Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

Cartas recibidas de Marino Dónega

MARINO DÓNEGA
1916 Huelva - 2001 A Coruña

Xornalista, escritor e avogado galego. Foi membro da RAG, do ILG, do Museo Emilia Pardo Bazán, da Fundación Ramón Otero Pedrayo, da Fundación Penzol e secretario do Patronato do Museo Carlos Maside. En 1978, foi nomeado Conselleiro de Cultura da Xunta pre-autonómica.
TODAS          Enviadas a Marino Dónega (17)           Recibidas de Marino Dónega (21)       |         Carta: 1 a de
05/04/1971
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane



A Cruña, 5 abril 1971

Luis Seoane López
Buenos Aires

Benquerido e ademirado amigo:

Acúsoche recibo ao retallo de prensa e á carta impresa que dirixiches aos lectores de A NOSA TERRA. E, a verdade, non séi si agradecercho. Porque o envío responde a motivacións tan disparatadas que non entendo como poideches perder o tempo artellando unha ofensiva obvia. A túa vida e a túa obra deféndense sobranceiramente de seu. Unha conducta ilustre, permanentemente sostida ao longo dos anos, exemplar polo seu entusiasmo, polo seu desinterés e pola súa entrega a uns homes e a unha terra, está xa fóra de calquer incomprensión.
Eu algo soupen do asunto. Mais, confésocho, non presto moita atención ás cousas do Plata. Unhas, non as comprendo; e, autras, atópoas delirantes. E ísta é unha délas.
En agarda de vos ver por eiquí, recibide Maruja e máis tí cinguidas apertas de Fernanda e miñas


Dónega
.

Consello da Cultura Galega
29/12/1973
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane



A Cruña, 29.12.73

Luis Seoane López
Buenos Aires

Luis, meu amigo:

Veño de saber da triste nova do pasamento da túa naiciña. ¿E que che hei decir? Calquer frase de consolo pareceráche valdeira, oca e sin senso algun. Porque os que pasamos pola mesma malfadada esperencia sabemos que somentes o paso do tempo deixará en tí a saudade dun ben perdido.
Supoñémoste totalmente resposto das consecuencias do teu accidente automovilístico. E que andarás xa, de cacho para cribo, sin axuda de aparellos. Que así seña.
E sin máis por hoxe, recibide Maruxa e máis tí unha cordialísima e cinguida aperta de Fernanda e miña.


Dónega
.

Consello da Cultura Galega
20/03/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firmas autógrafas]

Localización física
Fundación Luis Seoane



A Cruña, 20 de marzo 1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos nosos benqueridos:

Podemos, ao fin, darvos noticias encol das actuacións xudiciáis verbo do accidente automovilístico que derradeiramente padecéchedes nos Cantóns. As cousas van, como veredes, amodiño. A rapidez na xustiza non deixa de ser unha aspiración coma outra calquera. Polo Xuzgado militar dictóuse auto de inculpación en contra do autor da tropelía. Quen, pola súa parte, consideróuse como tal na declaración que prestóu. Agora pende o choio da xustificación do montante dos danos. E xa lle encarguei ao Procurador que se fixera coas facturas referentes ao arranxo do “carro”. Do malfadado carro.
Pola súa banda, o Xosé Luis fíxome saber da venta do coche. O que non conocemos –porque non era cousa nosa– foi o precio, o nome do comprador nin as demais condicións da compraventa. Máis díxonos que xa vos tiña informados da operación.
Onte estivemos tomando o aperitivo co matrimonio Dieste. O Rafael estávos encantado da vida coa formidable acollida que tivo o seu Félix Muriel na súa segunda saída ao mundo. Tanto no público lector como nos xornáis e revistas. Pra moitos foi –fixádevos ben– unha revelación. Supoño que coñeceredes as dúas páxinas que argallamos na Voz. Levaban reproducidos dous dibuxos da edición americán. Falamos moito, e ben, de vosoutros. O Rafael díxonos que, por rara casualidade, era acreedor de carta vosa. Pra compensar, dixémoslle que nós, en troques, eramos deudores.
O problema do noso amigo, vai indo. E, asegún noticias oficiosas, a proba pericial –minuciosa e detida, exhaustiva– serálle favorable. Así, Diolo queira, polo ben de todos. E meigas fóra. Un destes días propoñémonos facer unha viaxata sargadelián como cicerones duns amigos de fora. E poderemos conocer o seu talante actual. Aínda que o desacougo é nel unha constante, que apenas deixa márxe ás sorpresas.
Presentóusenos unha ocasión pra facer un viaxe a Buenos Aires. Máis, co corazón magoado, refugámola. Sería pra nós unha ilusión fantástica abrazarvos sorpresivamente en Montevideo, 1985. Nembargantes, unha manchea de circunstancias aconsellaron a nosa dolorosa decisión. Xa volas faceremos saber, porque agora sería longo de verquelas ao papel.
A nosa vida vai camiñando paseniñamente polos vieiros dunha cotianidade resabida. Como única novedade, contamos co fin da carreira do noso fillo e coa súa estadía en Sevilla servindo ao Rei. Destinárono, como sarxento da Milicia universitaria, a un grupo de carros de combate. Está, logo, a facer un servicio lúdico. Quérese decir, xogando como cando de neno brincaba cos cocheciños de choque no Relleno.
Confiadamente ficamos na espera de boas noticias vosas. E namentras, recibide cinguidas apertas de nólos dous pra vólos dous.

Dónega

[Manuscrito] Nos acordamos mucho de vosotros y pensamos mucho en la cocina de Maruja.
Muchos abrazos

Fernanda
.

Consello da Cultura Galega
06/04/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane




A Cruña, 6-IV-1974
Luis Seoane López
Buenos Aires

Querido Luis:

Dende Cervo, recibo carta do Isaac. Non che adxunto copia dela porque xa me dí que vola mandóu. O que si vos envío, porque non sei si volo fixo saber, é o proiecto de acordo de Cerámicas que ten matinado, previo ao que haberá de adoptar o Laboratorio. Encamiñados ambos os dous á constitución da Fundación do Museo. Fico, logo, en agarda das vosas instruccións.
Si en liñas xeneráis concordáredes, trataría, pola miña banda, de introducir algunhas matizacións no proiecto. Como, poño por caso, a de vencellar o devandito acordo á escritura pública de 8 de febreiro de 1970, otorgada polo Laboratorio e polas Cerámicas e que tivo por obxeto –como sabedes– “crear y organizar” o Museo. Quérese decir, que ambas as dúas sociedás, vista a esperencia adequirida nos anos que leva funcionando o Museo, concordan en darlle ao mesmo persoalidade xurídica de seu, constituíndo pra elo o Padroado que o ha de gobernar. Mais pra que así fose, entendo que é preciso que o Isaac –e así faréillo saber– deixara sin efecto o acordo de Cerámicas do ano de 1973, que denuncióu o convenio do 1970. E non haberá ningún atranco legal pra elo xa que o acordo do 73 non o tén levado á práctica.
Polo demais, reparade especialmente nos puntos 5º e 6º do esquema feito polo Isaac, dada a trascendencia que poideran ter no futuro do Museo. Refírome aos da carta que me dirixíu.
O procedemento na xurisdicción militar vai rematar con ben pra todos. Entrevistouse conmigo o Letrado da compañía aseguradora La Unión y el Fénix, pra me decir que está disposta a arranxar o choio pagando as indemnizacións debidas. Dínlle traslado da proposta ao Naveiro pra que se faga cas facturas do caso pra facerllas chegar á devandita aseguradora. E, unha vez percibidas as indemnizacións, retiraríamonos da acusación. Pra elo, presentaríamos un escrito ao Xuzgado facéndollo saber. Co que, seguramente, ficaría sin efecto o auto de inculpación dictado nas actuacións, i estas dispostas pra o seu arquivo.
Por eiquí, ningunha novedade que non vos podades supoñer. Na Academia deixei presentada a proposta de Mariñas del Valle como académico numerario pra ocupar a cadeira que deixou valdeira Iglesias Vilarelle. Firmáronme a proposta Rafael, Vales e Carré. Quixen que foran académicos da Coruña os propoñentes. Na proposta feita cito unhas frases túas adicadas ao Mariñas na Figuración que lle fixeches. Supoño que a proposta prosperará. Mariñas fixo aportacións interesantes á cultura galega. E pola sua entrega calada e sacrificada aos valores disa cultura, é quén, parécemo a min, de figurar na Academia. E a propia Academia honraríase ao contalo antre os seus internos colaboradores.
Na agarda das vosas noticias, recibide Maruxa e mais tí cinguidas apertas de Fernanda e miñas.

Dónega
PROYECTO DE ACUERDO A TOMAR POR CERÁMICAS DEL CASTRO EN UNA REUNIÓN A CONVOCAR CON EL SIGUIENTE ORDEN DEL DÍA:
Punto único:
Perfeccionamiento de un acuerdo tomado por la Junta de Socios de Cerámicas del Castro, Ltda. el 8 de febrero de 1973 en relación con la formación de un Patronato para el Museo Carlos Maside.
Acuerdo
Dadas las dificultades sociales conocidas de todos para dar cumplimiento al convenio suscrito por nuestra Sociedad con el Laboratorio de Formas de Galicia en 9 de febrero de 1970 sobre la creación y organización del Museo Carlos Maside, en relación con el acuerdo tomado en la Junta de socios del 8 de febrero de 1973, y al objeto de colaborar de la mejor forma en la evolución de que es acreedora esta institución de Arte sin perjudicar los intereses de esta Sociedad se acuerda:
1- Se nombra al socio don Isaac Díaz Pardo que de acuerdo con un representante del Laboratorio de Formas de Galicia procedan a otorgar una escritura de constitución de un cuerpo denominado Patronato del Museo Carlos Maside, obteniendo para él la personalidad jurídica que determinan las Leyes vigentes.
2- El Patronato del Museo Carlos Maside estará formado en su fundación por los siguientes representantes de entidades y personas físicas: representante de Cerámicas del Castro, Ltda; representante del Laboratorio de Formas de Galicia; representante del Instituto Gallego de Arte; y los señores Don Luis Seoane, Don Álvaro Gil, Don Manuel Chamoso Lamas (1); Dr. García Sabell; Don Rafael Dieste; Don Ramón Piñeiro; Don Francisco Fernández del Riego; Don Sebastián Martínez Risco, Don Valentín Paz-Andrade, Don Ramón Otero Pedrayo, Don Eduardo Blanco Amor; Dr. Ricardo García Suárez y Don Marino Dónega.
3- Dicho Patronato dirigirá y administrará a partir de su constitución el Museo Carlos Maside, cuyos fondos serán puestos a su disposición por los actuales titulares de la institución.
4- Entre las primeras misiones que cumplirá dicho Patronato estará la de procurarle al Museo Carlos Maside un edificio adecuado a construir en este mismo lugar del Castro-Sada, en frente del edificio que ocupa actualmente en terrenos que donará para este fin el Instituto Gallego de Arte según se han prometido sus miembros.
5- Cumpliendo las condiciones de seguir el Museo Carlos Maside en el lugar citado, al lado de nuestra planta de producción, nuestra Sociedad seguirá colaborando en su sostenimiento de acuerdo con sus posibilidades en cada momento.


A carta inclúe anexo de proxecto que na cabeceira ten logotipo e membrete como sigue:

SEMINARIO DE ESTUDIOS CERÁMICOS
SARGADELOS-CERVO-LUGO
.

Consello da Cultura Galega
10/06/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane




A Cruña, 10.6.74

Luis Seoane
Bs. As.

Meu querido e ademirado Seoane:

Contesto a tua do 23 do mes pasado. Debíache carta, sí. Ben vexo que levas unha boa contabilidade. Mais non o fixen denantes por mor dunha viaxata que argallamos polas terras do Al-Andalus pra lle facer unha visita ao noso fillo. E, xa sabes, entre o previaxe, o viaxe e o postviaxe ficóu todo demorado. Pasámolo mo ben. Impresionounos, especialmente, Córdoba. Alí batemos con vellos e conocidos amigos. Séneca, Averroes, Ibn Hassam, Maimónides, Góngora, Duque de Rivas e... mesmo Manolete, deixámolos, previo o conocemento abstracto que deles tiñamos, cáseque vivencialmente incorporados a nós. E Granada, Motril, Málaga, Ronda, Arcos, Sevilla, Cádiz, Huelva, Rábida, Palos, Moguer, pra voltar por Itálica, Mérida, Trujillo, Cáceres, Yuste, Guadalupe, Plasencia, Salamanca e Zamora. Como verás, polos camiños da millor historia galega. Porque xa sabemos, –tí nolo dixeches– que sempre haberá un paisán noso remexendo nos feitos que aqueles nomes evocan. E, claro está, non deixamos de lembrarte ao noso paso pola serranía xienense, afogada a súa soedade e desertización polos colonos galegos e cataláns –e alemáns católicos– asentados no XVIII por Carlos III nas vellas “Nuevas poblaciones...” Mais, vaiamos ao noso.
Fai xa máis de vinte días que fixen entrega ao noso amigo do anteproiecto dos Estatutos polos que se ha gobernar a nova Fundación. Entreguéillo pra que fixera nél as observacións que a ben tivera. Estóu en agarda das mesmas. Polo de pronto, vexo que do tidúo desaparez o nome de Castelao. Que era, si mal non recordo, idea túa incorporalo ao nome da Fundación. Tan axiña teña algunha nova verbo do choio, faréicha saber. Deica o de agora somentes falou de comenencia de estudar a incorporación ao Consello ou Padroado da Fundación dun representante dunha nonnata asociación de “Amigos” que, naturalmente, habería que constituír. Ben se ve que a simplicidade, que a sinxeleza e que a esencialidade non entran no canón estético e social do noso amigo. A impronta do seu delirante barroquismo fica sempre ben patente onde queira que toque. Con todo, téñolle lei.
O Día das Letras foi un éisito. Tivo moi boa acollida tanto nos medios populares como nos culturais e nos de comunicación social. Semella que é festa que callóu na concencia do país. O nome de Viqueira, cáseque esquecido, foi unha revelación pra moitos.
Tamén estivemos en Padrón co gallo da imposición a Álvaro Gil desa trapallada do Pedrón de Ouro. Vímonos amigos de toda Galicia. O Álvaro estivo algo amolado coa “festa”, mais non a puido refugar. Seica foi presionado por compromisos que non foi quen de vencer. O Isaac lanzou, no nome do Museo Maside, unha fermosa medalla conmemorativa. O etnógrafo portugués Santos Junior foi o mantedor do acto. E no xantar, en Rois, falou don Ramón Otero.
E pra rematar, queremos que seipades da nosa ledicia pola noticia do voso próisimo viaxe á Terra. Entramentras, de nolos dous pra volos dous, cinguidas apertas

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
24/06/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firmas autógrafas]

Localización física
Fundación Luis Seoane


A Cruña, 24.6.74
Maruxa e Luis Seoane
Bs. As.

