Conferencia
JOSEP RAMONEDA
"AS REVOLUCIÓNS DO 68"
Martes, 29 de maio de 2018
18:00 horas
1968-2018: de Berkeley a París, pasando por Roma ou Berlín, cincuenta anos despois seguimos a cuestionarnos se se tratou dunha revolución ou dunha revolta, do nacemento dunha contracultura ou do primeiro movemento antisistema... Os movementos do 68 posuíron un núcleo común pero articuláronse con loitas específicas en cada país; foron, de feito, "revolucións do 68": a Guerra de Vietnam, o dispendio da sociedade de consumo, a transición á democracia, o racismo, o feminismo. A longa sombra do 68 enxergou en parte o mundo de hoxe: o xiro posmaterialista nas mobilizacións políticas, a incomprensión da vella esquerda, o desacougo dos intelectuais progresistas de Adorno a Passolini pasando por Habermas, a evidencia de que o persoal é político..., razóns dabondo todas elas para celebrarmos a efeméride cunha reflexión.
Para falar e debater sobre todas estas cuestións, convidámoste o martes, 29 de maio de 2018, ás 18:00 horas á conferencia de JOSEP RAMONEDA titulada "As revolucións do 68".
Josep Ramoneda (Cervera, 1949). Periodista e filósofo. Director da revista La Maleta de Portbou e da Escola Europea de Humanidades de Barcelona. É colaborador habitual do diario El País, da Cadena Ser e do diario catalán Ara. Dirixe unha colección de ensaio en Galaxia Gutenberg e é presidente de Edicions 62. Foi director do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (1989-2011) e presidente do Institut de Recherche et d'Innovation (IRI) de París (2009-2014). Director do Instituto de Humanidades de Barcelona (1986-1989) e profesor de Filosofía Contemporánea na Universitat Autònoma de Barcelona (1975-1990). Publicou numerosos libros, entre os que destacan Apologia del present. Assaigs de fi de segle (Edicions 62, 1989), Después de la pasión política (Taurus, 1999), Del tiempo condensado. Globalización, inmigración, terrorismo, cultura (Debolsillo, 2003), Contra la indiferencia. Apología de la Ilustración (Galaxia Gutenberg, 2010), La izquierda necesaria (RBA Libros, 2012) e os libros colectivos Existential Utopia (Nova York, 2012) e Dónde vas Europa (Barcelona, 2017). Recibiu o Premio Ciutat de Barcelona de Projecció Internacional (2012) e o Premio Nacional de Cultura da Generalitat de Catalunya (2013).