Vocacións e ideais de Plácido Castro

Xornada

Vocacións e ideais de Plácido Castro

Venres, 22 de febreiro de 2019
Cambados
Xornada

Vocacións e ideais de Plácido Castro

Venres, 22 de febreiro de 2019 Cambados

Plácido Castro (1902-1967) é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Pola súa orixe e a súa formación, foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta. Humanista, anglófilo e erudito, ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.


Na súa traxectoria son de grande importancia os períodos británicos. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu na súa formación humanista e intelectual. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural da súa contorna, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.


A segunda etapa británica discorreu tras a Guerra Civil. Os camiños da vida levaron de volta a Plácido a Londres, onde colaborou varios anos coa BBC, sen perder o contacto con Galicia. Dende alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.


O universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos máis estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Plácido non é só universalista por convicción política, senón porque ese é o seu xeito de existencia, fondamente interiorizado e derramado en todos os ámbitos. Desde Londres ou O Salnés, Plácido apostou sempre por modelos de modernización de Galicia que preservasen o noso contorno e fixesen da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.


Esta xornada, organizada pola Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, e coordinada por Xulio Ríos, pretende afondar nos tres eixes que marcaron a vida de Plácido Castro: tradución, xornalismo e universalismo. 

Ficha técnica
Xornada.
Vocacións e ideais de Plácido Castro
Data
Venres, 22 de febreiro de 2019
Lugar

LUGAR
Centro ExpoSalnés
Paseo da Calzada, s/n
36630 Cambados
Tel. 986 520 786 – 986 520 943  ext. 769

Coordinación
Xulio Ríos
Clausura
Victor Caamaño Rivas
Inauguración
Fátima Abal Roma
Rosario Álvarez
Relator/a
Luís Álvarez Pousa
Laura Linares
Rubén C. Lois González
César Lorenzo Gil
María Xesús Lorenzo Modia
Colabora
Fundación Plácido Castro
Fundación Plácido Castro
Organiza
Comisión de Acción Exterior (CCG)
Concello de Cambados
Concello de Cambados

Imaxe da portada: Caricatura de Plácido R. Castro, por Álvaro Cebreiro