Benqueridos e ademirados amigos:

Antonte, 22, ficou rematada a redacción definitiva dos Estatutos do Museo. O Isaac fixo algunhas observacións –poucas e atinadas– ao anteproiecto que no seu dia tíñalle entregado. Todas elas certamente recelosas mirando cara ó futuro goberno da Fundación. Non entro en pormenorizacións porque xa séi que non deixa de vos informar dos pasos que ven dando. Nembargantes, e por si non o conocérades, envíovos copia do programa de actuacións máis inmediatas por íl argallado verbo do choio. Semellan lóxicas e ben ordeadas. Asegún anuncióu, pensa entregarlle o proiecto no dia de hoxe ao Notario de Betanzos, Julián Marcos, para a súa formalización.
Como veredes, desta vez parez que a cousa vai en serio, ainda que o pleito que vén soportando impónlle pausas que ben quixera refugar. Houbo un novo intento de arranxo amigable propicidado, agora, polo propio Xuez coa intervención de Sebastián. Mais foi outro fracaso. Unha verdadeira mágoa. O noso amigo pretende, no fondo, un imposible: que as cousas fiquen atal e como estaban, un “borrón y cuenta nueva”, unha perdoanza xeneral aos seus contrarios enviándolles, por riba, a súa benzón urbi et orbe. Os contrarios –típicos capitalistas, ao fin– andan máis co dito dos feirantes: “si, si, pero a vaquiña polo que val”. E, si posible for, por algo máis do que valla. Haberá, logo, que agardar por unha resolución xudicial que nada vai arranxar. Porque, de ganar o noso amigo, coa separación dos socios terá que liquidarlles a súa parte. E xa estamos de novo no problema. Eu ben lle espliquéi que estamos diante dun pleito de divorcio e que, separados os cónxugues, é preciso liquidar a sociedade de gananciáis. Pero non o entende, ou non o quere entender. Eu máis ben penso na primeira hipótese. Ben dotado prás artes plásticas, agarimado por Mercurio, sabedor, introductor e millorador de toda clás de tecnoloxías, o dereito resísteselle incomprensiblemente. Nin o intúi, nin o cheira. Cousa ben rara nun galego. Eu coido que, por non ter tripado na aldea, o noso amigo é un galego de libro ou, si queredes, de piso. E ímola andando.
No tocante ao voso pleito, diréivos que rematóu como si dunha novela rosa se tratara. Cobróu a vosa Compañía, quedáchedes como uns cabaleiros que sodes, e o voso “agresor” foi absolto. E aquí paz e despois groria.
Por eiquí vense advertindo certo desacougo nas xentes. Os tirios pensan que algo teñen que facer, ainda que batan adoito con resistencias no propio campo que, ás veces, parecen insuperables. E os troiáns –mália a leva– andan desnortados, inquedos e ás atoutiñadas. A realidade é complexa, endiañadamente complexa, e resístese aos análises máis serios e concienzudos. E o contexto xeneral, cambiante e tornasolado, por si non abondara, ainda ven introducir novos confusionismos. E dentro dél, queiramos ou non, atopámonos mergullados a piques do noxo.
Sin máis por hoxe, i en agarda de que o noso saldo epistolar saia dos números roxos, recibide unha cordialísima aperta dos vosos certos e invariables amigos.

Fernanda
Dónega

PRIMERAS OPERACIONES QUE PODRÁ REALIZAR EL PATRONATO DE LA FUNDACIÓN DEL MUSEO CARLOS MASIDE
CON EL I.G.A
Donación del terreno con la siguiente cláusula: “El I.G.A. Cede a la Fundación del Museo Carlos Maside el terreno del lugar del Castro, frente a la fábrica de Cerámicas del Castro, Ltda., en el que se levantarán las dependencias del Museo y se fijarán sus actividades principales. En caso de que por cualesquiera razones la Fundación trasladase el Museo a otro lugar el I.G.A. recuperaría su soberanía sobre el terreno que ahora cede con todas las instalaciones inmobiliarias que tuviese encima, y sin compensación económica alguna”.
Relaciones
-Comunicación a los Patronos de la firma del convenio, u otorgamiento de la escrituración de Estatutos con un resumen de sus conceptos generales y la transcripción del art. 11 por el que cada uno aparece nombrado, anunciándoles que en breve se enviará copia de la escritura constitutiva, convocando la primera Junta para agosto.
-Envío a los Patronos de la copia de la escritura.
-Comunicación a la prensa y a los medios de información y centros de cultura de la constitución de la Fundación con una breve reseña de propósitos.
-Apertura de una cuenta corriente a nombre de la Fundación y en que se ingresarán los fondos dinerarios que tienen hoy el Museo.
-Impresión de papel y fijar las primeras normas para la oficina administrativa y de las relaciones públicas que en un principio tendrán que ser muy hábiles e intensas a fin de promocionar las colaboraciones que posibilitan el desarrollo de la institución.
En la primera Junta
-Nombramiento de Presidente y Secretario (A. Gil y Dónega)
-Nombramiento de la Junta de Gobierno.
-Nombramiento de Director (L. F.)
-Nombramiento de Junta de obras.
-Estudio de los medios económicos conque contará la Fundación.
-Recepción de los fondos de parte de las Sociedades fundadoras.
-Posible comunicación especial al Ayuntamiento de La Coruña y a la Diputación ofreciéndoles con arreglo al art. 11 de los Estatutos un puesto a cada una de ellas en el Patronato, cargo nato de su Presidente o ponentes de Cultura. Haciéndoles ver que de hecho el Museo Carlos Maside se va a convertir no sólo en el gran museo de Arte Moderno de Galicia, sino en el Museo de Arte Gallego Moderno de La Coruña, que estas dos instituciones deberían tomarlo como suyo y, en consecuencia, ayudarlo económicamente en su programa de desarrollo y en su sostenimiento.
-Fomentar una asociación de amigos del Museo Carlos Maside, ofreciéndo un cargo del Patronato a un representante de ellos.


A carta inclúe un anexo sobre o Patronato da Fundación do Museo Carlos Maside.

