticipa un futuro cun uso moi extendido. Curiosamente, a visión sobre o emprego futuro da IA é máis optimista nas administracións públicas e nos profesionais autónomos. Porén, a previsión da implantación de proxectos con IA na actualidade ou a curto prazo é moi baixa. Só un 14,9% das entidades están desenvolvendo proxectos con IA ou están xa preparándoos para a súa implementación. En xeral, os responsables das entidades pensan que vai haber máis emprego do IA no ámbito da actividade que na propia entidade.

Opinións divididas sobre o seu impacto
A opinión sobre os beneficios ou as problemáticas da IA no sector cultural está moi dividida. Percíbese unha "lixeira visión positiva" con respecto a que a IA será unha ferramenta "útil para o labor creativo e que o sector poderá tirar proveito da súa incorporación" (48,9%), pero unha parte importante dos responsables de entidades pensan o contrario (44,9%). A opinión máis optimista dáse nos ámbitos do audiovisual, museos e artes visuais, onde a intelixencia artificial está a ser máis usada, mentres que se perciben máis reticencias nos ámbitos nos que se usa menos, como a educación cultural, a edición, a música ou o teatro. Entre os elementos positivos, un 43,2% dos profesionais pensan que a IA pode axudar a configurar ofertas culturais personalizadas para os usuarios.
Un 47,5% dos xestores consideran que a IA pode dar lugar a "unha produción cultural que reproduza nesgos e prexuízos, como a discriminación por xénero ou racial" e un 56,2% pensan que unha maior introdución da IA vai supoñer a perda de postos de traballo. Ademais, un 58,2% afirman que estas ferramentas non facilitarán un "acceso máis inclusivo e democrático aos contidos culturais" e un 55,2% pensan que non van axudar a xerar contidos culturais orixinais. Os profesionais son tamén pesimistas ao redor da vantaxe que a IA pode ter para a difusión e acceso a contidos en lingua galega (un 55,1%), mais cunha porcentaxe importante que pensa o contrario (36%). Porén, un 62% considera que estas tecnoloxías axudarán a preservar, analizar e poñer en valor obras de arte.
 
Difusión.
Documento de traballo
A intelixencia artificial na cultura galega:
coñecemento, usos e opinións
Data de publicación
Martes, 9 de xullo de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Observatorio da Cultura Galega (CCG)
Observatorio da Cultura Galega (CCG)