Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

Todas as cartas con Marino Dónega

MARINO DÓNEGA
1916 Huelva - 2001 A Coruña

TODAS          Enviadas a Marino Dónega (17)           Recibidas de Marino Dónega (21)       |         Carta: 1 a 20 de 38
05/04/1971
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane



A Cruña, 5 abril 1971

Luis Seoane López
Buenos Aires

Benquerido e ademirado amigo:

Acúsoche recibo ao retallo de prensa e á carta impresa que dirixiches aos lectores de A NOSA TERRA. E, a verdade, non séi si agradecercho. Porque o envío responde a motivacións tan disparatadas que non entendo como poideches perder o tempo artellando unha ofensiva obvia. A túa vida e a túa obra deféndense sobranceiramente de seu. Unha conducta ilustre, permanentemente sostida ao longo dos anos, exemplar polo seu entusiasmo, polo seu desinterés e pola súa entrega a uns homes e a unha terra, está xa fóra de calquer incomprensión.
Eu algo soupen do asunto. Mais, confésocho, non presto moita atención ás cousas do Plata. Unhas, non as comprendo; e, autras, atópoas delirantes. E ísta é unha délas.
En agarda de vos ver por eiquí, recibide Maruja e máis tí cinguidas apertas de Fernanda e miñas


Dónega
.

29/12/1973
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane



A Cruña, 29.12.73

Luis Seoane López
Buenos Aires

Luis, meu amigo:

Veño de saber da triste nova do pasamento da túa naiciña. ¿E que che hei decir? Calquer frase de consolo pareceráche valdeira, oca e sin senso algun. Porque os que pasamos pola mesma malfadada esperencia sabemos que somentes o paso do tempo deixará en tí a saudade dun ben perdido.
Supoñémoste totalmente resposto das consecuencias do teu accidente automovilístico. E que andarás xa, de cacho para cribo, sin axuda de aparellos. Que así seña.
E sin máis por hoxe, recibide Maruxa e máis tí unha cordialísima e cinguida aperta de Fernanda e miña.


Dónega
.

15/01/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane



Buenos Aires, 15 de Xaneiro de 1974

Sr.
D. Marino Dónega Rozas
La Coruña

Meu querido amigo:

Agradézoche moito as tuas verbas de pésame con motivo do pasamento da miña nai. Pasaron xa algunhas semáns e aínda me atopo confuso e depresivo, sin ganas de facer ren. Un non sabe é un misterio, que fío segredo xungue un fillo a unha nai, de que xeito a desaparición de un dos dous afecta ó outro. Pasaron os días e un sorpréndese matinando no que perdéu, e, como de súbito, o tempo adiantóuse a un para ocupar nél o lugar da nai, dos pais. A un envelléceo a morte que o rodea, e moito máis si é a de aqueles que un mais quere, mais próisima a un. Agradézoche moito as tuas verbas.
Xa estóu reposto do accidente. Xa non uso o bastón e ando normalmente. No sei nada do pleito do auto, si se arranxaron ou continúa. Tampouco sei si se vendéu. Si me escribes fálame algo de esto. Coida que eu son un cliente malo mais que non aconsella os seus abogados.
Unha garimosa e grande aperta para Fernando, Fernando e pra tí de:
.

20/03/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
MARUXA SEOANE
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firmas autógrafas]

Localización física
Fundación Luis Seoane



A Cruña, 20 de marzo 1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos nosos benqueridos:

Podemos, ao fin, darvos noticias encol das actuacións xudiciáis verbo do accidente automovilístico que derradeiramente padecéchedes nos Cantóns. As cousas van, como veredes, amodiño. A rapidez na xustiza non deixa de ser unha aspiración coma outra calquera. Polo Xuzgado militar dictóuse auto de inculpación en contra do autor da tropelía. Quen, pola súa parte, consideróuse como tal na declaración que prestóu. Agora pende o choio da xustificación do montante dos danos. E xa lle encarguei ao Procurador que se fixera coas facturas referentes ao arranxo do “carro”. Do malfadado carro.
Pola súa banda, o Xosé Luis fíxome saber da venta do coche. O que non conocemos –porque non era cousa nosa– foi o precio, o nome do comprador nin as demais condicións da compraventa. Máis díxonos que xa vos tiña informados da operación.
Onte estivemos tomando o aperitivo co matrimonio Dieste. O Rafael estávos encantado da vida coa formidable acollida que tivo o seu Félix Muriel na súa segunda saída ao mundo. Tanto no público lector como nos xornáis e revistas. Pra moitos foi –fixádevos ben– unha revelación. Supoño que coñeceredes as dúas páxinas que argallamos na Voz. Levaban reproducidos dous dibuxos da edición americán. Falamos moito, e ben, de vosoutros. O Rafael díxonos que, por rara casualidade, era acreedor de carta vosa. Pra compensar, dixémoslle que nós, en troques, eramos deudores.
O problema do noso amigo, vai indo. E, asegún noticias oficiosas, a proba pericial –minuciosa e detida, exhaustiva– serálle favorable. Así, Diolo queira, polo ben de todos. E meigas fóra. Un destes días propoñémonos facer unha viaxata sargadelián como cicerones duns amigos de fora. E poderemos conocer o seu talante actual. Aínda que o desacougo é nel unha constante, que apenas deixa márxe ás sorpresas.
Presentóusenos unha ocasión pra facer un viaxe a Buenos Aires. Máis, co corazón magoado, refugámola. Sería pra nós unha ilusión fantástica abrazarvos sorpresivamente en Montevideo, 1985. Nembargantes, unha manchea de circunstancias aconsellaron a nosa dolorosa decisión. Xa volas faceremos saber, porque agora sería longo de verquelas ao papel.
A nosa vida vai camiñando paseniñamente polos vieiros dunha cotianidade resabida. Como única novedade, contamos co fin da carreira do noso fillo e coa súa estadía en Sevilla servindo ao Rei. Destinárono, como sarxento da Milicia universitaria, a un grupo de carros de combate. Está, logo, a facer un servicio lúdico. Quérese decir, xogando como cando de neno brincaba cos cocheciños de choque no Relleno.
Confiadamente ficamos na espera de boas noticias vosas. E namentras, recibide cinguidas apertas de nólos dous pra vólos dous.

Dónega

[Manuscrito] Nos acordamos mucho de vosotros y pensamos mucho en la cocina de Maruja.
Muchos abrazos

Fernanda
.