.

Consello da Cultura Galega
07/08/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada, con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane




A Cruña, 7.8.1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Meus amigos benqueridos:

Como xa séi que tendes no voso poder retallos da Prensa do país coa nova da constitución da Fundación do Museo Carlos Maside, aforro esplicacións. Agora pende o trámite da aceptación dos Patronos ou Conselleiros. Eu encarguéime da dos amigos de máis confianza (Rafael, Domingo, Ramón, Sebastián, Paco e Ricardo), e o Isaac da do resto. O vernes que ven, 9, xa teño citados a algúns deles na Notaria de Fernando Alba. Máis adiante, e dentro deste mesmo mes, citáronos o Alvaro a unha xuntanza en Viveiro. Logo virá a xestión encamiñada á inscripción da Fundación no Rexistro especial. Iste lerio, como veredes, vai indo. E bó é.
O Isaac deu un “golpe” nas Cerámicas. Por sí e diante sí nomeou unha chamada “Comisión Administrativa de Emergencia” composta polos socios con íl identificados e tres obreiros membros do Xurado da empresa. Unha sorte ou mistura de soviet e comité de coroneles. E agora a agardar as consecuencias. Que non serán boas si os destituidos reacionan co aparato legal ben movido. Ou, ao millor, co pasmo, calan. Ide a saber.
Tivemos a ledicia de conocer a Marucha Salgado, arxentina amiga vosa –e agora tamén nosa–, filla de ourensán e luguesa. Simpatiquísima, discretamente porteña, espresiva e, ¡que carai!, ben feituca. Por amosarlle, amosámoslle a vosa torre do Paseo de Ronda. E dixémoslle que dende o seu 6º pasar, nas vosas estadías nesta cidade, enviades ao mundo destellos artísticos, acenos de amistade e avisos aos navegantes. Ao ver situada enfrente á de Hercules, Marucha apañóu no áer o paralelismo como si dunha mosca se tratara. Marcha de Galicia leda coma un xílgaro.
O vello patrón, erre que erre. Non é máis que unha cañota oca e retorta, máis sigue en pe no medio da chousa. Non hai chispa que o tronce, nin raio que o fenda. Houbo, de tódolos xeitos, os seus máis e os seus menos. Máis ben menos. Nembargantes, parécese intuir que a longa noite de pedra vai amolecendo.
Reparando na correspondencia atrasada atópome cunha pregunta vosa que, non séi por qué, deixéi de contestar. Refírome á vida das Figuracións. Pois ben, meus amigos, penso que chegóu o tempo das despedidas. A Prensa e a Televisión devoran inmisericordes ás suas criaturas. Mesmo ten unha colaboración longamente sostida na páxina dun xornal, que unha faciana facendo carantoñas meses e meses na pantalla dun televexo. Ben séi da dór de matar unha criatura, mais entendo que non é preciso chegar á eutanasia. Abondaría, ao meu ver, con facerlle perder periodicidade e reservar a sua presencia pra sinaladas ocasións. Sería, por riba, un xeito de revitalizada. Penso eu. E remato pedíndovos que non vexades na miña opinión máis que un “leal saber y entender” correspondendo a unha pregunta que me honra e distingue, e que xa na sua formulación adiviño as vosas propias dúbidas.
Coa nosa felicitación a Maruxa polo seu espléndido galego, recibide vós os dous de nós os tres cinguidas e garimosas apertas.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
04/09/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane






A Coruña, 4.IX.1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos benqueridos:

Sin ningunha vosa á que me referir (tamén eu séi botar as miñas contas), diréivos que conozo o informe que vos mandóu Isaac verbo da xuntanza informal dos membros do Padroado ou Consello da Fundación do Museo Maside, que tivo lugar no Castro o 28 do mes pasado, seguida dun xantar en Sada nesa maravilla modern styl que é a Terraza. Non puiden asistir. E sentíno ben de veras. Unha febrícula guindóu conmigo no leito. Que si nesta ocasión non foi da dór, fóino sí do amolamento. Logo de xantar, viñéronme ver á casa o Domingo e máilo Ramón. Viñan moi ledos. A cordial e vella amistade duns homes encanecidos nun mesmo ideal e patriótico quefacer, xunguíaos a todos. E todos lamentaban a vosa ausencia, adicábanvos garimosas lembranzas, e tiñan saudade vosa. Tendes razón: a amistade é unha das poucas cousas que pagan a pena.
O pleito do noso amigo –¡oh! o pleito do noso amigo– camiña cara ó fin. O xuez está pra decir a sua definitiva palabra. Entramentras... Pepito, nunha clínica cunha embolia cerebral. Federico, máis que nunca pechado herméticamente no seu mundo silencioso. E Isaac, vagando incansable por rexións oníricas entre sombras delirantes. E atrás deles iremos nós, os abogados. O pleito do noso amigo, nono dudedes, poñerá a proba o equilibrio psicosomático de toda a nómina que figura no dramatis personae desta comedia. Que, si por veces parece bufa, outras –as máis– semella coller os vóos grandiosos da traxedia, con coros ululantes e destino insoslaiable.
A trancas e barrancas, as cousas van indo. Parece que agora que sí, semella que agora que non. E, coma sempre, a espranza sigue pendurada dun péndulo que vai e ven sin acougo. E tamén sin o dispositivo argallando por Poe no seu poema ao corvo. Ninguén sabe nada. A falla dunha información serea, directa e ordeada, ínzanse os xornais de seccións semicríticas-semidiotas nas que se ameaza con extramuros, chíscanse os ollos con minutas de ceas, barrúntanse tormentas en vasos de whisky, ou profetizando datas trascendentáis. Como si se tratar de pasálo tempo xogando ás adiviñanzas ou emitindo partes metereolóxicos. E a Magdalena non vos está para moitos tafetáns. Con todo é de agardar –¡a espranza, sempre a espranza!– que volvades algún dia xubilosos e non xubilados á vosa Terra. A unha terra acolledora, nai e señora, no verso do poeta.
Sei pola Voz que Xermán Quiroga, o voso cónsul, está pra nos deixar. Non estóu enterado si pensan facerlle algún homenaxe de despedida. Si llo fixeran, sumaríame. Cordial, cortés e delicado, penso que sería merecente dél.
E fica xa un chisquiño de papel, o xusto pra vos enviar nós os tres cinguidas apertas a vós os dous.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
14/09/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane





