Unha das liñas principais de investigación do Consello da Cultura está centrada no estudo da arquitectura e do territorio e foi promovida en proxectos como as mostras de Alejandro de la Sota e de Arquitectura Institucional, realizadas en 1990 e 1991 respectivamente, e as publicacións Lugar, memoria e proxecto: Galicia 1974-1994 e Arquitectura moderna en Galicia.
A exposición Arquitectura galega: 25 anos de historia incide neste ámbito apostando pola ollada retrospectiva e panorámica, mediante a exhibición de paneis e maquetas, presentando un percorrido polas obras e proxectos da arquitectura contemporánea en Galicia ao longo das últimas décadas.