A calidade da democracia

Ciclo. Foro Pensar o mundo dende Galicia

A calidade da democracia

Xoves, 11 de maio de 2023
Santiago de Compostela
Ciclo
Foro Pensar o mundo dende Galicia

A calidade da democracia

Xoves, 11 de maio de 2023 Santiago de Compostela
Dende 1983 ata hoxe o Consello da Cultura Galega leva corenta anos promovendo o debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que atinxen aos problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. Froito diso foi un amplo elenco de congresos, debates, xornadas, publicacións e informes. Recollendo o legado do feito na súa historia, mais con proxección cara ao futuro, o Consello da Cultura Galega propón un foro de reflexión arredor de cuestións candentes no mundo actual, estruturado en oito xornadas con periodicidade mensual (de marzo a novembro de 2023) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como a posverdade na información, a economía da cultura, os desafíos para o humanismo das novas tecnoloxías, a calidade da democracia, os retos presentes e futuros do feminismo, o papel do galego nunha sociedade multicultural, a sustentabilidade da economía global e o papel do patrimonio e da paisaxe. Máis de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial daranse cita en Santiago de Compostela para reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, con vontade interdisciplinaria e dialogante. Dende Galicia, recollendo a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, aspiramos a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.

A calidade da democracia

Quizais non haxa concepto en ciencia política máis diversamente definido, redefinido e disputado que o de democracia. A vella definición de Lincoln en Gettysburg semella aínda inalcanzable: «A democracia é o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo». Os requirimentos dunha democracia digna de tal nome van alén do concepto minimalista centrado na representación e a rendición de contas, para engadir as dimensións participativa, deliberativa e inclusiva. A todo iso cómpre engadir o problema da desigualdade, tendo en conta que unha economía da desigualdade se traduce politicamente en democracia desigual. Este foro ten como obxectivos: explorar teórica e empiricamente o problema da calidade das democracias contemporáneas dende o punto da igualdade, a liberdade e o control dos gobernos; discutir os diferentes criterios, índices e rankings de medición empregados na actualidade; abordar a interdependencia entre os deseños institucionais, a cultura política e a calidade da democracia, e discutir sobre as prácticas e achegas máis axeitadas para a mellora das democracias.
Ficha técnica
Ciclo.
Foro Pensar o mundo dende Galicia
A calidade da democracia
Data
Xoves, 11 de maio de 2023
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Ramón Máiz Suárez
Participante
Cristina Ares
Ruth Ferrero-Turrión
Cristina Monge
Relator/a
José Luís Villacañas
Organiza
Consello da Cultura Galega