A mediación cultural é un concepto polisémico que remite a un conxunto de prácticas que buscan facilitar o acceso a un determinado coñecemento cultural por parte de persoas e colectivos non expertos na materia. Na súa versión máis ambiciosa, persegue fomentar a produción de coñecemento colectivo mediante a participación activa da comunidade. Para abordar esta cuestión, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG organiza un ciclo de catro xornadas nas que se tratarán diferentes liñas de traballo agrupadas en catro eixes. O obxectivo xeral é trazar unha panorámica e estimular o debate sobre aquelas disciplinas académicas ou profesionais que se centran en facilitar o acceso da cidadanía á cultura e/ou en propiciar a participación cidadá no feito creativo.
I. A animación sociocultural, a cultura colaborativa e todas aquelas fórmulas que procuran a participación da cidadanía no feito creativo.
II. NTIC: o presente e a potencialidade das novas ferramentas e dispositivos dixitais para o achegamento de contidos culturais e artísticos.
III. Patrimonio, turismo e centros culturais: a elaboración de relato, o deseño de experiencias, as técnicas de programación cultural e a relación cos públicos.
IV. Medios de comunicación: o papel da prensa, televisión, radio e outras canles como escaparates da oferta cultural dun territorio.
O obxectivo específico da SEGUNDA XORNADA é realizar unha aproximación a algunhas das novas tendencias, estratexias e ferramentas coas que o público está a conectar cos contidos culturais e artísticos na contorna dixital. Nun primeiro bloque analizaremos prácticas artísticas e culturais que están a experimentar coa mediación tecnolóxica, especialmente propostas de hibridación entre a experiencia física e a dixital. Coñeceremos as novas posibilidades que se abren, pero tamén as olladas críticas sobre como está a influír a propia tecnoloxía e os novos hábitos de consumo cultural na nosa sociedade. Tamén, dentro dunha perspectiva de novas tendencias, exploraremos un dos últimos «bastións» dos consumos culturais tradicionais que resiste á súa dixitalización. Falamos neste caso de novos formatos e ferramentas inmersivas dentro das artes escénicas e musicais, que buscan levar a experiencia dun espectáculo ao vivo aos nosos fogares. Nun segundo bloque, centrado en experiencias galegas, coñeceremos dous casos de éxito de profesionais que traballan en entidades do país. En ambos os casos debullarán as estratexias que aplican, empregando ferramentas comúns como as redes sociais ou a creación audiovisual, para a divulgación cultural e a alfabetización dixital e mediática de adultos.
Próxima sesión: 12 de maio de 2020
III. Patrimonio, turismo e centros culturais: a elaboración de relato, o deseño de experiencias, as técnicas de programación cultural e a relación cos públicos.