A obra de Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 ‒ Madrid, 1996) recoñécese como unha das máis representativas da arquitectura contemporánea e sitúao como un dos máis sobresaíntes representantes da arquitectura española do século XX. A exposición Alejandro de la Sota, arquitecto pretendeu poñer en coñecemento do público a súa produción a través dos seus debuxos, bosquexos e pinturas, co fin de achegarse á súa traxectoria e seguir descubrindo a súa singular poética. Acuarelas de Sanxenxo, debuxos da vivenda unifamiliar na rúa do Doutor Arce en Madrid ou do bloque de vivendas en Zamora ou Salamanca, do ximnasio Marabillas en Madrid, apuntamentos dos seus deseños de cadeiras ou da obra de Frank Lloyd Wright compoñen algunhas das pezas que se puideron contemplar nesta exposición.