O proxecto “Arquitectura desde” foi deseñado e promovido pola antiga Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega, coa coordinación xeral de Iago Seara, e realizado entre os anos 2003 e 2007. Dentro do interese pola formación dos e das profesionais da arquitectura, nunha vontade pedagóxica sen esquecer a vertente creativa, realizáronse un conxunto de xornadas de debate co obxectivo de analizar a realidade arquitectónica das diferentes zonas xeográficas da península. Foron presentadas as arquitecturas desde Lisboa, Cataluña, Madrid, País Vasco e Navarra, Castela-A Mancha, Azores e Madeira, e remataron coa análise da arquitectura desde os diversos territorios galegos: Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Vigo e, finalmente, unha xeral de Galicia.
Para publicitar e divulgar cada unha das xornadas editouse un cartel deseñado por Xosé Díaz (Imago Mundi). Cada póster ofrece un espazo de información e comunicación da arquitectura convidada coa presentación da imaxe dunha obra representativa de cada arquitecta ou arquitecto seleccionados, as fichas técnicas e o programa do encontro. Estes encontros, e coa axuda dos carteis, tiveron a intención de tender novas pontes entre a cultura arquitectónica galega e a dos diferentes territorios e actuaron a xeito de ferramenta de difusión no ámbito galego da traxectoria e da obra dalgúns dos máis destacados arquitectos e arquitectas que estaban a traballar nese momento na península.