
Ciclo. Olladas de muller
Olladas de muller
7-11 Marzo 2017. CGAI. A CoruñaA Coruña
Ciclo
Olladas de muller
7-11 Marzo 2017. CGAI. A Coruña A CoruñaO Consello da Cultura Galega, en colaboración co CGAI, organiza con motivo do 8 de marzo, unha nova edición do ciclo Olladas de muller, onde se conxugan tanto películas asinadas por directoras galegas, como títulos actuais que se debruzan sobre a situación da muller en diferentes partes do mundo.
INFORMACIÓN
Todos os filmes se proxectan en versión orixinal, agás indicación contraria.
A duración dos filmes é orientadora e aproximada.
Esta programación pódese ver alterada por razóns alleas á nosa vontade.
Unha vez comezada a sesión, non se permitirá a entrada á sala de proxeccións.
As sesións de capacidade limitada teñen reservado un número indeterminado de butacas.
As sesións sinaladas con signos de exclamación (!) sofren modificacións respecto dos horarios habituais.
As entradas ás sesións do ciclo Olladas de muller son de balde.
SALA DE PROXECCIÓNS
CGAI. Durán Loriga, 10 baixo, 15003 A Coruña
Tel.: 881 881 270 Fax: 881 881 271
e-mail: programacion.cgai@xunta.gal
MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
www.cgai.org
Olladas de muller
7-11 Marzo 2017. CGAI. A Coruña A Coruña7 de marzo
18.00h.
70'. Vídeo. Subt. Castelán. Entrada de balde.
Malikat Syria / Las reinas de Siria
(Emiratos Árabes Unidos, Líbano, Xordania, Reino Unido, 2014)
Dirección e guión: Yasmin Fedda. Dur: 70'.
Cortesía do Bristish Council
Unha película amable para transmitir a desagradable experiencia do emigrante do século XXI: Las reinas de Siria, de Yasmin Fedda. O relato circunscríbese a 60 mulleres sirias que, logo de se desatar a recente guerra civil no seu país, se refuxian en Xordania. Alí dispóñense a preparar unha versión teatral das Troianas de Eurípides. Se ben a obra ten case 2500 anos de antigüidade, a actualidade das descricións e o sentido de desposesión desas mulleres de antano é un símil da experiencia das mulleres sirias, o que proba unha dobre universalidade: o texto en si é formidable, e o que se di nel ten unha índole transcultural e resignifícase en calquera época.
A apropiación do texto, doutra banda, está enteiramente desapegada da súa referencia ao pasado. Na posta teatral hipermoderna predomina un concepto de performance e de catarse. Eurípides no século XXI. Las reinas de Siria amalgama moi ben os ensaios, a vida cotiá das mulleres e a representación final. O medo atravesa a subxectividade de todas: algunhas temen polo seu regreso e prefiren non dar a coñecer nin o seu nome, nin o seu rostro. Despois de 5 semanas de preparación, das 60 quedarán unhas 25, e malia ser o elenco temerario, o medo subsiste. Conxúrase xusto cando se sente no peche: o xúbilo de todas as mulleres antes de subiren ao escenario é un dos grandes praceres que deixa esta película.
(Roger Koza, Otros Cines)
9 de marzo
18.00h.
96'. DCP. Subt. Castelán. Entrada de balde.
Ana Nojoom bent alasherah wamotalagah / 10 años y divorciada
(Iemen, 2014)
Dirección e guión: Khadija Al-Salami. Fotografía: Victor Credi. Intérpretes: Reham Mohammed, Adnan Alkhader, Sawadi Alkainai. Dur: 96'.
Como suxire o título, “Eu son Nojoom, 10 anos e divorciada”, mostra o matrimonio infantil en toda a súa repulsiva innaturalidade, mais tamén pon o acento no lado heroico do rexeitamento da vítima a aceptar o seu sino. Esta ópera prima segura de si mesma da guionista e directora iemení Khadija Al-Salami examina o problema dende un ángulo cultural e conclúe cunha mensaxe social moi apoiada na palabra, destinada ao público local (...).
(...) 10 años y divorciada cóntase por completo dende a perspectiva da nena. Isto acrecenta a inmundicia do drama e, mesmo se todas as escenas de violación ocorren fóra de campo, poderían provocar a saída da sala dalgúns espectadores. Como a película deixa escandalosamente claro, Iemen non conta con idade mínima para o casamento e o costume tribal non ve nada malo en casar nenas a idades tan temperás coma os 8 anos. Son escravas nas mans dos seus titores masculinos, quen as compran e venden en dote, coma no caso de Nojoom (interpretada con determinación gañadora por unha excelente Reham Mohammed), sen que nin sequera se lles consulte (...).