A Coruña, 14.IX.1974
Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Veño de ler no Grial as túas aportacións á pintura mural. Sóupome a pouco. Somentes tiña unha idea vaga da obra que, como muralista, tes ciscada polo mundo. E, coma sempre, das noticias dun delicado requinte. Como, poño por caso, o ofrecemento feito por Souto ao concello coruñés, ou o ágape eucarístico no mosteiro de Poyo, ou a enxoita estética dos conserveiros vigueses, ou a sensibilidade artística do villéu e dos dous emigrantes xa xubilados na súa terra. Unha delicia. E tamén as túas ideas encol da antropoloxía da creación artística. Como, por exemplo, a do boceto como feto boligante i en formación evolutiva na matriz do artista. Agora é de agardar que calquer día nos agasalles tamén coas túas aportacións á diagramación dos libros, e co teu concepto encol do libro como significante. Agardemos, logo. Porque á vista da túa obra global é doado adiviñar nela a fusión do artista co home formando unha indisoluble unidade. Unidade que é, ao meu ver, a túa gran verdade artística e humán. A túa autenticidade máis radical.
Verbo do Museo Maside, estóu en espera de que o Isaac me facilite as liñas xeneráis encol desa asociación de amigos na que ten matinado pra lle dar, pola miña banda, forma ao Reglamento. Dende logo, ficamos á espreita da túa decisión última encol de si un representante deles ha pasar, ou non, a formar parte do Consello. Xa séi que non eres partidario. O cal paréceme moi asisado e posto en razón. Ainda faltan por aceptar os seus cargos don Ramón Otero Pedrayo, ausente en Santander, e o Valentin, non hai moito chegado de Caracas. Tan axiña se complete iste trámite, iniciaréi o da inscripción da Fundación no Rexistro correspondente. Sería pra min dunha grande ledicia ter todo arranxado pra cando vós viñérades. Agasallaríavos cun fermoso regalo de Reises.
Alá vai o noso vrán. Pero o outono promete ser máis quente. A inquedanza é grande. Unha sensación de interinidade fai presa nas xentes. Intúise un valdeiro que é preciso encher. ¿Mais cómo? That is the question. Poderíache facer un análise da situación, pero paréceme unha perda de tempo. Porque cando ista carta chegue ao teu poder ficaría xa invalidado. Así son de cambiantes as forzas en presencia. Da noite prá mañá esfarélase calquer previsión.
Verás que desta vez non falo do pleito do noso amigo. Vóu farto. Nembargantes, diréiche que o Pepito milloróu, e que o noso amigo interesouse arreo pola súa saúde, ainda que sin resultado positivo algún. Pola contra, bótanlle a culpa de todo. É pra se botar a correr e non parar.
Á espreita da esmola dunhas letriñas vosas, recibide Maruxa e tí garimosas apertas de nólos tres.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
25/09/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Coruña, 25.IX.1974

Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Escribo ao gallope. Como verás, pra enviarche a minuta adxunta. Érelo único en faltar. Terás que legalizar escritura no Consulado español. Enviarémola logo ao noso Ministerio de Asuntos Exteriores pra legalizala firma do Cónsul. Andrómenas burocráticas.

Levéi unha grande ledicia coa túa do 19. Un silencio, que viña prolongándose desde o 7 de xullo derradeiro, tíñame xa medio alertado. Agora vexo que estaba xustificado de abondo. O traballo que vés desenvolvendo é, pra ben de todos, arrepiante. Unha dúcia de homes coma tí arranxaría un país.
Escribiréi con máis vagar. Entramentras, recibide Maruxa e máis tí as máis garimosas lembranzas de Fernanda e máis miñas.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
18/11/1974
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Coruña, 18.XI.74

Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Recibo e contesto a túa do día 11 do mes que andamos. E, nono acubillo, recíboa e contéstoa con disgusto. Cun disgusto simétrico ao reflexado na túa. O retrato que mandas, aínda que moi bó de parecido, non é do noso agrado. Mais, que lle imos facer! O modelo non dá máis de sí. Nin siquera deixa moito marxe á idealización. Mais o disgusto non pode, nin debe, levármonos á desesperación. Sabemos, e bó é, que temos un boi que turra dun lado. Terémolo, logo, en conta pra vérmolo xeito de pulsear ben a rabela do arado pra que non saian tortos os sucos da nosa arada. E, como axiña terémola enorme ledicia de contar coa vosa presencia física, aforro verquer ao papel as incidencias do lerio. Rebasan os lindeiros dunha carta, e non é cousa agora de redactar un informe xurídico para o Tribunal Internacional da Haya, artellar unha biografía do persoaxe, ou matinar nun estudo antropolóxico encol do mesmo. Non paga a pena. Porque as cousas van indo, que é o que importa. Pola túa banda, podes aforrar a viaxata ao consolata. Cando veñas, estaremos en tempo.

Polo demáis, o que había de vir, veu. O noso amigo xa ten no peto a sentencia que agardaba. Tal como supoñiámos, non arranxa nada. As cousas fican como estaban denantes de se encetar o belén. Acolle, das nove peticións de condena feitas polos actores, unha coa que xa concordabamos. Mais, con todo, o noso amigo mandóunola apelar. E, pra maior fachenda, entróulle un novo proído: unha querellitis aguda. Colléu a teima de sentar no banquillo e tódolos que, en contra, interviron no pleito: demandantes, abogados, procuradores, peritos e, si se tercia, ao propio xuéz. E mesmo ao moro Muza. Delirante, querido Luis, delirante.

Por eiquí vénse advertindo unha brisiña lixeira, maina e confortadora, á par que vai esmorecendo, fatigado, o noso veciño ferrolán. E no monolito van xurdindo fendas. Entroulle, fatalmente, o mal da pedra. Poderán, sí, bizmalo con cataplasmas dilatorias, mais, o verme, ha seguir rillando nél. Está xa pra furar a códea.

E sin máis por hoxe, recordándovos que a paciencia é unha virtude que convén exercitar, recibide Maruxa e máis tí cinguidas apertas de nólos tres.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
24/04/1976
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 24 de abril 1976

Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos benqueridos:

Cando recibín a vosa decindo que xa facía dous meses pasados que tíñades escrito, fiquei pasmado. O tempo corre que dá xenio vélo. ¿Razóns da miña demora en contestar? Moitas. Máis, pra amigos coma vosoutros, ningunha valedeira. O traballo profesional, absorvente e inmisericorde; as angueiras galeguistas en forma de libro que me encargou Galaxia (unha escolma poética, con prólogo e notas encol de Cabanillas, conmemorativa do centenario do nacemento do poeta); artigos e dúas conferencias, co mesmo gallo, en Pontevedra e Lugo; a morte de don Ramón e as consecuencias testamentarias da mesma; viaxes a Madrid para me entrevistar cos ministros do Interior e máis de Educación en procura do arranxo dos problemas económicos da Academia; trapalladas de orde político que xa, á miña edade, me producen acoros... E un longo etcétera, téñenme completamente embobado.

E, por si non chegara, a miña cuñada, á que lle amputaran unha perna por mór dun carcinoma, aparecéronlle agora metástasis no pulmón, no mediastino xustamente. Unha tremenda desgracia que ten abraiada á familia. Supoñemos que o final non ha tardar. Supoñédevos o cadro.

