O que pode a danza

Serie audiovisual.

O que pode a danza

Luns, 4 de decembro de 2023
consellodacultural.gal
Serie audiovisual

O que pode a danza

Luns, 4 de decembro de 2023 consellodacultural.gal

O que pode a danza


O que pode a danza é o novo produto audiovisual co que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega ao sector das artes do movemento. Trátase de oito pezas audiovisuais que nos achegan outras tantas experiencias singulares que amosan as conexións do mundo da danza coa sustentabilidade, co territorio ou coa empresa. Natalia Balseiro é a comisaria deste proxecto, que se acaba de presentar na Casa Vella de Amiadoso, en Ourense, e na Culturgal. A serie está dispoñible desde hoxe no web e nas redes sociais da institución.
Non son só proxectos escénicos, senón que son experiencias cunha certa singularidade que indagan no que a danza e as persoas que conforman o seu ecosistema están a producir no contexto cultural e social galego actual. A diversidade, a sustentabilidade e a proximidade son algúns dos ámbitos cos que se conecta a danza a través de experiencias singulares escolmadas por Natalia Balseiro. O proxecto contou coa dirección artística e técnica de Miramemira e recolle iniciativas de diferente magnitude que se están a realizar en Galicia neste momento. “Buscamos recoller experiencias de persoas vinculadas á danza, desde a xestión ou desde o ámbito creativo, que permitan ver como están a traballar co territorio, co traballo demográfico e en contextos rurais”, explica Natalia Balseiro, que incide en que a serie non esgota os modelos, senón que hai moitos máis. “Son procesos que están tamén en proceso, que amosan, desde traballos de investigación, iniciativas no rural que conforman un intercambio moi potentes”, explica Balseiro.

A través de oito capítulos percíbese que a danza é unha das artes que máis se adianta aos tempos, tanto nas propias producións artísticas como na súa linguaxe, e tamén na hibridación con outras prácticas e sectores, co seu poder de transformación social.

Os proxectos
A serie audiovisual está estruturada en oito capítulos que escolman outras tantas experiencias de todas as que se están a producir en Galicia.

A Casa Vella é un espazo de creación artística, encontro, mediación e dinamización do contexto rural que está en Amiadoso, preto de Allariz, e que serviu esta fin de semana de espazo para a primeira visualización deste proxecto. É un dos primeiros lugares deste tipo que se poñen en marcha en Galicia e un dos oito proxectos que se contan na serie. Esta aposta pola formación e as residencias artísticas no rural desde a sostibilidade non busca só danza, senón tamén natureza, benestar social e desenvolvemento profesional.


Caterina Varela explica o caso de TRC Danza, que é a programación anual de danza do Teatro Rosalía de Castro. Esta experiencia urbana mestura diferentes estilos de danza cun traballo de mediación cultural para atraer os veciños e veciñas da Coruña, co fin de que desenvolvan o gusto pola danza e de acadar novos públicos.


Unha cidade, danza e unha colección de moda. SóLODOS conseguiu trasladar a colección de desfiles con Adolfo Domínguez. Xurdiu no verán de 2019, cando esta marca téxtil encargou a Maruxa Salas e Erick Jiménez a posta en escena dos desfiles na cidade de Ourense, na súa volta ás pasarelas. É dun proxecto creado pola firma de moda para as diferentes coreografías e posta en escena dos desfiles, para os que contan con diferentes bailaríns e artistas.



Entre 2008 e 2018 emigraron 47.105 persoas de entre vinte e trinta anos de idade na procura de contextos laborais máis favorables. Esta vaga migratoria, analizada desde o grupo ESOMI da Universidade da Coruña, é o que Kirenia Danza puxo en marcha en “Emigrantas”, outro dos proxectos que figuran nesta serie audiovisual. O resultado esta peza de danza sobre a última diáspora galega con perspectiva de xénero. Dúas intérpretes en escena vivencian unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da derradeira diáspora, distintas das anteriores pero mantendo o pasado na memoria; en resumidas contas, unha peza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades, unha peza coa que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega.



Residencias Paraíso é un programa impulsado desde Colectivo RPM e pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística galega e a súa conexión con outros territorios. Lanza cada ano unha convocatoria para acoller entre oito e dez artistas que conclúe nun encontro na illa de San Simón.


“Cara a unha escena plural” é o proxecto que impulsa a circulación da danza e as artes vivas de carácter profesional no noso territorio. Busca procurar unha presenza estable e regular destas expresións nos espazos escénicos galegos. No vídeo explícase que funcionan a través do deseño de programas específicos para cada localidade, compostos por funcións escénicas e actividades paralelas acompañadas dun traballo de mediación.

“O corpo, o feminismo… como algo transversal” é o que Gena Baamonde e Andrea Quintana puxeron en marcha en VACAburra. Na súa idea, que arrinca en 2019, buscan unha confluencia de linguaxes que permite recoller das súas experiencias previas para crear desde Galicia. É unha conexión entre o académico e a escena que permite transformar en movemento unha investigación.

Sacra Experience é outra forma de gozar da Ribeira Sacra. Trátase dun proxecto vital amplo que busca a dinamización da zona, do que xorde un proxecto de formación estable de residencias artísticas e formación de artes para adultos, que busca que os creadores creen para un territorio e interactúen cos propios veciños e veciñas.


Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
O que pode a danza é un proxecto da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, entre os seus membros figuran Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García.


MAÍS INFORMACIÓN
CRÉDITOS DA SERIE
Idea orixinal
Natalia Balseiro
Produción
Miramemira
Redaccion
Alba López Álvarez, Maria Yáñez
Realización
Belen G. Ojea
Damián Varela
Montaxe
Belen G. Ojea
Óscar Silva
Grafismos
Raquel Enriquez Castro
Etalonaxe
Óscar Silva
Cámara e son
Damián Varela Pastrana
Fran Rodríguez Casal
Raquel Enriquez Castro
Belén G. Ojea
Ficha técnica 
Serie audiovisual.
O que pode a danza
Cando
Luns, 4 de decembro de 2023
Onde
consellodacultural.gal
Comisariado
Natalia Balseiro
Organiza
Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais (CCG)