14. Anne-Marie Thiesse: A nación moderna: entidade política e comunidade cultural. Consecuencias e problemas actuais

Os xoves (RE)PENSAMOS

14. Anne-Marie Thiesse: A nación moderna: entidade política e comunidade cultural. Consecuencias e problemas actuais

Os xoves (RE)PENSAMOS
Santiago de Compostela
Ciclo en liña
A profesora Anne-MarieThiesse tenta, nesta conferencia, responder á pregunta que nos últimos douscentos anos intelectuais, políticos e xente común veñen formulando: Que é una nación? E aínda que esta cuestión tivo nese tempo innumerables respostas, como ben indica a conferenciante, e que poida parecer desfasada nos tempos que corren, non pode estar máis de actualidade: “Hoxe coexisten dous fenómenos aparentemente contraditorios: por una banda,a globalización semella ameazar os estados-nación e, por outra, estamos a vivir a reactivación da cuestión nacional e o rexurdimento dos nacionalismos en múltiples aspectos”.
A resposta, desde logo, non é sinxela. Thiesse retrocede aos inicios do nacionalismo como movemento social e político no s. XVIII e como creador da nación —non á inversa, como durante moito tempo se afirmou por parte dos estados nacionais—, apoiándose na invención do pasado, da lingua e dos símbolos, que acabaron sendo a base da identidade nacional. O século XIX foi a centuria da consolidación desta idea e o XX foi o da súa explosión mundial tanto nunha vertente liberalizadora como na máis escura relacionada co racismo e o xenocidio. É necesario que a distinción entre nacións políticas e nacións culturais non nos leve a pensar en bos e malos, xa que ambos os conceptos están interrelacionados: “Insisto, esta oposición entre nación política e nación cultura en absoluto permite clasificar as nacións que realmente existen no planeta”. A isto hai que engadir ideas desenvolvidas nas últimas décadas do s.XX, como a de patriotismo constitucional de Jürgen Habermas que pretende ser utilizada para definir a Unión Europea como lugar de encontro de diferentes estados-nación e crear, deste xeito, un ente supranacional e para o que se definen os lugares de memoria europeos, cidades de cultura europea ou premios ao europeísmo. Na teoría, toda esta armazón de ideas semella un bo comezo, pero levala á práctica é máis difícil.


Anne-Marie Thiesse
MAÍS INFORMACIÓN
As circunstancias extraordinarias que estamos a vivir obrígannos a repensar e a repensármonos. Por iso, neste tempo de confinamento en que non nos podemos xuntar para Pensarmos presencialmente no Consello da Cultura Galega cada terceiro xoves de mes, imos ir ofrecendo semanalmente a visión de distintos pensadores e pensadoras sobre temas de actualidade diversa para irmos construíndo coñecemento e suscitando o necesario debate. Para isto aproveitaremos os contidos do segundo volume de O(s) sentido(s) da(s) cultura(s) que acaba de ver a luz. Ao texto escrito sumaremos as gravacións das conferencias que inclúen os debates a que deron lugar, en interacción co público, entre o que se conta un selecto grupo de convidados e convidadas que tiñan acceso previo aos textos e opinión meditada. Nesta nova entrega presentamos a Anne-Marie Thiesse, directora do Centre National de la Recherche Scientifique (París).
Ficha técnica 
Ciclo en liña.
Os xoves (RE)PENSAMOS
14. Anne-Marie Thiesse: A nación moderna: entidade política e comunidade cultural. Consecuencias e problemas actuais
Cando
Os xoves (RE)PENSAMOS
Onde
Santiago de Compostela
Relator/a
Anne Marie Thiesse
Organiza
Consello da Cultura Galega