06/04/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane




A Cruña, 6-IV-1974
Luis Seoane López
Buenos Aires

Querido Luis:

Dende Cervo, recibo carta do Isaac. Non che adxunto copia dela porque xa me dí que vola mandóu. O que si vos envío, porque non sei si volo fixo saber, é o proiecto de acordo de Cerámicas que ten matinado, previo ao que haberá de adoptar o Laboratorio. Encamiñados ambos os dous á constitución da Fundación do Museo. Fico, logo, en agarda das vosas instruccións.
Si en liñas xeneráis concordáredes, trataría, pola miña banda, de introducir algunhas matizacións no proiecto. Como, poño por caso, a de vencellar o devandito acordo á escritura pública de 8 de febreiro de 1970, otorgada polo Laboratorio e polas Cerámicas e que tivo por obxeto –como sabedes– “crear y organizar” o Museo. Quérese decir, que ambas as dúas sociedás, vista a esperencia adequirida nos anos que leva funcionando o Museo, concordan en darlle ao mesmo persoalidade xurídica de seu, constituíndo pra elo o Padroado que o ha de gobernar. Mais pra que así fose, entendo que é preciso que o Isaac –e así faréillo saber– deixara sin efecto o acordo de Cerámicas do ano de 1973, que denuncióu o convenio do 1970. E non haberá ningún atranco legal pra elo xa que o acordo do 73 non o tén levado á práctica.
Polo demais, reparade especialmente nos puntos 5º e 6º do esquema feito polo Isaac, dada a trascendencia que poideran ter no futuro do Museo. Refírome aos da carta que me dirixíu.
O procedemento na xurisdicción militar vai rematar con ben pra todos. Entrevistouse conmigo o Letrado da compañía aseguradora La Unión y el Fénix, pra me decir que está disposta a arranxar o choio pagando as indemnizacións debidas. Dínlle traslado da proposta ao Naveiro pra que se faga cas facturas do caso pra facerllas chegar á devandita aseguradora. E, unha vez percibidas as indemnizacións, retiraríamonos da acusación. Pra elo, presentaríamos un escrito ao Xuzgado facéndollo saber. Co que, seguramente, ficaría sin efecto o auto de inculpación dictado nas actuacións, i estas dispostas pra o seu arquivo.
Por eiquí, ningunha novedade que non vos podades supoñer. Na Academia deixei presentada a proposta de Mariñas del Valle como académico numerario pra ocupar a cadeira que deixou valdeira Iglesias Vilarelle. Firmáronme a proposta Rafael, Vales e Carré. Quixen que foran académicos da Coruña os propoñentes. Na proposta feita cito unhas frases túas adicadas ao Mariñas na Figuración que lle fixeches. Supoño que a proposta prosperará. Mariñas fixo aportacións interesantes á cultura galega. E pola sua entrega calada e sacrificada aos valores disa cultura, é quén, parécemo a min, de figurar na Academia. E a propia Academia honraríase ao contalo antre os seus internos colaboradores.
Na agarda das vosas noticias, recibide Maruxa e mais tí cinguidas apertas de Fernanda e miñas.

Dónega
PROYECTO DE ACUERDO A TOMAR POR CERÁMICAS DEL CASTRO EN UNA REUNIÓN A CONVOCAR CON EL SIGUIENTE ORDEN DEL DÍA:
Punto único:
Perfeccionamiento de un acuerdo tomado por la Junta de Socios de Cerámicas del Castro, Ltda. el 8 de febrero de 1973 en relación con la formación de un Patronato para el Museo Carlos Maside.
Acuerdo
Dadas las dificultades sociales conocidas de todos para dar cumplimiento al convenio suscrito por nuestra Sociedad con el Laboratorio de Formas de Galicia en 9 de febrero de 1970 sobre la creación y organización del Museo Carlos Maside, en relación con el acuerdo tomado en la Junta de socios del 8 de febrero de 1973, y al objeto de colaborar de la mejor forma en la evolución de que es acreedora esta institución de Arte sin perjudicar los intereses de esta Sociedad se acuerda:
1- Se nombra al socio don Isaac Díaz Pardo que de acuerdo con un representante del Laboratorio de Formas de Galicia procedan a otorgar una escritura de constitución de un cuerpo denominado Patronato del Museo Carlos Maside, obteniendo para él la personalidad jurídica que determinan las Leyes vigentes.
2- El Patronato del Museo Carlos Maside estará formado en su fundación por los siguientes representantes de entidades y personas físicas: representante de Cerámicas del Castro, Ltda; representante del Laboratorio de Formas de Galicia; representante del Instituto Gallego de Arte; y los señores Don Luis Seoane, Don Álvaro Gil, Don Manuel Chamoso Lamas (1); Dr. García Sabell; Don Rafael Dieste; Don Ramón Piñeiro; Don Francisco Fernández del Riego; Don Sebastián Martínez Risco, Don Valentín Paz-Andrade, Don Ramón Otero Pedrayo, Don Eduardo Blanco Amor; Dr. Ricardo García Suárez y Don Marino Dónega.
3- Dicho Patronato dirigirá y administrará a partir de su constitución el Museo Carlos Maside, cuyos fondos serán puestos a su disposición por los actuales titulares de la institución.
4- Entre las primeras misiones que cumplirá dicho Patronato estará la de procurarle al Museo Carlos Maside un edificio adecuado a construir en este mismo lugar del Castro-Sada, en frente del edificio que ocupa actualmente en terrenos que donará para este fin el Instituto Gallego de Arte según se han prometido sus miembros.
5- Cumpliendo las condiciones de seguir el Museo Carlos Maside en el lugar citado, al lado de nuestra planta de producción, nuestra Sociedad seguirá colaborando en su sostenimiento de acuerdo con sus posibilidades en cada momento.


A carta inclúe anexo de proxecto que na cabeceira ten logotipo e membrete como sigue:

SEMINARIO DE ESTUDIOS CERÁMICOS
SARGADELOS-CERVO-LUGO
.

11/04/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
FERNANDA SÁNDEZ FIGUEIRAS
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane



Buenos Aires, 11 de Abril de 1974



A Fernanda e Marino Dónega
A Cruña

Moi queridos amigos:

