Situarnos: o poder dos museos

Situarnos: o poder dos museos

Xornada con Manuel Borja-Villel

Xornada. Venres, 4 de febreiro de 2022
Información

Situarnos: o poder dos museos

Xornada con Manuel Borja-Villel

Xornada. Venres, 4 de febreiro de 2022


"Situarnos: o poder dos museos" enmárcase na liña de traballo que o Consello da Cultura Galega está a desenvolver sobre a recuperación da autonomía política para Galicia e o impacto deste acontecemento, do que en 2021 se cumpriron 40 anos, nas políticas culturais. Estas discusións desembocaron na creación de estruturas culturais que hoxe, décadas despois, deben enfrontarse a un debate sobre a vixencia ou superación das súas funcións. A partir do caso concreto do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, representado polo seu director, Manuel Borja-Villel, esta xornada aborda a complexidade da institución museo e a posibilidade de atopar vías de traballo alternativas a aquelas pensadas no albor das políticas culturais da transición que, disfuncionais no presente, deben adaptarse a un novo marco social, ambiental, político ou económico.

O Museo Reina Sofía, entendido como museo situado, museo do común, museo en rede e museo hospital ‒conceptos teóricos postos en práctica por Borja-Villel na última década‒, é clave na procura de novas formas de relación entre a institución e a cidadanía. A xornada incorpora no seu título o termo “situarnos”, que apela ao coñecemento situado da epistemoloxía feminista e a adaptación do concepto á institución museo proposta polo Museo Reina Sofía. Tamén titulamos co lema “O poder dos museos”, elixido polo ICOM como epígrafe do Día Internacional do Museo de 2022 para reivindicar a forza, a posición e as posibilidades dos museos á hora de desafiar os retos e as necesidades do século XXI e de construír unha sociedade libre, democrática e culta.

Para reflexionar sobre estas cuestións, ademais dun seminario práctico con Manuel Borja-Villel e axentes do sector da arte e dos museos de Galicia, o director do Museo Reina Sofía manterá unha conversa con Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), museo nacido nesa eclosión de estruturas culturais ligada ás políticas culturais da autonomía.
Ficha técnica
Xornada.
Situarnos: o poder dos museos
Xornada con Manuel Borja-Villel
Data
Venres, 4 de febreiro de 2022
Coordinación
Susana González
Encarna Lago
Agar Ledo
Participante
Manuel Borja-Villel
Santiago Olmo
Organiza
Consello da Cultura Galega
Fundación María José Jove
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205


Imaxe da portada: Colección. Salas do Edificio Nouvel 0. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, novembro, 2021. Archivo fotográfico del Museo Reina Sofía