Aínda que ás veces se exceda, o filme é admirablemente franco e directo, cheo de auténtica cor local e xusto cun toque de poesía (...).
(Deborah Young, The Hollywood Reporter)
20.30h.
109'. DCP. Presentación: M. Rodríguez. Entrada de balde.
Migas de pan
(España, Uruguai, 2016)
Dirección: Manane Rodríguez. Guión: Xavier Bermúdez, Manane Rodríguez. Fotografía: Diego Romero. Intérpretes: Patxi Bisquert, Justina Bustos, Ignacio Cawen, Ernesto Chao, Cecilia Roth, Sonia Méndez. Dur: 109'.
Con motivo da exitosa estrea deste último traballo de Manane Rodríguez en Uruguai, o crítico dun xornal local, La Diaria, escribiu que “esta película tería que terse feito hai 20 anos”. Á sociedade uruguaia tócalle interrogarse sobre o porqué de tan singular ausencia, cando cines coma o chileno, o brasileiro ou o arxentino abordaron tanto e tan ben o tema da prisión e da tortura de militantes de esquerdas por parte das ditaduras respectivas entre os 70 e os 80. A nós tócanos, en cambio, dicir que Migas de pan é un documento esclarecedor, doloroso e imprescindible sobre aqueles anos funestos nos que saltaron polos aires os réximes democráticos da zona. Esclarecedor porque, contra a tendencia dominante, non fala de presos homes, senón mulleres: dobremente vítimas, pola súa ideoloxía e polo acoso persoal e sexual ao que foron sometidas. Doloroso porque, malia a seca concisión con que Rodríguez, unha cineasta á que algunha vez deberiamos recoñecerlle a súa coraxe cívica coas vítimas (e non só as uruguaias), e malia tratar un tema tan espiñento, xamais cae no sensacionalismo: é o seu un discurso que pon en primeiro plano outras cousas, coma a solidariedade entre mulleres ou a valentía de quen, unha vez en liberdade, ousa querelarse (e con éxito) contra os seus vitimarios. Claro que non evita mostrar as torturas; mais só para lembrar que estas foron afrontadas como unha técnica masiva polos militares, xamais para provocar a adhesión fácil do espectador.
É imprescindible, en fin, porque contra o cómodo lugar común de colocar estes asuntos no esquecemento, a cineasta volve solicitar a memoria das vítimas, consúltaas (nisto o filme actúa case coma un documental a partir da memoria oprimida) e deixa as súas verbas, as súas accións e a súa estremecedora solidariedade en mans duns actores, todos espléndidos, mais entre os que sobrancea a cegadora Justina Bustos, un verdadeiro achado.
(Mirito Torreiro, Fotogramas)
10 de marzo
18.00h.
65'. DCP. Subt. Castelán*. Entrada de balde.
El futuro perfecto
(Arxentina, 2016)
Dirección: Nele Wohlatz. Guión: Nele Wohlatz, Pío Longo. Fotografía: Roman Kasseroller, Agustina San Martín. Intérpretes: Xiaobin Zhang, Saroj Kumar Malik. Dur: 65'.
Xiaobin, a protagonista de El futuro perfecto, é unha moza inmigrante chinesa que chega a Arxentina e enfróntase á tarefa de construír o seu novo presente e futuro. A chave para entender o seu novo país é o idioma e isto queda claro nas escenas que retratan o proceso de aprendizaxe, nas que hai tanto de realidade coma de posta en escena.
A ficción e o documental retroaliméntanse neste filme que non teme utilizar ferramentas dunha e doutro para poder expresar a experiencia do inmigrante que constrúe unha nova vida lonxe do seu país de orixe, que implica ata ter que atopar un novo nome en español. A realizadora Nele Wolhatz consegue experimentar coa narración e entregar ideas interesantes sobre o que significa ser inmigrante, sen deixar de lado o humor e o encanto que emanan da historia e os seus personaxes.
(María Fernanda Mugica, La Nación)
20.30h.
70'. DCP. Entrada de balde.
Visións
(España, 2016)
Coa determinación de lle dar pulo a un proxecto concreto con temática ou punto de vista de xénero, comisariamos unha película colaborativa en que se propón a dez mulleres dirixir unha minicurta en contacto coas outras camaradas. O certo é que como directoras fixeron tamén de cámaras e montadoras, e esta capacidade de realizaren unha película do comezo ata a fin coas súas propias mans, cun axustado orzamento, é o que define o cinema que practican.
Xisela Franco, comisaria
Pezas que integran o proxecto:
Proxectar-se (2016), de Eva Calvar
Vídeo, 3 min 30 s. Explorar a intimidade da creación. Construír a corporeidade da natureza. Observar a muller como razón poética, razón creadora. Falar do impropio e do propio que reside en cada ser.