Seguimos as peripecias dese país con grande curiosidade. E, sin as entender moito, vemos que a cousa non tén doado arranxo. Unha desgracia coma outra calquera. Mírese por onde se mire, semella que unha desgracia caéu sobor do xénero humán. A convivencia fáise traballosa, por non decir imposible. Non se ve xeito de equilibrar no mundo libertade e orgaización. O binomio ao se descompensar lévanos, asegún da banda que caia, ao desorde ou á tiranía. E non hai xeito de fuxir deste círculo infernal. Somentes a espranza poderá manternos en pe. A espranza humán, pra úns, e a espranza teologal, pra outros. Os franceses ben a distinguen con dúas verbas distintas: l´espoir e l´esperance.
Bon. Deixándonos de andrómenas, diréiche, Luis, que co teu artigo de hoxe no suplemento dominical da VOZ, encol do libro LOS PRECURSORES, fiquéi apampado. Sabía, sí, da túa erudición, pero non tanto. O Santiago runfa tanto que non hai quen o ature.

Xa séi do voso interés polo Museo Carlos Maside. Mais ésta é outra. As complicacións sucédense e o choio ficóu paralizado por mór dun pleito. O caso merece unha carta pra el soio. Será a prósima. Como máis, daquí a catro ou cinco dias. Entramentras, unha cinguida aperta pra vós os dous.

Dónega


[Manuscrito]
Unha forte aperta do voso amigo.
Fernando


[Escrito na marxe esquerda]

Querida Maruxa e Luis:

Lembrámonos moito de vosoutros e das veladas na vosa casa do Paseo de Ronda. E boto de menos tamén as leccións de cociña, Maruxiña. Poño moito interés, pero fracaso a veces. Tamén pode influir o humor do que ando moi mal. Bicos e moitos abrazos.

Fernanda
.

Consello da Cultura Galega
28/05/1976
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 28.V.76

Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Meus amigos benqueridos:

Como vos prometín na miña derradeira, ainda que non dentro do plazo anunciado, daréivos conta do estado que mantén o Museo Maside na actualidade. Pasaron as festas das Letras –que pra min supuxeron a confección dunha Escolma pra Galaxia, dúas conferencias e xestións académicas a eito–, e teño xa algún vagar pra ir despachando o traballo atrasado. E ista carta era unha das miñas preocupacións. E, sin máis preámbulos, vaiamos ao choio.

Como ben sabedes, a escritura de constitución do Museo foi otorgada cando ainda estábades eiquí. Polas mesmas razóns, tamén sabedes que, elevada ao Ministerio de Educación, foi devolta pra seren completada nalgúns extremos, o máis importante o da fixación dun capital fundacional. Pois ben, ao Isaac ocurríuselle constituír a dotación económica do Museo cedéndolle ao mesmo determinado número de participacións sociáis que Cerámicas del Castro tiña en Cerámicas de Sargadelos. Consultado o caso, dixémoslle do perigo que tal propósito pechaba en sí. Que non era outro que o dun posible exercicio do dereito de retracto que, sobor das devanditas participacións, poidera actuar calquera dos socios de Sargadelos, ao que tería acceso con arreglo á lei e aos estatutos sociáis. E pra obviar tal dificultade ao noso amigo –fecundo sempre en solucións– ocurríuselle que, logo de notificarlles á totalidade dos socios de Sargadelos a proiectada transmisión, ístes respostaran aceptándoa condicionalmente, é decir, pra o caso de que ningún deles intentara o retracto das participacións, porque, de non ser así, todos, sin excepción, exercitarían aquél dereito, retraéndoas proporcionalmente ao número das que xa tivera cada un deles.

Pois ben: as nosas previsións, desgraciadamente, cumplíronse. E Rey Romero, Pepito, no intre de lle ser notificado o propósito de Cerámicas del Castro, como socio de Sargadelos anuncióu notarialmente o seu desexo de retraer as devanditas participacións sociáis. E ao non levar a cabo Sargadelos a transmisións das participacións sociáis ao retraínte, íste demandouna xudicialmente en procura da satisfacción do seu dereito. E nós, valéndonos de tácticas procesáis ao noso alcance, imos demorando a nosa contestación á demanda do Pepito –firmada por Iglesias Corral– co fin de ganar tempo pra que os restantes socios de Sargadelos poidan, á súa vez, exercitar tamén o retracto demandado, non soio á sociedade, sinón tamén ao Pepito pra que se aveñan a que o retracto se leve a cabo proporcionalmente ao número de participacións que cadaquén representa en Sargadelos.

Como veredes, unha notable interquenencia. E un mal menor. Pero, ao fin, un mal. E, dende logo, un fracaso en canto impide definitivamente o propósito de constituír a dotación económica do Museo pola vía que o Isaac elexiu. Lamentable.
Sin máis por hoxe, unha cinguidísima aperta do voso

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
29/08/1976
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 29.8.76

Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Meus amigos:

Sin tempo non vai sendo. Hoxe, domingo, aproveito pra me corresponder con vós. As desgracias, os traballos, as preocupacións, os amigos... Xa sabedes, non deixan vagar nin tranquilidade pra escrituras demoradas e ben axeitadas.

As desgracias. A miña cuñada deixóunos de vez. Vai farta de sufrir. Anunciou premonitoriamente cáseque a data exacta do seu pasamento. Tal premonición non era, porén, de extrañar. Conocedora puntual da súa terrible doencia e do curso que ineluctablemente levaba, os seus cálculos tiñan que ser necesariamente correctos. Mais levada do seu afincado sentimento relixioso, quixo sofrir pra sublimar a súa dóor e ofrecerlla ao bon Deus. En todo intre, deu mostras dun valor, dunha serenidade e dunha fortaleza moral moi pouco comúns. O seu exemplo e a súa templanza foron consolo prá familia. E remato este triste capítulo, meus amigos, porque estóu a correr o risco de incidir nunha mala literatura necrolóxica, cousa da que sempre abominei.

Os traballos. Rematada a a Escolma de Cabanillas1, xa na rúa, recibo o encargo dun novo libro. Unha biografía de Antón Villar Ponte, que ha formar parte da colección que inaugurou Galaxia baixo o rubro xeral de Conciencia de Galicia. Iniciouse coa biografía de Murguía, feita no seu dia por Vicente Risco. Seguirán outras de Rosalía (García Sabell), Castelao (Piñeiro), Curros (Carlos Casares). E así sucesivamente. Ando a remexer en caixóns de papéis e retallos de prensa que deixou o meu futuro biografiado, clasificándoos e poñendoos en orde. Un lio e un labor de moito mimo.

As preocupacións. Falo do Museo Carlos Maside. E mirese por onde se mire, a primitiva fórmula de financiación argallada polo Isaac fracasóu. O luns derradeiro tivemos xuntanza no Castro. Asistimos todos os conselleiros, agás o Risco, totalmente incapacitado por mor dunha xordeira irreversible, Blanco Amor, con interquenencias, e García Sabell, no extranxeiro. O Isaac que é, ben o sabedes, un sublime teimudo, argallou unha nova sociedade mercantil –Laboratorio de Industria e Comunicación– co propósito de constituila en futura nodriza da Fundación do Museo. Os trámites xa están en marcha e, algúns, xa cumplidos. Mais con todo, os retrasos son inevitables. Agardemos, pois logo, e teñamos paciencia. Da que, por outra banda, xa levamos dado proba máis que de abondo.

