Deseño

Ciclo en liña. Diálogos confinados

Deseño

DIÁLOGOS CONFINADOS (8)

Luns, 15 de xuño de 2020
Santiago de Compostela
Ciclo en liña
Nesta oitava entrega de Diálogos confinados, Ramón Rozas, comisario, crítico de arte e membro da Sección de Creación e Artes Visuais contemporáneas, dialoga con:

Irene García
Socia e deseñadora en ekinocio comunicación, proxecto que iniciou en 2005 xunto coa tamén deseñadora Raquel Boo Anderson. Formada en Publicidade e Relacións públicas na Uvigo é doutora en Publicidade pola UCM e leva máis de 17 anos adicada ao mundo do deseño e da comunicación, traballando principalmente con PEMEs galegas e tamén con organismos e institucións tanto privadas como públicas. O último gran proxecto no que estivo implicada foi o desenvolvemento da gráfica e o catálogo da 1ª Exposición do Xacobeo 2021, Galicia, un relato no mundo, organizada pola Cidade da Cultura e comisariada por Manuel Gago.

Uqui Permui
Graduada en Comunicación (Especialidade en comunicación audiovisual). Posgrao Multimedia en Deseño de Interacción e Usabilidade (UX). Universitat Oberta de Catalunya ( UOC). Deseñadora e directora de arte en uqui.net, estudo que leva máis de vinte e cinco anos desenvolvendo diferentes proxectos no campo da comunicación, con especial incidencia na creación de estratexias que inciten á colaboración e á activación da esfera pública. Entre os seus últimos proxectos salientan a Campaña transmedia En negro contra as violencias, 2015-2020 e o Redeseño da marca Xacobeo 2021.

Este encontro sobre deseño xuntou a dúas creadoras con dúas décadas de experiencia no mundo do deseño e con responsabilidade directa na representatividade do sector, xa que son a presidenta e unha das socias fundadoras da DAG, Asociación Galega de Deseño, entidade que aglutina a profesionais do deseño de toda Galicia. Irene García e Uqui Permui salientaron o valor que o deseño ten, non só como imaxe final, senón como valor estratéxico que permite facilitar a accesibilidade e, en consecuencia, a vida da cidadanía. A crise de 2008, particularmente dura para o sector do deseño, forneceu unha importante aprendizaxe e a adopción de medidas de traballo en rede que, ante esta situación antes descoñecida de pandemia, se traduciu en protocolos e prácticas que se puxeron a disposición da cidadanía, administración e empresas e foron realmente efectivas. Así, entender o deseño como creación, un adiantarse ás necesidades, permítelles traballar colaborativamente coa clientela, tanto Administración como pemes, e conformar grupos interdisciplinares de traballo na procura de solucións e prácticas conxuntas. Problemas evidentes como a fenda dixital -entre outros- poden ser paliados se a Administración -tal e como os colectivos veñen reivindicando dende hai anos- integra o deseño como aposta estratéxica na súa toma de decisións e o entende como unha ferramenta para construír sociedade, non un simple resultado visual.

Ficha técnica
Ciclo en liña.
Diálogos confinados
Deseño
DIÁLOGOS CONFINADOS (8)
Data
Luns, 15 de xuño de 2020
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205

Modera
Ramón Rozas
Relator/a
Irene García
Uqui Permui
Organiza
Consello da Cultura Galega