Recibimos a vosa carta de 4/III, que gustóunos moito recibila. Ben sabedes da nosa estimación por vos e o que lamentamos non seades millores corresponsales. Gostóunos tamén moito saber das posibilidades de ganar un pleito, unha emoción non coñecida de nós sendo tan común en Galicia. O auto vendéuse por 50.000 pesetas, pois pola sua patente era dificil a venda. Cecáis tivésemos sacado mais, moi pouco máis, si o fixésemos na mesma Fiat, pero venceuse o contrato estando nós no policlínico. De todos xeitos matinamos que pra xente que está poucos meses nun sitio convenlle este tipo de operación. Alédanos moito o éisito do libro de Dieste. É un gran libro feito un pouco a presión dos amigos, de nós, pra editalo en Nova, unha editorial de Cuadrado e miña, unha das moitas aventuras deste tipo feita por nós, Cuadrado y (sic) eu, en Buenos Aires, que si non nos serviron pra ganar cartos nin tempo, serviu pra exaltar a Galicia e dala a coñecer no posible no terreo intelectual neste país. Parécenos moi merecido todolos eloxios que se fagan do libro de Dieste, é un libro fondamente galego aínda redactado en castelán e non hai prosista da sua xeneración, a do 27 en Madride, que se lle poda comparar. Leín as notas de La Vanguardia, Informaciones, ABC e as dúas páxinas adicadas a él de La Voz, onde son moi boas as notas todas. Eu sinto moito, Dónega, que non escribas mais, que non fagas mais notas pra La Voz, ou que non fagas un libro de notas literarias encol de libros e autores contemporáneos. É un tipo de libro que fai falla en Galicia, que non se fai, e que os alemáns, por exempro, tan autores de tomos impresionantes adicados a moitos temas, fan correntemente, de comentarios literarios e artísticos en xeral.
En canto a Isaac parece que se decidíu a facer andar o Museo. Remitíume copia da carta que che envióu e coa que estou de acordo. Penso que debe designarse o Patronato íntegro, cos dazaoito membros que propón Isaac
.

26/04/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane





Buenos Aires, 26 de Abril de 1974


Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín fai xa días a tua carta. Pola miña parte deixo nas tuas mans o arranxamento do asunto do Museo. Isaac coñece o meu pensamento nunha carta que lle remitín. Eu estou farto de todo esto. O que tí propós de deixar sin efecto o acordo de Cerámicas do Castro, tíñallo proposto a Isaac. Matino que é urxente crear o Patronato que de algún xeito interveña en todo esto. Unha laboura como é a de un Museo non pode ficar suxeta a ningunha vontade persoal. O museo é ó meu xuicio, unha das creaciós mais importantes, co Seminario denantes, con Galaxia, Penzol e Sargadelos hoxe, feitas en Galicia en moito tempo, matinando as facetas culturaes que pode abarcar, un xeito enmáis de impoñer un orden ó pasado inmediato artístico e de estabelecer un cauce, sen cánones, á creación futura, ourentada pola laboura que realice o Museo.
Agradézoche moito o teu traballo no “pleito” en que nos metemos que tivo sido remate do accidente. Eu estou traballando pra as mostras de Buenos Aires, Montevideo e San Pablo, a derradeira ten de se concretar.
Paréceme moi atinada a proposta de Mariñas del Valle pra a Academia. Fai falla que a xente que se leve as instituciós tivesen probado ser merecentes delo pola sua obra, e, enmáis pola sua consagración a Galicia nos anos de proba, que foron todos os derradeiros.
Lembrámonos moito de vos, de Fernanda e tí, e dos amigos comúns que estiveron con nós, acompañándonos, os dous meses do accidente. A actitude de todos vos, ós que estamos moi agradecidos, fixo que ficásemos con desexos de voltar. Eu estaba anímicamente desfeito polos asuntos que ti coñeces. Bueno, as miñas noticias cecáis chegan tarde, mais penso que ti coñeces o meu pensamento como o coñece de fai tempo Isaac. Pola miña parte sinto moito terme metido no asunto do museo sacrificando enmáis unha chea de obras que conservéi durante mais de coarenta anos co soño de facelo, tendo pola miña parte, o éisito que esperaba pola axuda dos amigos que siguen sendo o millor de Galicia.
Unha grande aperta pra os tres de Maruja e miña, pra Fernanda, tí e mais Fernando:
.

23/05/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane





Buenos Aires, 23 de Mayo de 1974

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Meu querido Dónega:

Débesme carta, mais hoxe escríboche pra te pedir que inicies os trámites referintes á legalización do Museo si non o iniciaches xa. Recibín unha carta de Isaac onde me fala do pleito do Castro e ó remate refírese a que non estaría de mais que eu che escribise encol deses trámites. Matinaba, pola miña parte, telo feito xa. É moi importante a legalización do Museo e a desiñación do Patronato. Feito esto e o edificio teño moitos plans pra o futuro que serán moi útiles a Galicia, e de feito a Coruña e a todo o radio que vai de Santiago ó Ferrol, dos que xa falaremos cando regrese. E cuasi seguro que voltemos a fins deste ano, despóis de liberarme dos compromisos contraídos nesta, e fora xa o pleito que ti levaches cuio resultado nos alivióu, e mais aliviados estaríamos si soupésemos que non lle pasóu nada ó soldado, únicamente algunha amonestación por eso de defender a moral, algo que, xa se sabe, ten de facer un soldado.
Gostaríame tamén saber, si me contestas, si os dibuxos que estóu mandando deiquí siguen intresando ás xentes. Sei que a Pillado sí, mais gostaríamos coñecer a tua opinión.
Hoxe ren mais. Recibide Fernanda e tí, e Fernando, unha aperta moi garimosa de Maruja e miña.
.

10/06/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane




A Cruña, 10.6.74

Luis Seoane
Bs. As.

Meu querido e ademirado Seoane:

