O Consello da Cultura Galega e o concello da Coruña presentan o xoves 14 de abril ás 20:00 horas, O tempo das mareas. María Casares e Galicia, publicación que percorre en clave galega a biografía de María Casares.
Nela ofrécense materiais inéditos sobre a infancia coruñesa, a adolescencia madrileña, a xuventude exiliada e a madurez plena dunha das personalidades culturais máis interesantes e descoñecidas da Galicia contemporánea.
Na presentación detallarase o contido do libro, así como da relevancia de recuperar en clave galega a biografía dunha actriz sempre levou con orgullo e dignidade o seu ser de muller galega. A publicación fai énfase na relevancia da procedencia no desenvolvemento da súa profesión, así como da pegada que deixou no universo literario de Albert Camus.
Asistirán: Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, do escritor Manuel Rivas e da autora da publicación, María Lopo.