As Minas de Wolfram de Valborrás de Casaio

Encontro. Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

As Minas de Wolfram de Valborrás de Casaio

Carballeda de Valdeorras

Martes, 19 de setembro de 2017
Santiago de Compostela
Encontro
Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

As Minas de Wolfram de Valborrás de Casaio

Carballeda de Valdeorras

Martes, 19 de setembro de 2017 Santiago de Compostela

O obxecto formal deste encontro é ofrecer un breve estudo histórico do Destacamento Penal das Minas de Wolfram de Valborrás de Casaio (Ourense) desde a súa fundación no mes de setembro de 1942 ata o seu peche a principios de xullo de 1944. Neste destacamento, situado nun dos puntos máis orientais de Galicia (termo de Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras) e na careada norte do Macizo Galaico-Leonés de Pena Trevinca, a unha altura aproximada entre 1300 e 1900 metros sobre o nivel do mar, redimiron penas polo traballo 463 penados, todos eles ex-combatentes republicanos na Guerra Civil, procedentes de case toda a xeografía española.


Comézase cunha breve exposición da evolución histórica das explotacións de wolfram no marco xeográfico onde están situadas as minas de Valborrás. Faise unha sucinta referencia á evolución das concesións e da explotación mineira nestas paraxes, que para unha maior comprensión divídese diacronicamente en tres fases: fase belga (1913-1929), fase dos alemáns (1938-1945) e fase final (1945-1963), con especial fincapé na fase alemá. Precisamente foi na fase alemá cando tivo lugar a creación do Destacamento Penal para Redención das Penas polo Traballo. Este destacamento ten a súa orixe no escrito que o 9 de setembro de 1942 Luís Soloaga Asua, enxeñeiro director da empresa Montes de Galicia, S.A., concesionaria desta mina e pertencente ao consorcio hispano alemán SOFINDUS, dirixiu ao Padroado Central para a Redención das Penas polo Traballo, dependente da Dirección Xeral de Prisións, solicitando 62 traballadores (29 mineiros perforadores, 29 mineiros axudantes e 4 servizos auxiliares), para ser empregados nas minas que a citada compañía tiña en Valborrás, termo de Casaio.


Contémplase a evolución do número da poboación recluída: lugar de orixe, condenas, prisións de procedencia, relación de todos os 463 presos, que pasaron polo Penal, etc. Ofrécese tamén o réxime penal, tendo en conta o aspecto laboral, o rendemento, a alimentación, a sanidade, as visitas de control, vixilancia, formación, asistencia espiritual, retribución económica, redención de penas, etc., para finalizar coa supresión do Destacamento Penal por mor de varias fugas de reclusos, que tiveron lugar a finais de xuño e principios de xullo de 1944, a raíz do desembarco de Normandía dos Aliados, e coa relación dalgúns dos fuxidos cos maquis.

ASISTENCIA

INSCRICIÓN
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia ao encontro.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.

LUGAR

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

MAÍS INFORMACIÓN

MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal/mediateca

Ficha técnica 
Encontro.
Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
As Minas de Wolfram de Valborrás de Casaio
Carballeda de Valdeorras
Cando
Martes, 19 de setembro de 2017
Onde
Santiago de Compostela
Enderezo

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Isidro García Tato
Relator/a
Isidro García Tato
Organiza
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)

Imaxe: Antigo lavadoiro de wolfram de Valborras. 1942-43