Os amigos. Van vindo e hai que atendelos. EMILIO GONZÁLEZ LÓPEZ roubóume moito tempo. Quixo saber todo e de todo. Sigue co verme político metido no corpo e ten unha saúde de cabalo. Fixo dúas ou tres visitas á súa vella circunscrición electoral. E falóu, ún por ún, cos vellos electores, e si morreran, cos fillos, e sinón tamén cos netos. Un caso de actividade. Deu conferencias en Sada co gallo de II Centenario de USA, na Sociedade da Gaiteira encol de Castelao, e nas II Xornadas Xurídicas orgaizadas pola Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia sobor da Parroquia galega como ente comunitario, político e administrativo. Estivo moi avencellado ao seu vello amigo, seique xa dende a escola, Manolito Iglesias Corral. ARTURO CUADRADO pasóu unha estadía en Galicia moi pouco notada, sin intrés algún en se facer ver. Asistín á conferencia que pronunciou no Castro, moi lírica e delicuescente. Asistíu pouca xente, e vella. LORENZO VARELA, feble de saúde. E a muller, parkinsoniana, un pouco ida. Teñen, parézemo a min, problemas de adaptación ao medio. Estivemos un bó rato xuntos, e pasámolo divinamente falando do Lugo dos anos trinta. Lembramos con gran precisión homes, feitos e cousas. A sensibilidade do poeta, adubada con fina ironía, a súa conversa convírtese nunha festa intelectual.
E acabóuse o papel, meus amigos. Recibide, pois logo, unha cinguida apaerta de nós os tres para vós os dous.


Dónega
.

Consello da Cultura Galega
02/09/1976
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firmas autógrafas]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 2.9.1976

Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos benqueridos:

No xornal de hoxe, batemos coa triste noticia do pasamento do voso irmán Emilio. Conocímolo personalmente na vosa casa e impresionounos a súa agudeza mental, a súa simpatía e a súa cordialidade. E agora comprobamos na prensa e na rúa un sentimento xeneralizado pola perda dun coruñés traballador, pletórico de iniciativas e de realizacións.

Deixando fora consideracións políticas que, por continxentes, non veñen ao caso nesta hora, fica en pe na conciencia dos seus conveciños a lembranza dun home de ben, amigo dos amigos, e que axudóu no que puido aos que a il acudiron. A súa desaparición foi unha sorpresa para a cidade. Ninguén a esperaba. Pra o luns vindeiro, estaba anunciada, coa súa presencia, a inauguración do Polígo[no] Comercial que, debido á súa iniciativa e entusiasmo realizador, foi construido nesta cidade. Obra, por outra banda, sin precedentes en ningunha outra cidade de España.
Recibide, pois logo, unha cordialísima aperta de condolencia dos vosos amigos

Fernanda
Dónega
.

Consello da Cultura Galega
01/10/1976
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 1º.X.76

Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Comprendo. A túa non é canseira, non; é sabiduría vital. Na mocedade todo é pulo, puro e simple, no medio dunha sinxela e parva realidade. Mais co tempo, váise ún decatando da endiañada complexidade desa realidade. Vai ún conocendo, eso sí, verdades parciais ou, si se quer, anaquiños daquela realidade. E así cadaquén. Logo, necesariamente, imos perdendo dogmatismo ao comprender que, cando menos neste mundo, nunca saberemos da verdade absoluta, de la misa a la media. E facémonos liberáis. Comprendemos aos demáis, e aspiramos, simplemente, a que os demáis nos comprendan. Facémonos, en suma, comprensivos. Mesmo tamén cos xogadores de cartas. Eso é todo.

Claro que logo veñen os periodistas e non nos comprenden. Ou non nos facemos comprender. Vai ti a saber. Pero debemos tamén ser comprensivos. Non todos van se uns Eckermans a falar cuns Goethes. Porque, en definitiva, o importante, o verdadeiramente importante, é a obra que cadaquén deixe tras de sí. E a túa, Luis, é xigantesca, ciclópea. E pra sempre ficará chantada na memoria de Galicia. E aínda máis: na memoria do universo mundo. Fíxate tí si podes, ou non, ser comprensivo con canta burra peideira ande ceibe pola bouza da vida.
A vosa carta tróuxonos candia sí unha triple ledicia: a de sabéremos que estades ben, a de conocéremos da vosa farturenta obra, e a de comprobáremos que axiña estaredes connosco. Como chegaredes na forza do inverno, cuidaréi de non vos perder o paraguas que me deixáchedes. Milagrosamente aínda vai candia min nos dias de choiva. Que, pra desgracia do noso país, non son moitos.

E sin máis por hoxe, unha cinguida aperta de nós os catro –Milagro tamén entra no afecto– pra vos os dous.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
20/10/1976
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Tarxeta postal mecanografada que no anverso reproduce retrato de muller con abrigo. No pé aparece a seguinte inscripción: “A Fernanda y a Marino Dónega con amizade. 1975. Luis Seoane”]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 20.X.76

Benquerido amigo:

Chegóu ás miñas máns o Luis Seoane, de Rafael Squirru. O artista e máilo home non están enteiros no estudo crítico-biográfico, mais no que están, están verdadeiros. A semblanza do matrimonio, unha delicia de finura, de observación e de gracia. Ben vista a infraestructura románica na obra do artista, a axustadamente valoradas a liña e a cóor no plano bidimensional do lenzo. Pola súa sinxeleza e claridade, trátase, ao meu ver, dunha guía utilísima pra comprensión da obra obxeto de análisis.
Graciñas, amigo, cunha forte aperta pra vós os dous.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
07/03/1978
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Coruña, 7.III.1978

Maruxa e Luis
Buenos Aires

Queridísimos amigos:

Ao fin, soupemos de vós. Tiñámos noticias indirectas, via Paris, verbo dunha perturbación na saúde de Luis. E preocupámonos. Logo enterámonos de que a cousa non fora seria. E tranquilizámonos. Despois xa nada nos extrañóu a vosa tardanza porque sabíamos do mes que precisades pra vos readapar á vida porteña.

Nós, coma sempre. Fernanda, a todo gas, correndo, bulindo, ordenando, mandando, conducindo, traballando, xestionando e aconsellando sin acougo. Agora quéixase dunhas sístoles e diástoles camiñando ao par dela velozmente, atoladamente, axeitadamente, intermitentemente. Eu non séi que vai ser da miña Fernanda con tanto trafego. O Fernando, cabaleiro namorado, clásico e fillo, neto e bizneto de burgueses, prestando os seus servicios profesionáis a un sindicato obreiro, correa de transmisión –como agora se dí– dun partido político á esquerda do PC. Cousas da vida. E eu, atufado polo bufete e máis polo García Sabell na Academia sin esquecer aos acreedores da Corporación, que andan atrás miña, como tesoureiro, para cobrar.

