A Illa das Esculturas de Pontevedra 25 anos despois

Xornada.

A Illa das Esculturas de Pontevedra 25 anos despois

29 de maio de 2024
Pontevedra
Xornada

A Illa das Esculturas de Pontevedra 25 anos despois

29 de maio de 2024 Pontevedra
Con pasos tardos, lentos, vou medindo
pensativo os campos máis desertos,
cos ollos abertos evitando
atopar pegada humana no camiño.

(Petrarca, Soneto XXXV)

En xullo de 1999 inaugurouse a Illa das Esculturas de Pontevedra, un espazo artístico mergullado nun contexto natural, a Illa do Covo, situado a apenas quince minutos camiñando do centro da cidade no que se congregaron varios dos creadores máis importantes de esculturas na natureza do mundo. Dende aquela, nomes como os de Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne e Patrick Poirier, Ulrich Rückriem e Enrique Velasco xeraron unha nova proposta paisaxística a partir da pedra e do seu contacto co medio natural. Hoxe, vinte e cinco anos despois, é un bo momento para pensar que é a Illa das Esculturas de Pontevedra, como foi a súa relación coa cidade ao longo destes anos e, sobre todo, de que xeito nos relacionaremos con ela no futuro.
Dende a máis remota antigüidade a nosa relación coa pedra, nomeadamente co granito, define a nosa identidade a través de monumentos prehistóricos, cascos históricos, construcións relixiosas e unha gran variedade de elementos etnográficos. Do mesmo xeito, a contemporaneidade artística propuxo novas lecturas dende ese material e o seu vencello coa natureza, así como a relación do ser humano con ela. A Illa das Esculturas constitúe un dos modelos máis importantes para visibilizar, explicar e contextualizar cales son esas lecturas a través da obra de doce referentes mundiais nun espazo privilexiado na Península Ibérica, sen parangón con outras experiencias.
O primeiro dos relatorios, da man de Ramón Rozas, permitirá coñecer o proceso de creación das obras e as xornadas de instalación das pezas, así como a relación da Illa das Esculturas coa sociedade ata os nosos días, a través dun tempo que limou diferentes tensións xurdidas da incomprensión, a falla de respecto ou a pouca confianza nas posibilidades deste recinto artístico. Antón Castro, comisario deste espazo artístico xunto con Rosa Olivares, explicará a xénese da Illa das Esculturas, a selección dos participantes e a interpretación conceptual das propostas. Rematará a xornada cunha mesa redonda na que participarán o propio comisario, Antón Castro, e Fernando Casás, un dos participantes na Illa das Esculturas, xunto coa artista Soledad Penalta e Paula Cabaleiro, comisaria de exposicións e xestora cultural, de modo que se amplíe o foco do que supuxo a creación da Illa naquel momento a través da visión dunha creadora cunha linguaxe semellante a aquelas propostas e dunha xestora cultural con ampla experiencia no traballo con diferentes artistas e proxectos colectivos.
ASISTENCIA
A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
LUGAR
Casa das Campás
Rúa Don Filiberto, 9
36002 Pontevedra
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal

Imaxe da portada: Ian Hamilton Finlay, Petrarca. Fotografía: David Freire
Ficha técnica 
Xornada.
A Illa das Esculturas de Pontevedra 25 anos despois
Cando
29 de maio de 2024
Onde
Pontevedra
Enderezo

Casa das Campás
Rúa Don Filiberto, 9
36002 Pontevedra

Coordinación
Ramón Rozas Domínguez
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)
Colabora
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. Universidade de Vigo

Imaxe da portada: Ian Hamilton Finlay, Petrarca. Fotografía: David Freire