Contesto a tua do 23 do mes pasado. Debíache carta, sí. Ben vexo que levas unha boa contabilidade. Mais non o fixen denantes por mor dunha viaxata que argallamos polas terras do Al-Andalus pra lle facer unha visita ao noso fillo. E, xa sabes, entre o previaxe, o viaxe e o postviaxe ficóu todo demorado. Pasámolo mo ben. Impresionounos, especialmente, Córdoba. Alí batemos con vellos e conocidos amigos. Séneca, Averroes, Ibn Hassam, Maimónides, Góngora, Duque de Rivas e... mesmo Manolete, deixámolos, previo o conocemento abstracto que deles tiñamos, cáseque vivencialmente incorporados a nós. E Granada, Motril, Málaga, Ronda, Arcos, Sevilla, Cádiz, Huelva, Rábida, Palos, Moguer, pra voltar por Itálica, Mérida, Trujillo, Cáceres, Yuste, Guadalupe, Plasencia, Salamanca e Zamora. Como verás, polos camiños da millor historia galega. Porque xa sabemos, –tí nolo dixeches– que sempre haberá un paisán noso remexendo nos feitos que aqueles nomes evocan. E, claro está, non deixamos de lembrarte ao noso paso pola serranía xienense, afogada a súa soedade e desertización polos colonos galegos e cataláns –e alemáns católicos– asentados no XVIII por Carlos III nas vellas “Nuevas poblaciones...” Mais, vaiamos ao noso.
Fai xa máis de vinte días que fixen entrega ao noso amigo do anteproiecto dos Estatutos polos que se ha gobernar a nova Fundación. Entreguéillo pra que fixera nél as observacións que a ben tivera. Estóu en agarda das mesmas. Polo de pronto, vexo que do tidúo desaparez o nome de Castelao. Que era, si mal non recordo, idea túa incorporalo ao nome da Fundación. Tan axiña teña algunha nova verbo do choio, faréicha saber. Deica o de agora somentes falou de comenencia de estudar a incorporación ao Consello ou Padroado da Fundación dun representante dunha nonnata asociación de “Amigos” que, naturalmente, habería que constituír. Ben se ve que a simplicidade, que a sinxeleza e que a esencialidade non entran no canón estético e social do noso amigo. A impronta do seu delirante barroquismo fica sempre ben patente onde queira que toque. Con todo, téñolle lei.
O Día das Letras foi un éisito. Tivo moi boa acollida tanto nos medios populares como nos culturais e nos de comunicación social. Semella que é festa que callóu na concencia do país. O nome de Viqueira, cáseque esquecido, foi unha revelación pra moitos.
Tamén estivemos en Padrón co gallo da imposición a Álvaro Gil desa trapallada do Pedrón de Ouro. Vímonos amigos de toda Galicia. O Álvaro estivo algo amolado coa “festa”, mais non a puido refugar. Seica foi presionado por compromisos que non foi quen de vencer. O Isaac lanzou, no nome do Museo Maside, unha fermosa medalla conmemorativa. O etnógrafo portugués Santos Junior foi o mantedor do acto. E no xantar, en Rois, falou don Ramón Otero.
E pra rematar, queremos que seipades da nosa ledicia pola noticia do voso próisimo viaxe á Terra. Entramentras, de nolos dous pra volos dous, cinguidas apertas

Dónega
.

24/06/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
MARUXA SEOANE
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firmas autógrafas]

Localización física
Fundación Luis Seoane


A Cruña, 24.6.74
Maruxa e Luis Seoane
Bs. As.

Benqueridos e ademirados amigos:

Antonte, 22, ficou rematada a redacción definitiva dos Estatutos do Museo. O Isaac fixo algunhas observacións –poucas e atinadas– ao anteproiecto que no seu dia tíñalle entregado. Todas elas certamente recelosas mirando cara ó futuro goberno da Fundación. Non entro en pormenorizacións porque xa séi que non deixa de vos informar dos pasos que ven dando. Nembargantes, e por si non o conocérades, envíovos copia do programa de actuacións máis inmediatas por íl argallado verbo do choio. Semellan lóxicas e ben ordeadas. Asegún anuncióu, pensa entregarlle o proiecto no dia de hoxe ao Notario de Betanzos, Julián Marcos, para a súa formalización.
Como veredes, desta vez parez que a cousa vai en serio, ainda que o pleito que vén soportando impónlle pausas que ben quixera refugar. Houbo un novo intento de arranxo amigable propicidado, agora, polo propio Xuez coa intervención de Sebastián. Mais foi outro fracaso. Unha verdadeira mágoa. O noso amigo pretende, no fondo, un imposible: que as cousas fiquen atal e como estaban, un “borrón y cuenta nueva”, unha perdoanza xeneral aos seus contrarios enviándolles, por riba, a súa benzón urbi et orbe. Os contrarios –típicos capitalistas, ao fin– andan máis co dito dos feirantes: “si, si, pero a vaquiña polo que val”. E, si posible for, por algo máis do que valla. Haberá, logo, que agardar por unha resolución xudicial que nada vai arranxar. Porque, de ganar o noso amigo, coa separación dos socios terá que liquidarlles a súa parte. E xa estamos de novo no problema. Eu ben lle espliquéi que estamos diante dun pleito de divorcio e que, separados os cónxugues, é preciso liquidar a sociedade de gananciáis. Pero non o entende, ou non o quere entender. Eu máis ben penso na primeira hipótese. Ben dotado prás artes plásticas, agarimado por Mercurio, sabedor, introductor e millorador de toda clás de tecnoloxías, o dereito resísteselle incomprensiblemente. Nin o intúi, nin o cheira. Cousa ben rara nun galego. Eu coido que, por non ter tripado na aldea, o noso amigo é un galego de libro ou, si queredes, de piso. E ímola andando.
No tocante ao voso pleito, diréivos que rematóu como si dunha novela rosa se tratara. Cobróu a vosa Compañía, quedáchedes como uns cabaleiros que sodes, e o voso “agresor” foi absolto. E aquí paz e despois groria.
Por eiquí vense advertindo certo desacougo nas xentes. Os tirios pensan que algo teñen que facer, ainda que batan adoito con resistencias no propio campo que, ás veces, parecen insuperables. E os troiáns –mália a leva– andan desnortados, inquedos e ás atoutiñadas. A realidade é complexa, endiañadamente complexa, e resístese aos análises máis serios e concienzudos. E o contexto xeneral, cambiante e tornasolado, por si non abondara, ainda ven introducir novos confusionismos. E dentro dél, queiramos ou non, atopámonos mergullados a piques do noxo.
Sin máis por hoxe, i en agarda de que o noso saldo epistolar saia dos números roxos, recibide unha cordialísima aperta dos vosos certos e invariables amigos.

Fernanda
Dónega

PRIMERAS OPERACIONES QUE PODRÁ REALIZAR EL PATRONATO DE LA FUNDACIÓN DEL MUSEO CARLOS MASIDE
CON EL I.G.A
Donación del terreno con la siguiente cláusula: “El I.G.A. Cede a la Fundación del Museo Carlos Maside el terreno del lugar del Castro, frente a la fábrica de Cerámicas del Castro, Ltda., en el que se levantarán las dependencias del Museo y se fijarán sus actividades principales. En caso de que por cualesquiera razones la Fundación trasladase el Museo a otro lugar el I.G.A. recuperaría su soberanía sobre el terreno que ahora cede con todas las instalaciones inmobiliarias que tuviese encima, y sin compensación económica alguna”.
Relaciones
-Comunicación a los Patronos de la firma del convenio, u otorgamiento de la escrituración de Estatutos con un resumen de sus conceptos generales y la transcripción del art. 11 por el que cada uno aparece nombrado, anunciándoles que en breve se enviará copia de la escritura constitutiva, convocando la primera Junta para agosto.
-Envío a los Patronos de la copia de la escritura.
-Comunicación a la prensa y a los medios de información y centros de cultura de la constitución de la Fundación con una breve reseña de propósitos.
-Apertura de una cuenta corriente a nombre de la Fundación y en que se ingresarán los fondos dinerarios que tienen hoy el Museo.
-Impresión de papel y fijar las primeras normas para la oficina administrativa y de las relaciones públicas que en un principio tendrán que ser muy hábiles e intensas a fin de promocionar las colaboraciones que posibilitan el desarrollo de la institución.
En la primera Junta
-Nombramiento de Presidente y Secretario (A. Gil y Dónega)
-Nombramiento de la Junta de Gobierno.
-Nombramiento de Director (L. F.)
-Nombramiento de Junta de obras.
-Estudio de los medios económicos conque contará la Fundación.
-Recepción de los fondos de parte de las Sociedades fundadoras.
-Posible comunicación especial al Ayuntamiento de La Coruña y a la Diputación ofreciéndoles con arreglo al art. 11 de los Estatutos un puesto a cada una de ellas en el Patronato, cargo nato de su Presidente o ponentes de Cultura. Haciéndoles ver que de hecho el Museo Carlos Maside se va a convertir no sólo en el gran museo de Arte Moderno de Galicia, sino en el Museo de Arte Gallego Moderno de La Coruña, que estas dos instituciones deberían tomarlo como suyo y, en consecuencia, ayudarlo económicamente en su programa de desarrollo y en su sostenimiento.
-Fomentar una asociación de amigos del Museo Carlos Maside, ofreciéndo un cargo del Patronato a un representante de ellos.


