CARLOS MASIDE

Xornada. Revisando a nosa arte

CARLOS MASIDE

Revisando a nosa arte

Mércores, 23 de marzo de 2022
Santiago de Compostela
Xornada
Xornada Revisando a nosa arte

CARLOS MASIDE

Revisando a nosa arte

Mércores, 23 de marzo de 2022 Santiago de Compostela
Un dos obxectivos que queremos reforzar desde a Sección é reflexionar sobre a nosa historia da arte. Con esta xornada iniciamos un novo ciclo co que pretendemos achegarnos ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX, que se presenta na renovación do Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e se enriquece nas seguintes décadas con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e traxectorias.

A figura de Carlos Maside (Pontecesures, 1897 – Santiago, 1958) inaugura a primeira destas entregas coa intención de analizar, entre outras cuestións, o exilio interior, a súa estética e temáticas como a iconografía feminina ou o museo e a Plataforma Carlos Maside, todo desde as voces e análises de Aurora Marco, Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Fandiño.

Pontecesures, onde naceu; Vilagarcía, onde traballando como empregado adquiriu unha conciencia que foi unha constante durante toda a súa vida; Madrid, onde entrou en contacto co mundo publicitario, coa caricatura e coñeceu o ambiente das loitas obreiras que o levaron a ingresar no Cárcere Modelo en 1930; Santiago como inicio da súa andaina pictórica e París, onde coñeceu as escolas europeas máis importantes e onde aprendeu a rebelarse contra o panorama artístico galego que se achaba ancorado nunha estética desfasada e costumista. Estes foron os vértices fundamentais da vida do pintor Carlos Maside.

Ao regresar de París instalouse coas súas irmás e os sobriños Maside Medina na casa nº 42 da rúa do Vilar, onde tamén tiña o estudio. Dicía Luís Seoane que lembraba a Carlos Maside en Santiago co seu andar lento, señorial, co ademán severo, portando permanentemente na man dereita o álbum de apuntamentos. E remata Seoane recordando a Maside como un gran pintor e unha das personalidades máis importantes de Galicia, na súa actitude moral, na súa galeguidade, na profundidade das súas conviccións.

Ao finalizar a Guerra Civil de 1936, con todos os seus amigos inmolados ou exiliados, Maside recluíuse e só a partir da década dos 50 exerceu un maxisterio socrático cos mozos que se lle achegaron, para compartir con eles o seu exilio interior. Maside transmitíalles a súa sensibilidade, o seu humanismo, a súa sabedoría e o seu compromiso moral.
Ficha técnica
Xornada.
Revisando a nosa arte
CARLOS MASIDE
Revisando a nosa arte
Data
Mércores, 23 de marzo de 2022
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Relator/a
Carlos L. Bernárdez
Xosé Ramón Fandiño
Aurora Marco
Organiza
Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: Autorretrato de Carlos Maside [recortada].