1/2 (2016), de Olaia Sendón
Vídeo, 3 min 30 s. Un díptico, un experimento, unha muller que somos moitas... un berro para facer oír a nosa voz.
Ambos mundos (2016), de Claudia Brenlla
Vídeo, 10 min. Ano 2016: acepto a proposta de realizar unha peza audiovisual para a súa inclusión nun proxecto colectivo. Achégase o día da entrega e non consigo rematala. A intromisión dun amigo suporá a salvación do meu traballo.
Ei, guapa! (2016), de Sonia Méndez
Vídeo, 6 min 40 s. Unha muller camiña pola rúa. Un home vai detrás.
Aava (2016), de Andrea Zapata-Girau
Vídeo, 5 min 30 s. Hanna enfróntase ás dificultades cotiás de conciliar un traballo artístico que a apaixona co coidado da súa filla Aava, á que deixa cada día coa súa avoa chilena mentres vai traballar ao teatro. As dúas mulleres partillan un mesmo amor pola pequena Aava, mais as súas dificultades de comunicación fan reflexionar a Hanna sobre a relación entre ambas.
Aquí dentro (2016), de Lara Bacelo
Vídeo, 12 min. Exploración cinematográfica, de a cabalo entre a ficción e o documental, que relaciona o interior dunha casa a través das súas marcas, luces, humidades, co interior do corpo e a mente dunha muller.
Zeitübergreifend (2016), de Begoña M. Santiago
Vídeo, 8 min. Zeitübergreifend (alén do tempo e lugar) parte dunha fotografía, onde cinco xeracións de mulleres da familia de miña nai se reúnen na sala da miña tataravoa, cando ela tiña 105 anos de idade. A proposta é, por tanto, unha viaxe a través do noso álbum de familia no período entre 1878 (ano de nacemento da miña tataravoa) e 2016.
Voguing (2016), de Carme Nogueira
Vídeo, 3 min. Visita guiada nunha rúa en que o corpo da narradora se fai visible pola voz e polo encontro cos outros corpos. O audio fai referencia a como o propio corpo, sobre todo aqueles corpos que teñen que aprender a se comportaren, se configura a través do performativo.
Corpo preto (2016), de Diana Toucedo
Vídeo, 7 min 30 s. A partir do filme Límite, do director vangardista brasileiro Mario Peixoto, explórase o corpo feminino perante as propias angustias e medos nunha obra de remontaxe. Un corpo que desexa estar preto da luz, mais tamén da escuridade, así como as imaxes que, desde os anos trinta, chegan coma vagalumes polo poder do cinema como médium.
Listen to Me (2016), de Carla Andrade
Vídeo, 7 min. Listen to me é un xesto (audiovisual) que pretende inverter a eterna posición da muller como obxecto de visión para pasar a vela en subxectivo, "escoitala" en vez de mirala.
Unha muller vella míranos, estática, sen nos ver. Unha moza camiña e é arrastrada por unha ovella nunha praia cunha illa ao fondo. Outras contemplan un océano irreal, coa illa de lonxe. Mulleres do sur do Nepal atravesan un campo de trigo, alleas. E a auga, como combinación do inefable e o material.
11 de marzo
Sin Dios ni Santa María + Montañas ardientes que vomitan fuego + Tout le monde aime le bord de la mer
18.00h.
45'. DCP. Entrada de balde
Sin Dios ni Santa María
(España, 2015)
Dirección, guión, fotografía: Samuel M. Delgado, Helena Girón. Con: Enedina Perdomo, Carmen Montero, Zacarías Campos Cruz, Luis Diego Cuscoy, Nazario Hernández Siveiro. Dur: 12'.
A cada vez máis evidente hexemonía das tecnoloxías dixitais, que por diversas razóns (políticas e económicas, especialmente) terminou por facer desaparecer das prácticas industriais os formatos fílmicos tradicionais, abriu unha fértil vía de traballo –en parte fetichista, en parte reivindicativa e nostálxica– con formatos que moitos quererían condenados á desaparición, coma o 16 mm ou o súper 8. Unha das vías tomadas por esta reivindicación do celuloide pasa pola exploración da parte máis fantasmagórica das imaxes. É o caso do sobresaliente traballo de Samuel M. Delgado e Helena Girón, Sin dios ni Santa María, que leva xa unha espectacular carreira por festivais experimentais de todo o mundo.