A carta inclúe un anexo sobre o Patronato da Fundación do Museo Carlos Maside.

.

07/07/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane




Buenos Aires, 7 de Xulio de 1974

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Benqueridos amigos:

Recibimos a vosa carta do 24/VI que agradecemos moito polas boas novas que transmite e pola extensión que nos adicáchedes. Por Isaac sei moitas noticias do pleito que ten do Castro e moitas menos do referente ó Museo, mais sei por el mesmo que está todo en camiño de se rematar no que se refire ó aspecto legal. Penso que temos que agradecerche moito deste traballo. Eu en todo esto non podo facer nada. Mais penso que en dous anos mais pode sere unha institución galega modelo onde teñan cabida moitas actividades intelectuales en relación coas artes, Galicia e o mundo. Intentaremos ter contacto directamente co extranxeiro a través das Embaixadas, non somentes para conquerir películas de arte, senón pra levar xente a Galicia e pra ir formando un gran centro artístico e intelectual, o que foi en algún aspecto e noutra época o Círculo de Artesanos. O que comenzaba a ser cando Isaac doulle por montar institucións pra actuar en elas en cadea e que poida orientar soio él, ou onde actúe con xentes que a todo digan amén. É un home valioso en moitos aspectos, mais a xente equivócase con respecto ó seu carácter. Todos esos reglamentos, sociedades, artigos aclaratorios, etc., nascen penso eu, da súa traxedia de rapaz, son defensas que vai argallando de sí mesmo. Persígueo un fantasma que él non pode concretar en figura, nin siquer darse conta de que o persigue, mais sinte a necesidade de se defender. Él vai facendo pra se atrincherar un balado de documentos, cartas, etc. Todo detrás dunha gran ternura que efectivamente posée e do ar de miña xoia que o caracteriza físicamente. Cecáis unha representación do que vos digo sexan os ollos brocos, desorbitados das suas figuras pintadas. Son ollos de xente espantada.
Ben, xa escribín moito acerca de Isaac, un home a quen lle está debendo moito Galicia e temos o deber de esplicárenos os seus erros. Dende logo non merece o pleito que agora o desespera. Eiquí pasamos tres días de dó pola morte do Presidente. Foi o pobo enteiro o que sofríu e todolos partidos da oposición estiveron presentes. Xa falaremos disto con calma. O pobo probóu estar ben politizado e non houbo nengún incidente que luxase os funerales. Houbo en 24 horas 17.800 atendidos nos postos de auxilio, esmaiados, ou descompostos pola falla de alimentos quentes, por ter pasados cuasi dous días ó frío e á choiva torrencial que caía, cuasi sin comer, doencias emotivas, crónicas, etc.
Púxonos moi ledos o saber que o noso pleito rematóuse como unha novela de Pérez e Pérez. Debémosche o carácter rosa do asunto, e debémosche todalas molestias que ocasionóu.
Supoño que escribirá Maruja duas verbas. Mais recibides os tres unha grande aperta do voso amigo:
.

07/08/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
MARUXA SEOANE
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane




A Cruña, 7.8.1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Meus amigos benqueridos:

Como xa séi que tendes no voso poder retallos da Prensa do país coa nova da constitución da Fundación do Museo Carlos Maside, aforro esplicacións. Agora pende o trámite da aceptación dos Patronos ou Conselleiros. Eu encarguéime da dos amigos de máis confianza (Rafael, Domingo, Ramón, Sebastián, Paco e Ricardo), e o Isaac da do resto. O vernes que ven, 9, xa teño citados a algúns deles na Notaria de Fernando Alba. Máis adiante, e dentro deste mesmo mes, citáronos o Alvaro a unha xuntanza en Viveiro. Logo virá a xestión encamiñada á inscripción da Fundación no Rexistro especial. Iste lerio, como veredes, vai indo. E bó é.
O Isaac deu un “golpe” nas Cerámicas. Por sí e diante sí nomeou unha chamada “Comisión Administrativa de Emergencia” composta polos socios con íl identificados e tres obreiros membros do Xurado da empresa. Unha sorte ou mistura de soviet e comité de coroneles. E agora a agardar as consecuencias. Que non serán boas si os destituidos reacionan co aparato legal ben movido. Ou, ao millor, co pasmo, calan. Ide a saber.
Tivemos a ledicia de conocer a Marucha Salgado, arxentina amiga vosa –e agora tamén nosa–, filla de ourensán e luguesa. Simpatiquísima, discretamente porteña, espresiva e, ¡que carai!, ben feituca. Por amosarlle, amosámoslle a vosa torre do Paseo de Ronda. E dixémoslle que dende o seu 6º pasar, nas vosas estadías nesta cidade, enviades ao mundo destellos artísticos, acenos de amistade e avisos aos navegantes. Ao ver situada enfrente á de Hercules, Marucha apañóu no áer o paralelismo como si dunha mosca se tratara. Marcha de Galicia leda coma un xílgaro.
O vello patrón, erre que erre. Non é máis que unha cañota oca e retorta, máis sigue en pe no medio da chousa. Non hai chispa que o tronce, nin raio que o fenda. Houbo, de tódolos xeitos, os seus máis e os seus menos. Máis ben menos. Nembargantes, parécese intuir que a longa noite de pedra vai amolecendo.
Reparando na correspondencia atrasada atópome cunha pregunta vosa que, non séi por qué, deixéi de contestar. Refírome á vida das Figuracións. Pois ben, meus amigos, penso que chegóu o tempo das despedidas. A Prensa e a Televisión devoran inmisericordes ás suas criaturas. Mesmo ten unha colaboración longamente sostida na páxina dun xornal, que unha faciana facendo carantoñas meses e meses na pantalla dun televexo. Ben séi da dór de matar unha criatura, mais entendo que non é preciso chegar á eutanasia. Abondaría, ao meu ver, con facerlle perder periodicidade e reservar a sua presencia pra sinaladas ocasións. Sería, por riba, un xeito de revitalizada. Penso eu. E remato pedíndovos que non vexades na miña opinión máis que un “leal saber y entender” correspondendo a unha pregunta que me honra e distingue, e que xa na sua formulación adiviño as vosas propias dúbidas.
Coa nosa felicitación a Maruxa polo seu espléndido galego, recibide vós os dous de nós os tres cinguidas e garimosas apertas.