Falando da Academia, ingresaron nela coa lectura dos seus discursos Eduardo Moreiras (poesía e realidade), Valentin Paz Andrade (o idioma galego no Brasil) e Xenaro Mariñas del Valle (público e teatro). Contestamos, respectivamente, del Riego, Cunqueiro e máis eu. Foron uns belidos discursos, aínda que o Valentin dóunos a murga cunha mala lectura, debida, sin dúbida, polos seus atrancos visuais.
Da nosa preautonomía, nada. O Goberno pisou o freno, paróu o choio e semella virar á dereita. Con todo, vénse observando nestes ultimos dias unha tímida actividade nos partidos políticos galegos, e unha lixeira presión dos parlamentarios sobre o Goberno. Veremos. A min o tema xa me ten aburrido.

O Isaac, como de costume. Quérese decir, argallando. Sigue ás voltas co xornal, coa apertura da tenda de Sargadelos en Santiago, e coas obras do edificio que ha albergar provisionalmente ao Museo. E coa teima iglesiascorrialán. O Rafael Dieste, estupendo. Perfecta, intelixentemente adaptado á súa perda visual, está máis falangueiro que nunca e xeneroso na comunicación dos seus saberes aos demáis. Eu xa lle digo que vou levar un magnetófono disimulado candia min para cando el morra editar libros co meu nome e as súas ideas. Ríse e dí que non estaría mal.

Estou arranxando as miñas cousas para unha viaxata a Salamanca, onde o del Riego, o Baliñas e mais eu estamos invitados –días 16, 17, 18 e 19– a un coloquio sobor La convivencia de culturas en la península Ibérica. Asistirán intelectuáis portugueses, cataláns, vascos e casteláns.
Levamos un inverno bravo. Frio e auga a esgalla. E vós, tan ricamente, coas vosas idas e vidas, vivindo nun perpétuo vran. Así calquera.
Cinguidísimas apertas de nós os catro pra vós os dous.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
11/04/1978
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Cruña, 11.4.78

Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amicísimos:

Veño de ser nomeado conselleiro da Xunta de Galicia. Estóu confuso e preciso poñer as miñas ideas en orden. Con todo, quero que a miña primeira carta seña pra vós. Eu entereime 48 horas antes da designación ao consultárenme e pedírenme autorización pra dar o meu nome. Puxen, pola miña parte, uns límites razonables á miña aceptación, pero non os puiden rebasar si quería ser fidel ao meu pasado e, por riba de todo, ao pasado dos nosos amigos. O dedo histórico, inexorable, señalóume a min, o máis cativo de todos. Puxéronse as cousas de tal xeito que, necesariamente, fatalmente, tiña que ser eu. As cousas misteriosas do destino.

A noticia, que causóu unha sorpresa fenomenal, non puido caer millor no país. O galeguismo, vello e novo, deu un respiro de alivio. Existía un sentimento xeneralizado de frustración que nada bó facía agoirar. Xa, cando menos, a atonía era cáseque total. A Prensa non puido ser máis xenerosa conmigo. “Irreprochable, Indiscutible, invulnerable”, son parte dos adxectivos que adicóu ao meu pasado democrático, liberal e galeguista. A responsabilidade, como veredes, non pode ser máis esmagadora. Por tanto, sin o alento e a axuda dos amigos, o meu fracaso pode ser irremediable. E de nada servirá que na miña estricta intimidade personal me sinta ledo o reconfortado niste intre inaugural. Pesie a todo estou esperanzado. Porque, en definitiva, vivir non é máis cousa que agardar.

Non sabedes ben o que sinto a vosa ausencia. Pasaríamolo en grande comentando as vertixinosas, intrincadas, contradictorias, sorprendentes e, ás veces, alucinantes vicisitudes que me levaron á Xunta. Constituirían un extenso capítulo dun libro de Memorias.
Ainda co medo no corpo, recibide vós os dous as máis cinguidas apertas de nós os catro

Dónega
.

Consello da Cultura Galega
13/06/1978
Remitente/s:
Destinatarios/as:
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

A Coruña, 13.6.1978

Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Queridos amigos:

No dia de onte, en sesión da Xunta de Galicia, fun nomeado conselleiro de Cultura. Quero tamén, pois logo, que a miña primeira carta como tal seña para vosoutros. A carga que se me bota enriba do lombo non é pequena. E menos mal que non me acumularon, como pretendían e viña concebida a proposta da Presidencia, o Departamento de Educación e Ciencia. Por si non chegara unha cunca, dúas. Estóu algo desconcertado. Todo está por facer. Eu propóñome ir facendo un inventario de problemas culturais, clasificándoos e ordenándoos para ir lle metendo o dente aos que se poida, e os que non, déixalos para o futuro goberno autonómico e atope, cando menos, un banco de datos. E, menos mal que os homes da Xunta de maior temperatura galega están en maioría. Mais ese invento español do “consenso”, diametralmente oposto ao “disenso” do 36, impón andar amodiño. É un mírame e non me toques, porque pode romper. E non se pode deixar romper porque sobor del está cimentado o camiño cara á democracia. Fixádevos as gaitas que haberá que templar. E, por riba, sin contar co apoio dunha sólida experiencia política. Ainda que me vou axudando dunha certa intuición disparada pola observación dos feitos, das cousas e dos homes. Porque eu non fixen máis política que a testimonial dos tempos do franquismo. A política interesóume somentes como fenómeno cultural e, como espectáculo, divertíame. Claro que nesta derradeira faceta non podo negar que agora teño unha localidade máis perto do escenario, aínda que co risco de ter que rubir ás veces ao palco escénico. En fin, algo co que nin remotamente puiden soñar. Pero un chega ás cousas polos camiños misteriosos e inescrutables do destino, dito así en términos de retórica decimonónica. Mais con todo, si esto dera para un bó libro de memorias, ainda, ainda.

Non sabedes ben o que vos agradecín a vosa chamada telefónica. Emocionóume. E logo a vosa carta enchéume de ledicia. Nesto, os vellos galeguistas portáronse fenomenalmente. Comprenderon perfectamente a situación na que me atopéi. Recibín garimosísimas cartas de México, USA, Londres, París, Geneve, Venezuela...
E falando de Venezuela, diréivos que estivemos, Fernanda e máis eu, en Caracas invitados pola Irmandade Galega. Somentes, estivemos catro dias, catro apretados días, dunha concentración amistosa inconcebible. Pero poidemos contar: tres intervencións noutras tantas emisoras de radio, sin magnetofón, sin guión, sin nada, así, á americana, a responder sobre o que che pregunten e ceibar as verbas ao éter; unha intervención no canal 4º da TV, coa mesma preparación e, por riba, coa tortura dos focos; unha roda de Prensa disparando preguntas que viñan de acó, de aló e de acolá querendo saber do Rosón; duas entrevistas con xornalistas que che emplazan ás sete da mañán para lles responder; e dúas conferencias seguidas de coloquios. Agotador. E agora engadir cambio de horario, de clima, de alimentación e de caras. E sempre mantendo o tipo para que non se dixera. Puxémosvos unha tarxeta que non séi si recibiríades. Como resumen, decíavos nela que tedes toda a razón cando falades da emigración e dos emigrantes galegos.

O papel non dá para máis. Nin o tempo deste gobernante agobiado polo peso da historia. Cinguidísimas apertas de nós os dous para vós os dous.

Dónega
.

Consello da Cultura Galega

                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org