O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril

Xornada.

O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril

Mércores, 8 de setembro de 2021
Santiago de Compostela
Xornada

O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril

Mércores, 8 de setembro de 2021 Santiago de Compostela
En decembro de 2020 o Consello de Europa designou o 2021 como Ano Europeo do Ferrocarril, na estratexia comunitaria de favorecer un maior uso deste medio de transporte ecolóxico, económico e accesible a case todos os núcleos de poboación de dimensión media ou grande da Unión. En 2021 cúmprense, ademais, 140 anos da chegada da primeira locomotora de vapor a Ourense, que deu pé ao nomeado poema de Curros Enríquez "Na chegada a Ourense da primeira locomotora” en 1881. Semella, pois, unha ocasión acaída para revisarmos a situación dun dos eidos do patrimonio cultural menos interiorizados como tal pola cidadanía e que vén sendo obxecto de protección pública en Galicia desde a aprobación da primeira Lei do patrimonio cultural de Galicia, a Lei 8/1995, do 30 de outubro.

Porén, logo de sucesivas revisións lexislativas e malia o tempo transcorrido, segue sen existir en Galicia un Museo do Ferrocarril homologable ao de Euskadi, Cataluña, Asturias ou Madrid. Sobra lembrar a importancia deste medio de locomoción para a saída cara aos portos desde os que a poboación emigrante viaxou entre os séculos XIX e XX e a súa importancia para o transporte das nosas mercadorías cara ao exterior.

A modernización das redes ferroviarias foi obxecto de atención serodia e pouco decidida por parte das administracións públicas no decurso da Historia desde mediados do s. XIX e segue a ser unha cuestión pendente a conexión co resto de Europa polo corredor transcantábrico, así como coa fachada atlántica da Península. Non obstante, en importantes cidades e vilas de Galicia é doado atopar asociacións de “amigos” do Ferrocarril que manteñen a memoria do que supuxo a súa construción en canto a obra pública de extrema complexidade, coma aconteceu nas conexións coa meseta con túneles e viadutos que custaron moitas vidas e se converteron en referentes de deseño e solución de problemas complexos á hora de intervir en territorios coma o noso. Porén, segue pendente a abordaxe definitiva e homologada de espazos museísticos e centros de interpretación que cubran, na súa totalidade, a importancia deste medio de transporte para a conectividade de Galicia, por vía terrestre, co resto do continente europeo e o acceso aos transportes marítimos para o comercio e o movemento de pasaxeiros entre ambas as beiras oceánicas.

As propias infraestruturas son, en si mesmas, testemuño da complexidade orográfica e económica para a implantación deste medio de comunicación. Bo exemplo disto último foi a construción do chamado Viaduto de Gundián, en Vedra, inaugurado en setembro de 1958 como remate da conexión de Galicia coa meseta (tramo O Carballiño-Santiago de Compostela da liña Zamora-Ourense-A Coruña) e sobre o que existen interesantes traballos de “memoria” feitos por entidades sociais e tamén prestixiosos estudos de investigación histórica. En 2011 inaugurouse, en paralelo e tamén sobrevoando o Ulla, o maior viaduto construído até a data para o acceso do AVE a Galicia, acometido polo galego Grupo Puentes. Daquela, sen entrarmos a falar da nosa singularidade como territorio con “vía estreita”, operativa hoxe en día, ou a importancia de tranvías e trolebuses na conformación urbana de importantes cidades galegas, hai motivos abondo para abordar esta cuestión. Para iso proponse esta xornada, que se realizará o 8 de setembro de 2021, data que coincide coa inauguración, en 1958, como acabamos de dicir, do último tramo da conexión de Galicia coa Meseta.
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta. Abrirase a inscrición o 1 de setembro.
O número de prazas é limitado.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
A xornada será presencial e tamén retransmitida a través do noso web e da nosa canle en Youtube e logo permanecerá na Mediateca para consultas futuras.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica 
Xornada.
O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril
Cando
Mércores, 8 de setembro de 2021
Onde
Santiago de Compostela
Enderezo

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Rebeca Blanco-Rotea
María Xosé Porteiro García
Inauguración
Rosario Álvarez
Rebeca Blanco-Rotea
María Xosé Porteiro García
Presenta
Xosé M. Núñez Seixas
Relator/a
Carlos Abellán
Nieves Amado
Luís Blanco Gómez
Francisco Boluda
Rafael Cid
Javier Fernández López
Juanjo Olaizola
Xosé Ramón Veiga Alonso
Organiza
Consello da Cultura Galega

Imaxe da portada: ©xurxolobato