Dónega
.

04/09/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
MARUXA SEOANE
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane






A Coruña, 4.IX.1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos benqueridos:

Sin ningunha vosa á que me referir (tamén eu séi botar as miñas contas), diréivos que conozo o informe que vos mandóu Isaac verbo da xuntanza informal dos membros do Padroado ou Consello da Fundación do Museo Maside, que tivo lugar no Castro o 28 do mes pasado, seguida dun xantar en Sada nesa maravilla modern styl que é a Terraza. Non puiden asistir. E sentíno ben de veras. Unha febrícula guindóu conmigo no leito. Que si nesta ocasión non foi da dór, fóino sí do amolamento. Logo de xantar, viñéronme ver á casa o Domingo e máilo Ramón. Viñan moi ledos. A cordial e vella amistade duns homes encanecidos nun mesmo ideal e patriótico quefacer, xunguíaos a todos. E todos lamentaban a vosa ausencia, adicábanvos garimosas lembranzas, e tiñan saudade vosa. Tendes razón: a amistade é unha das poucas cousas que pagan a pena.
O pleito do noso amigo –¡oh! o pleito do noso amigo– camiña cara ó fin. O xuez está pra decir a sua definitiva palabra. Entramentras... Pepito, nunha clínica cunha embolia cerebral. Federico, máis que nunca pechado herméticamente no seu mundo silencioso. E Isaac, vagando incansable por rexións oníricas entre sombras delirantes. E atrás deles iremos nós, os abogados. O pleito do noso amigo, nono dudedes, poñerá a proba o equilibrio psicosomático de toda a nómina que figura no dramatis personae desta comedia. Que, si por veces parece bufa, outras –as máis– semella coller os vóos grandiosos da traxedia, con coros ululantes e destino insoslaiable.
A trancas e barrancas, as cousas van indo. Parece que agora que sí, semella que agora que non. E, coma sempre, a espranza sigue pendurada dun péndulo que vai e ven sin acougo. E tamén sin o dispositivo argallando por Poe no seu poema ao corvo. Ninguén sabe nada. A falla dunha información serea, directa e ordeada, ínzanse os xornais de seccións semicríticas-semidiotas nas que se ameaza con extramuros, chíscanse os ollos con minutas de ceas, barrúntanse tormentas en vasos de whisky, ou profetizando datas trascendentáis. Como si se tratar de pasálo tempo xogando ás adiviñanzas ou emitindo partes metereolóxicos. E a Magdalena non vos está para moitos tafetáns. Con todo é de agardar –¡a espranza, sempre a espranza!– que volvades algún dia xubilosos e non xubilados á vosa Terra. A unha terra acolledora, nai e señora, no verso do poeta.
Sei pola Voz que Xermán Quiroga, o voso cónsul, está pra nos deixar. Non estóu enterado si pensan facerlle algún homenaxe de despedida. Si llo fixeran, sumaríame. Cordial, cortés e delicado, penso que sería merecente dél.
E fica xa un chisquiño de papel, o xusto pra vos enviar nós os tres cinguidas apertas a vós os dous.

Dónega
.

14/09/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane





A Coruña, 14.IX.1974
Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Veño de ler no Grial as túas aportacións á pintura mural. Sóupome a pouco. Somentes tiña unha idea vaga da obra que, como muralista, tes ciscada polo mundo. E, coma sempre, das noticias dun delicado requinte. Como, poño por caso, o ofrecemento feito por Souto ao concello coruñés, ou o ágape eucarístico no mosteiro de Poyo, ou a enxoita estética dos conserveiros vigueses, ou a sensibilidade artística do villéu e dos dous emigrantes xa xubilados na súa terra. Unha delicia. E tamén as túas ideas encol da antropoloxía da creación artística. Como, por exemplo, a do boceto como feto boligante i en formación evolutiva na matriz do artista. Agora é de agardar que calquer día nos agasalles tamén coas túas aportacións á diagramación dos libros, e co teu concepto encol do libro como significante. Agardemos, logo. Porque á vista da túa obra global é doado adiviñar nela a fusión do artista co home formando unha indisoluble unidade. Unidade que é, ao meu ver, a túa gran verdade artística e humán. A túa autenticidade máis radical.
Verbo do Museo Maside, estóu en espera de que o Isaac me facilite as liñas xeneráis encol desa asociación de amigos na que ten matinado pra lle dar, pola miña banda, forma ao Reglamento. Dende logo, ficamos á espreita da túa decisión última encol de si un representante deles ha pasar, ou non, a formar parte do Consello. Xa séi que non eres partidario. O cal paréceme moi asisado e posto en razón. Ainda faltan por aceptar os seus cargos don Ramón Otero Pedrayo, ausente en Santander, e o Valentin, non hai moito chegado de Caracas. Tan axiña se complete iste trámite, iniciaréi o da inscripción da Fundación no Rexistro correspondente. Sería pra min dunha grande ledicia ter todo arranxado pra cando vós viñérades. Agasallaríavos cun fermoso regalo de Reises.
Alá vai o noso vrán. Pero o outono promete ser máis quente. A inquedanza é grande. Unha sensación de interinidade fai presa nas xentes. Intúise un valdeiro que é preciso encher. ¿Mais cómo? That is the question. Poderíache facer un análise da situación, pero paréceme unha perda de tempo. Porque cando ista carta chegue ao teu poder ficaría xa invalidado. Así son de cambiantes as forzas en presencia. Da noite prá mañá esfarélase calquer previsión.
Verás que desta vez non falo do pleito do noso amigo. Vóu farto. Nembargantes, diréiche que o Pepito milloróu, e que o noso amigo interesouse arreo pola súa saúde, ainda que sin resultado positivo algún. Pola contra, bótanlle a culpa de todo. É pra se botar a correr e non parar.
Á espreita da esmola dunhas letriñas vosas, recibide Maruxa e tí garimosas apertas de nólos tres.

Dónega
.

