Entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
Retirada de convites no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o propio día do concerto desde 1:30 min. antes do comezo do mesmo (teléfono:981 571 026)
A cidade da Habana, cuxo quinto centenario se cumpre en novembro deste ano 2019, posúe unha relevancia sobranceira na historia de Galicia. Na capital cubana existiu tamén un mesto tecido asociativo galego dende 1871 e nela resoaron ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo. Dende alí sostívose a Academia Galega dende o seu nacemento, así como ducias de escolas, sociedades agrarias e periódicos anticaciquís de ámbito local, ademais de forxárense ou estreárense símbolos da Galicia contemporánea coma o himno galego. O son das gaitas resoou nas rúas habaneiras durante décadas, pero tamén a música cubana viaxou nas maletas que os retornados trouxeron de volta da súa epopea transatlántica e encheron os campos da festa de exóticas rumbas.
O proxecto Foliada habaneira, de Alejandro Vargas Cuarteto, nace da simbiose entre a música galega e a cubana. A viaxe de ida e volta entre Cuba e Galiza representa un lugar desde o cal situarse musicalmente, que Alejandro Vargas (piano e dirección musical), Rosa Cedrón (voz), LAR Legido (percusión) e José Manuel Díaz (contrabaixo) realizan. As habaneras, o son, a «guajira» ou paralelismos improvisadores como o repentismo e a regueifa son as augas que constitúen este mar polo que transitaron e transitan Cuba e Galiza, muiñeiras e danzóns. Desde o mar de sal da Habana até o mar de pedra de Compostela.
Con este concerto, que establece un diálogo musical entre ambas as beiras do Atlántico, o Consello da Cultura Galega quere reivindicar a vixencia do legado galego en Cuba e, tamén, o tesouro cultural que chegou a Galicia nos baúis procedentes do Malecón da Habana, cando se conmemoran os 500 anos da fundación da cidade.