Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

Todas as cartas con Ricardo Carballo Calero

RICARDO CARBALLO CALERO
1910 Ferrol - 1990 Santiago de Compostela

TODAS          Enviadas a Ricardo Carballo Calero (2)           Recibidas de Ricardo Carballo Calero (2)       |         Carta: 1 a 4 de 4
14/09/1960
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RICARDO CARBALLO CALERO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Lugo, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 14 de setembro de 1960

Sr. D.
Ricardo Carballo Calero
Lugo

Meu querido amigo:

Tiña que ter escrito dende que cheguei a ista, mais funo deixando por preguiza e isa perplexidade que a un lle queda logo de voltar de unha terra que durante moitos anos, un non fixo mais que soñala dende moi lonxe. Fuches a primeira persoa amiga de sempre que eu vin en Galicia, e si denantes tiña por tí amistade e ademiración, unha e outra renováronse nos dous días que pasei en Lugo. Non sei cando voltaremos, mais sempre teremos pra tua dona e pra tí, a miña i eu, o recoñecimento da vosa hospitalidade.
Por correio aparte envíoche as miñas obras de teatro que foron primeiro escritas en galego e logo, por razós de pubricación, traducidas por min ao castelán. Unha dílas, La soldadera, estrenarase eiquí por unha compañía arxentina na próisima temporada. No libro que te deixei, As cicatrices, no poema Guerreiros contra o mar, ten unha errata importante. No verso terceiro onde di bágoas ten que decir vagas. Esquecinme, creo, de correxilo cando o adiquei. Con saúdos pra todol-os amigos, recibide a tua muller e tí unha aperta da miña e de min, e outra grande pra tí de:
.

30/09/1960
Remitente/s:
RICARDO CARBALLO CALERO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Lugo, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Lugo, 31 de setembro de 1960

Sr. D. Lois Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Foi pra min unha ledicia recibir a túa carta. As túas verbas cariñosas –sentimental como eu son segredamente– énchenme de emoción. Es demasiado xeneroso ao lembrar con agrado unhas horas pasadas con un home envellecido e malencólico, pantasma de sí mesmo, supervivinte doutros tempos i estrano nístes. Só a resurreición do pasado, na persoa dos vellos amigos apertados dempóis de longa ausencia, torna a infundir algún quentor na miña friaxe. Se non me atopaches enteiramente cadavérico, como xustificadamente podía temer, a iso se debería. Houbera querido ter pra vós o agasallo dun pulso máis rexo, dun trato máis tónico. A miña soedade interior non é pra cultivar en mín unha sociabilidade que nunca poseín en grao sobresaliente. O certo é que a túa muller e ti deixáchedes na miña lembranza o mellor dos recordos; e María comparte enteiramente istes sentimentos. Sempre vos consideraremos dous irmáns, e onde queira que voltemos a nos ver, será pra nós un grande contento vervos.
Tardéi en che contestar mergullado na posta en marcha do Colexio no novo curso, o que sempre crea problemas máis dificis e pertubadores do que pode sospeitar quen non conoza as peculiaridades do caso. O meu traballo é dabondo esmagador, si se ten en conta que non podo escusarme de complicalo coas tarefas literarias que se me encomendan e que é o único que dá unha sombra de xustificación á miña vida. Mentras a Historia da Literatura que ando a facer non esteña rematada, teño hipotecada a miña esistencia. I eso vai pra longo.
Supoño que terás recibido o meu discurso de ingreso na Academia Galega, que trata sobre as fontes de Rosalía. Debíncho mandar, se non lembro mal, estando ti en Europa. Non sei se cho mandei ao Centro Galego. Coido que sí, o mesmo que outro exemprar que adiquéi a Blanco Amor.
Aínda non recibín a Obra Completa de Cabanillas, que ten xa moita xente por eiquí. En vista de elo, escribín ao Presidente do Centro, rogándolle que intervira persoalmente pra que cesara ista anomalía. Ao día seguinte, recibín carta de Emilio Pita, na que iste bo amigo me asegura que non tardaréi en recibir o volume. Polo de agora, non o teño. Logréi ver dous exemplares: o que se lle mandóu a Del Riego e o que se lle mandóu ao Director da revista Vida Gallega. Agardo que de calquer xeito non se demorará moito a chegada do meu exemprar.
Na túa carta, me falas de que por correo aparte me envías as túas obras de teatro. Non me chegóu nada diso; pero dende logo, La Soldadera i El irlandés astrólogo ma adicaches e regalaches en Lugo, xuntamente con As cicatrices. Como teño tamén Na brétema, Santiago e Fardel de emigrante, [sic] a túa bibliografía está bastante completa na miña libraría. Sempre leeréi con pracer o que queras me mandar.
María i eu vos enviamos apertas de todo corazón.

R. Carballo
.

02/03/1972
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RICARDO CARBALLO CALERO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane



Buenos Aires, 2 de Marzo de 1972

Sr. D. Ricardo Carballo Calero
Santiago

Meu querido amigo:

Recibín noticia por Ramón Piñeiro de que remataches a oposición de Cadeirádego titular de Lingüística e Literatura Galega na Universidade Compostelán, e que, enmáis, fixeche unha oposición brilante como moitos supoñíamos que farías. Non sabes canto agradecín esta carta de Piñeiro e a alegría que nos produxo. Eu sinto como propio cada éisito da xente da nosa época de Santiago e mais si éste é un amigo benquerido e ademirado como tí.
Pola miña parte traballo illado eiquí en Bs. Aires, sen querer sabere nada da coleitividade, cada ves mais cativa en todol-os sensos, e loitando ó meu xeito por Galicia, aínda que sexa soio pintando.
Un saúdo agarimoso pra tua dona, pra tí e os teus, de nós os dous, e ti recibe unha emocioada aperta de:
.

09/03/1972
Remitente/s:
RICARDO CARBALLO CALERO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa e o membrete:]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Instituto Nacional de Enseñanza Media “Rosalía de Castro”/ Profesorado/ Santiago de Compostela]


9 marzo 1972

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Recibín a túa carta de felicitación con motivo das oposicións derradeiramente celebradas para cubrir en propiedade a cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago.
O amigo Piñeiro, coa súa admirable dilixencia, fixo chegar a nova aos catro puntos cardináis, segundo resulta das mensaxes que me veñen todos os días.
Realmente, a noticia é importante, pero non polo feito episódico de ter sido eu o protagonista cáxeque involuntario dos feitos, senón porque Galicia necesitaba e reclamaba desde hai tempo que se proveera esa cátedra. Eu pouco máis poderéi facer do que xa viña facendo. Intentaréi, como traballo inmediato, completar a miña Historia da Literatura Galega Contemporánea. Polo de agora, nin xiquera toméi posesión do cárrego, pendente de trámites administrativos.
A miña dona agradez moito os teus saúdos. De nós dous recibídeos moi cariñosas a túa dona e ti. E máis unha aperta moi forte do teu vello amigo.

R. Carballo
.


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org