19/09/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane





Buenos Aires, 19 de setembro de 1974

Sr.
D. Marino Dónega Rozas
A Cruña

Querido Dónega:

Recibín as tuas cartas que che agradezo moito. De algún xeito estimulan a traballar. Na derradeira refíreste ó traballo que fixen pra Grial e matino que poiden adicar mais espacio á conversa que tiven co superior do mosteiro de Poio, da que foi testemuño Valentín, encol dos pintores galegos de pintura relixiosa, da obra feita polo pintor checoeslovaco, e do egoísmo que siñificaba coñecer a téinica da fabricación de mosaicos e non lla transmitir ó pobo pra que crease unha industria á sombra do mesmo mosteiro ou dirixida por este. Tratábase dun castelán con ideias tallantes. No libro que teño de facer encol de Maside eime de referir a custiós déstas, pois matino que escluíndo a Domingo e a moi poucos mais, Dieste entre eles, os críticos de arte adoitados da prensa galega non matinan que eisistan. Ó remate deste mes, ou nos primeiros días do que ven, sairá na Editorial Sudamericana un pequeno libro meu encol do arte mural e da ilustración de libros, e o libro en relación co que teño feito nestes xéneros, tidoase Arte Mural. Ilustración, onde plantexo algúns probremas do noso tempo.
En canto ó Museo si vos non activásedes a sua creación, Isaac faría moi pouco por él. As suas inquedanzas, ó meu ver, relaciónaas con Sargadelos. Os Museos non dan cartos nin moita sona e él aspira a sere, estou por creelo, unha especie de Ibáñez. En canto ó Reglamento de Amigos do Museo, podo tratar de conseguir o do Museo de Bellas Artes de Buenos Aires que funciona moi ben, cousa que lle dixen fai tempo a Isaac. De ningún xeito nengún dos seus membros ten de formar parte do Consello. Ten que ter independencia ter relación ca direición executiva do Museo, pois, entre outra misiós, axuda a orgaizar exposiciós, enmáis de conquerir cartos pra elas, sen ter nengunha función direitiva.
Estou de acordo contigo en canto que a televisión devora as suas criaturas. Mais non así nun xornal. Si esto ocurre é que a colaboración non ten interés, mais si se trata de un dibuxo con un pé como no caso de Figuraciós. Dibuxantes e colaboradores de diarios, revistas, resisten decenios colaborando nun mesmo xornal. Dibuxantes podes contar moitos e non parescen cansar. No meu caso si cansóu é porque non debe ter interés algún ou pouco interés. De todolos xeitos eu fico ledo de ter contribuído a dar a coñecer algúns galegos dos que non se tiñan noticia ahí, e de algún xeito noticias de Buenos Aires que teñen relación con Galicia e que penséi útiles. Iréi remitindo unhas sete ou oito, ou cecáis algunha mais das que teño apuntes e ren mais. De todolos xeitos agardo noticias de Pillado.
Estou expoñendo unos (sic) 22 óleos nunha galería de eiquí, e nos próisimos meses saldrá o libro a que me referín, con pouco texto e moita reproducción; un álbum feito en serigrafía de moi poucos exemprares, con sete esceas de circo; un clásico arxentino, El Matadero, con grabados en madeira e preparo tres exposiciós mais, outra de estampas en outra galería de eiquí, unha en Punta del Este, no Uruguay; e pra remate dun ano de traballo, en Mar del Plata, o 5 de Xaneiro do 75.
Esto é todo. Lembrámonos moito de vos e de todolos amigos. Agradézoche moito as tuas cartas, moi ben escritas e con gracia. Deberías escribir mais. Xa falaremos desto con vagar. Escribe.

Unha grande aperta pra vos os tres de nos os dous:
.

25/09/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Coruña, 25.IX.1974

Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Escribo ao gallope. Como verás, pra enviarche a minuta adxunta. Érelo único en faltar. Terás que legalizar escritura no Consulado español. Enviarémola logo ao noso Ministerio de Asuntos Exteriores pra legalizala firma do Cónsul. Andrómenas burocráticas.

Levéi unha grande ledicia coa túa do 19. Un silencio, que viña prolongándose desde o 7 de xullo derradeiro, tíñame xa medio alertado. Agora vexo que estaba xustificado de abondo. O traballo que vés desenvolvendo é, pra ben de todos, arrepiante. Unha dúcia de homes coma tí arranxaría un país.
Escribiréi con máis vagar. Entramentras, recibide Maruxa e máis tí as máis garimosas lembranzas de Fernanda e máis miñas.

Dónega
.

11/11/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 11 de Novembro de 1974

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Cruña

Meu querido amigo:

Déboche carta dende non sei cando, mais, si vou á Cruña nos primeiros días do ano que ven, teño que traballar arreo, e, entre o traballo e a vida de Buenos Aires, axitada como poucas, e onde cada saída leva ás veces duas horas de ida e volta, e o tempo da xestión, e todo o que pasa, réstalle a un azos pra escribir, añadindo enmais a correspondencia con Isaac que non fai mais que aguilloar dende Sargadelos. Estou moi canso. Protestei pola escritura pois tiña de lle dar ó notario os elementos que caracterizaron a fundación do Museo Carlos Maside e destacar os nomes dos donantes, pois nengún museo do mundo faise en xeral sen éstes e todos síntense obrigados a destacar a súa donación. Por outra parte todos os outros elementos. Nós non fixemos un museo pra recoller o pasado galego senón soio o que nos consideramos un arte inquedo do noso tempo. Falamos desto en moitas oportunidades e, enmais, pubriquéi no caderno número 1 de Laboratorio de Formas un traballo falando do noso propósito, naturalmente de acordo os dous. O museo reúne as obras de artistas galegos a partir da xeneración do 30, Maside, Souto, Colmeiro, Torres, Eiroa... senón ¿pra qué se quere un museo na Cruña, si pra reunir a Juan Luis, Mosquera, Camino, Quintas Goyanes, etc., xa existe o Museo da Cruña e outros museos galegos? Incluíamos a Castelao porque él, enmais de un artista de intención galega, proieitou a posibilidade de un arte galego, e tiñámolo no Museo como exempro da xeneración anterior. Mais non vou a repetir o que está escrito e creo coñeces. Agora insísteme que a culpa a tes tí e mais eu. Eu, porque según as súas cartas, deixéiche instrucciós pra o que se tiña de facer con arreglo ó Museo. Na que recibín fai uns días insiste, “no solo instruiste a Dónega, sino que él te leyó en casa de Álvaro, ya en Vivero, la minuta del acta fundacional...” E xa leva duas ou tres cartas insistíndome no mesmo, e, naturalmente, eu teño que lle responder. E esta correspondencia a min enférmame. Respondinlle que non deixei instrucciós a tí nin a ninguén, que mal podía deixarchas posto que eu non coñecía os trámites e que a situación do Museo ti a coñecías por él e por mín. Pois non, acabo de recibir unha carta…
.

