Con motivo do seu centenario, a Coral Ruada de Ourense organiza o Concerto de Coros Históricos Galegos no que contará coa participación de Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Real Coro Toxos e Froles (Ferrol) e Coral Ruada (Ourense). O concerto conta coa colaboración do Concello de Ourense e o Consello da Cultura Galega.
Programa
21:00 h. Concentración e desfile dos Coros pola Rúa do Paseo e Valentín Lamas Carvajal ata desembocar na Praza Maior
21:35 h. Unha representación de cada Coro (5 membros por cada Coro) será recibido polo alcalde de Ourense na Casa do Concello
22:30 h. Concerto dos catro coros galegos históricos na Praza Maior de Ourense
Exposición Son de Galicia
Estes días na sede de Afundación de Ourense pódese visitar ata o día 7 de xullo a exposición Son de Galicia, organizada polo Consello da Cultura Galega. Son de Galicia é unha mostra que conmemora o importante labor cultural desenvolvido polas diferentes sociedades corais no desenvolvemento da cultura galega no século XX. Transita pola historia das catro formacións que continúan activas arestora: Toxos e Froles (1914), Cántigas da Terra (1916), Coral De Ruada (1918) e Cantigas e Agarimos (1921). A exposición, comisariada por Miguel Anxo Seixas, preséntase en 30 paneis acompañada de publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, traxes, decorados, fragmentos de prensa… a través dos que se pode reconstruír unha época especialmente vizosa para a nosa cultura.
Ademais de adentrarse na historia das catro formacións, nesta exposición poderanse coñecer tamén denominadores comúns a todas as sociedades corais da época: o traballo etnográfico de recollida e interpretación da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico, as xiras e viaxes nas que se converteron en embaixadores da cultura galega, os inicios dunha actividade teatral galega e o seu fondo compromiso coa lingua de noso.
Libro Os coros de Galicia
Esta publicación acompaña a mostra Son de Galicia, organizada polo Consello da Cultura Galega co obxectivo principal de homenaxear as catro corais galegas centenarias, na secuencia dos actos programados para reavivar a memoria das Irmandades da Fala e renderlles tributo, a elas e ao movemento xerado ao seu carón, pola pegada deixada na cultura galega do último século. Concibido inicialmente como catálogo da mesma, axiña cobrou vida propia e autónoma da man dos seus coordinadores científicos e dos expertos e expertas aos que foron encargados traballos contextualizadores e avaliadores do nacemento destas agrupacións, da súa pegada e da vitalidade do seu contributo.