Traballando con material en 16 mm caducado, e recuperando unhas gravacións etnográficas de audio realizadas nos anos sesenta, Delgado e Girón realizan un traballo que cae máis preto da etnografía experimental, da antropoloxía alucinada, que do documental convencional. A mestura dos audios dun pasado recente, mais xa desaparecido –un traballo sonoro que combina o rexistro coa distorsión–, cunhas imaxes voluntariamente imperfectas, sometidas ao azar dun revelado artesanal, converte a película nunha especie de viaxe imposible por un tempo que non existe: un punto intermedio entre o alén e o noso pasado máis recente, unha especie de taboleiro ouija cinematográfico sobre o que sobrevoan mitos de bruxas, mulleres malvadas e temores ancestrais que a materialidade das imaxes e das gravacións sonoras, ambas fisicamente tanxibles, non consegue atrapar.
(Gonzalo de Pedro, Otros Cines Europa)
Montañas ardientes que vomitan fuego
(España, 2016)
Dirección, guión, fotografía: Samuel M. Delgado, Helena Girón. Con: Silvia Navarro, Francisco Pérez. Dur: 14'.
O interior da terra convértese en refuxio fronte á ameaza que se achega á illa. Os tubos volcánicos actúan como vasos comunicantes entre espazos e tempos. Neles experiméntase a resistencia.
“Boa parte da primeira metade de Montañas ardientes é fondamente escura, tanto, que as imaxes aparecen na pantalla no máis absoluto extremo da visibilidade. Como a maior parte do filme está rodado en covas subterráneas, a parella pasa moito tempo a palpar inquietantes superficies de rocha e muros, delimitando o agochado espazo de realidade volcánica como alguén que terma das cicatrices do tempo. Máis interesante aínda, Delgado e Girón inciden nesta textura de superficie engurrada ao usaren película caducada e/ou ao revelaren manualmente o celuloide, como xa fixeran en Sin Dios”.
(Michael Sicinski, en “TIFF 2016. Wavelenghts Shorts”, para Mubi Notebook)
Tout le monde aime le bord de la mer
(España, Marrocos, 2016)
Dirección: Keina Espiñeira. Guión: Samuel M. Delgado, Keina Espiñeira. Fotografía: Jose Alayón. Dur: 18'.
Un grupo de homes espera nas marxes dun bosque costeiro para viaxar a Europa. Atópanse nun limbo entre o tempo e o lugar. Alí fílmase unha película en que documental e ficción se entrelazan constantemente. A paisaxe muda, onde están xa non é o seu fogar. Non hai praias bonitas, a auga non é transparente, non é clara. No bosque, contos do pasado colonial fúndense co presente estático.
“Inspirada e extremadamente sensible mestura de ficción e realidade sobre homes que visualizan o soño da supervivencia en chan europeo, todos eles atrapados nun non-lugar entre a maxia e o horror. Unha obra excepcional que dignifica a condición do emigrante ao invocar as súas historias pasadas e a fraxilidade do seu horizonte. As voces e as presenzas de Boucabar, Mohamed, Abdoulaye ou Zackaria han ficar na nosa memoria como testemuño dos que permanecen no limbo, ás portas dese territorio bárbaro chamado Europa”.
(Javier H. Estrada, catálogo de Filmadrid 2016)
SALA DE PROXECCIÓNS
CGAI. Durán Loriga, 10 baixo, 15003 A Coruña
Tel.: 881 881 270 Fax: 881 881 271
e-mail: programacion.cgai@xunta.gal
MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
www.cgai.org
INFORMACIÓN
Todos os filmes se proxectan en versión orixinal, agás indicación contraria.
A duración dos filmes é orientadora e aproximada.
Esta programación pódese ver alterada por razóns alleas á nosa vontade.
Unha vez comezada a sesión, non se permitirá a entrada á sala de proxeccións.
As sesións de capacidade limitada teñen reservado un número indeterminado de butacas.
As sesións sinaladas con signos de exclamación (!) sofren modificacións respecto dos horarios habituais.
As entradas ás sesións do ciclo Olladas de muller son de balde.
Olladas de muller
7-11 Marzo 2017. CGAI. A Coruña A CoruñaSolicita a túa inscrición
Olladas de muller
Ciclo. 7-11 Marzo 2017. CGAI. A CoruñaFicha técnica
Ciclo.
Olladas de muller
Olladas de muller
Cando
7-11 Marzo 2017. CGAI. A CoruñaOnde
A CoruñaEnderezo
SALA DE PROXECCIÓNS
CGAI. Durán Loriga, 10 baixo, 15003 A Coruña
Tel.: 881 881 270 Fax: 881 881 271
e-mail: programacion.cgai@xunta.gal
Colabora
Centro Galego de Artes da ImaxeOrganiza
Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CCG)Fotograma de Sin Dios ni Santa María