18/11/1974
Remitente/s:
MARINO DÓNEGA
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Orixe
A Coruña, Galicia, España
Destino
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Coruña, 18.XI.74

Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Recibo e contesto a túa do día 11 do mes que andamos. E, nono acubillo, recíboa e contéstoa con disgusto. Cun disgusto simétrico ao reflexado na túa. O retrato que mandas, aínda que moi bó de parecido, non é do noso agrado. Mais, que lle imos facer! O modelo non dá máis de sí. Nin siquera deixa moito marxe á idealización. Mais o disgusto non pode, nin debe, levármonos á desesperación. Sabemos, e bó é, que temos un boi que turra dun lado. Terémolo, logo, en conta pra vérmolo xeito de pulsear ben a rabela do arado pra que non saian tortos os sucos da nosa arada. E, como axiña terémola enorme ledicia de contar coa vosa presencia física, aforro verquer ao papel as incidencias do lerio. Rebasan os lindeiros dunha carta, e non é cousa agora de redactar un informe xurídico para o Tribunal Internacional da Haya, artellar unha biografía do persoaxe, ou matinar nun estudo antropolóxico encol do mesmo. Non paga a pena. Porque as cousas van indo, que é o que importa. Pola túa banda, podes aforrar a viaxata ao consolata. Cando veñas, estaremos en tempo.

Polo demáis, o que había de vir, veu. O noso amigo xa ten no peto a sentencia que agardaba. Tal como supoñiámos, non arranxa nada. As cousas fican como estaban denantes de se encetar o belén. Acolle, das nove peticións de condena feitas polos actores, unha coa que xa concordabamos. Mais, con todo, o noso amigo mandóunola apelar. E, pra maior fachenda, entróulle un novo proído: unha querellitis aguda. Colléu a teima de sentar no banquillo e tódolos que, en contra, interviron no pleito: demandantes, abogados, procuradores, peritos e, si se tercia, ao propio xuéz. E mesmo ao moro Muza. Delirante, querido Luis, delirante.

Por eiquí vénse advertindo unha brisiña lixeira, maina e confortadora, á par que vai esmorecendo, fatigado, o noso veciño ferrolán. E no monolito van xurdindo fendas. Entroulle, fatalmente, o mal da pedra. Poderán, sí, bizmalo con cataplasmas dilatorias, mais, o verme, ha seguir rillando nél. Está xa pra furar a códea.

E sin máis por hoxe, recordándovos que a paciencia é unha virtude que convén exercitar, recibide Maruxa e máis tí cinguidas apertas de nólos tres.

Dónega
.

30/11/1974
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 30 de Novembro de 1974

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Cruña

Meu querido amigo:

Duas verbas pra che decir que mañán comenzo a miña xestión pra viaxar a esa na primeira quincena de Xaneiro. Supoño que estaremos na Cruña a fins dese mes ou nos primeiros días de Febreiro. Eiquí estamos xa en vrau, e o 5 de Xaneiro inauguro unha eisposición en Mar del Plata, quédame aínda por arranxar a selección duns cadros pra expoñer na Galería Wildenstein de Londres no transcurso do ano que ven.

Traballéi moito este ano e penso continuar facéndoo nesa, sin me preocupar demasiado do que non sexa o meu traballo, un pouco o que fai todo o mundo.
Esta, enmais de contestarche, ten por ouxeto desexarvos a todos vos da nosa parte un bon fin de ano, bo Nadal e un moi bon ano que ven. Unha aperta de Maruxa pra Fernanda, o voso fillo, e pra tí.
.

11/04/1976
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
MARINO DÓNEGA
Destino
A Coruña, Galicia, España
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 11 de abril de 1976

Sr. D. Marino Dónega Rozas
La Coruña

Meu querido amigo:

Non sabemos nada de vos, Fernanda, Fernando e tí. Escribín en Xaneiro dándovos noticias da nosa chegada e agradecéndovos as vosas atenciós e non recibimos resposta. Pasaron xa algo mais de dous meses e queremos que nos digades como estades, que proieitos tedes, etc. De aquí xa sabedes todo polas noticias dos xornaes. Botaron fora un goberno de delincuentes comúns, de gansters, e de momento os novos levan soio vinte días, respírase paz e traballo. Os que chegaron prometeron voltar pronto á normalidade. Imos ver. De momento, respetan a Constitución.

Buenos Aires está como sempre, inquedo no orde cultural, moito teatro, cine, café-concerts, etc., añadíndolle os domingos os programas para os nenos, arredor de trinta, con cine, teatro e títeres para eles, enmais de concerto, dous ou tres para nenos e neste caso tamén para adolescentes co propósito de inicialos no amor á música. Hoxe é domingo por eso falo desto. Poucas cidades teñen tantos espectáculos adicados á infancia. Mais, como xa deixamos por desgracia de ser nenos e estamos fartos de traballar ao ritmo que esixe Buenos Aires, gostaríanos voltar novamente á Coruña. Este ano teño cinco exposicións de óleos, grabados, o que siñifica facer unhas cen obras novas, e ten de sair, casi seguro, un Bestiario do poeta Alberto Girri con grabados meus en unha edición de luxo. Todo ¿para que? Non teño ganas de facer exposicións, mais teño que facelas. Fago unha vida pechado na casa, no meu estudo, e ás vegadas, vexo dende a fiestra o Rio da Plata, violeta, ou coor de lama, ou imitando a coor do mar, según lle de. Saímos pouco, cuasi soio a casa de amigos. Lembrámonos moito dos amigos de ahí, das reunións que con vos, Domingo, Piñeiro, etc. Para mín foi unha grande alegría a reunión derradeira na casa de Domingo con motivo do homenaxe a Del Riego. É a derradeira visión leda que lembro de Galicia neste viaxe.

Esto é todo hoxe. A tí, Dónega, prégoche ocuparte do Museo. Ten que ser unha obra de todos nos. Ponte de acordo con Isaac para tratar de arranxar os problemas que poda ter. Non se lle pode deixar soio. Agora non é cousa dél e miña, ten de sere do Patronato. Matinade que o Museo pode ser un centro de expansión cultural extraordinario. Non temos de perder esta oportunidade.

A Pillado remitinlle un artigo encol de “Los Precursores” no seu aspecto gráfico. Non sei si o publicou. Gostoume a reedición que fixo Santiago.

Repito, esto é todo hoxe. Escribide.

Unha aperta fonda para os tres, si Fernando o permite estendédea a sua moza. Saúde:
.


                          Seguinte »              Último »»

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org