Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

Cartas enviadas a Xohán Ledo

XOHÁN LEDO
1917 - 2006

Foi o primeiro deseñador e portadista da Editorial Galaxia.
TODAS          Enviadas a Xohán Ledo (10)           Recibidas de Xohán Ledo (11)       |         Carta: 1 a 10 de 10
13/09/1960
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 13 de setiembre de 1960

Sr. D.
Ricardo García Súarez
Vigo.

Querido amigo:

Xa debería teros escrito denantes de hoxe, mais fun deixando correr os días con preguiza de facelo, aínda quedando cos amigos como pouco atento e desagradecido. Pra mín a ida a Galicia, aparte da ledicia de voltar a ver aos amigos e familiares, foi algo que me intranquilizóu. Hoxe, pasado xa un pouco de tempo desde que volvín, cóstame aínda traballo retornar á miña vida normal. Non podo decirvos en que reside ista intranquilidade nin as miñas dúbidas. Dende logo teño a satisfaición de ter estado con todos vos e de recibir probas da vosa amistade. Eu quixera que vos tivésedes a seguridade da miña. De tí conservarei sempre o belo paisaxe que me ofreciches, a carón das obras que mais estimo. E lembrei ise xantar na tua casa, con Celso Emilio Ferreiro, Del Riego e as donas, coma unha das atenciós que máis me comprometen, por toda a amistade e cordialidade que siñificou, e por ter sabido lembrar todos xuntos a Maside, o grande amigo de todos nós, que nunca máis poderemos esquecer e que, no outro paso meu por Vigo, apenas puden abrazar. Non quería decirche mais que isto. Agradecervos a vosa amistade, decirche canto estimo o teu cadro, e pedirvos que nos teñades sempre presentes. Unha aperta de Maruja e miña pra tua dona e pra tí, e recibe forte abrazo de:
.

26/10/1963
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Destino
Vigo, Galicia, España
Orixe
Madrid, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane




Madrid, 26 de octubre de 1963

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Agradézoche moito o que fas por mín. Onte, denantes de chegar a tua carta, envieille cinco fotografías de grabados a Del Riego pra tí. Hoxe recibo a tua carta e ahí van algús datos:
Libros e álbumes de grabados en madeira, aparte de outros libros e álbumes meus de dibuxos, serigrafía e litografía, 18 en total, son:
Siete grabados en madera con ¡He, los toros!, poemas de Rafael Alberti. Emecé Editores. Buenos Aires 1944.
María Pita e tres retratos medievales, con poemas de Lorenzo Varela. Ediciones Resol. Buenos Aires 1944.
Doce Cabezas, prólogo do autor. Ediciones Bonino. Buenos Aires, 1958.
La dama y otros grabados, con poemas de Lorenzo Varela. Ediciones Stilcograf. Buenos Aires 1959.
El Toro Júbilo, prólogo do autor. Ediciones del Castro. Osedo-Coruña, 1963.
O Meco, prólogo do autor. Ediciones del Castro. Osedo-Coruña. 1963.

Libros ilustrados. Entre outros grabados en madeira:
Lonxe, poemas de Lorenzo Varela. Ediciones Botella al Mar. Buenos Aires.
Llanto por Ignacio Sánchez Mejías, de Federico García Lorca. Editorial Losada. Buenos Aires 1961.
Del diario poético de Miguel de Unamuno. Editorial Losada. Buenos Aires 1961.
La Insepulta de Paita de Pablo Neruda. Editorial Losada. Buenos Aires 1962.
Sobre los Angeles de Rafael Alberti. Editorial Losada. Buenos Aires 1962.

Soio representado con grabados, e indepedente das participaciós con óleos, participei nas seguintes coleitivas:
1958.- V Bienal de Cincinnati, USA.
1959.- Unión Panamericana, Washington.
1960.- Grabado Latinoamericano. Nueva York.
1961.- Grabado argentino. Tokio.
1961.- Grabado argentino. Berna.
1962.- Grabado argentino. Londres.
As mais importantes personaes de grabado.-
1961.- Galería Sudamericana. Nueva York.
1962.- Galería Bonino. Buenos Aires.
1963.- Galería Engelbertz. Ginebra.
Están representados os grabados en Museo de Arte Moderno de Nueva York; Metropolitan Museum, de Nueva York, Children´s Museum, de Detroit; Museo Nacional de Bellas Artes, de Buenos Aires.
Moitas gracias, e lembranzas aos amigos e pra Mimí de Maruja e miñas. Ti recibe unha grande aperta de:
.

25/01/1965
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane




Buenos Aires, 25 de Xaneiro de 1965

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Eiquí quedou por unha confusión que non me perdono o exemplar de Homenaje a Venecia destinado a tí. Onte, revisando unha morea de paquetes no me estudio, atopeime, co disgusto que podes maxinarte pois tiña creído estaría xa no teu poder. Supoño que xa o terás visto, pois envieille un exemplar a Paco. Trátase de once grabados en cor nos que intento ofrecer unha versión de Venecia. Tés que perdoarme por non telo remitido denantes, supoñía que o tiña levado ao correo o mesmo día do de Del Riego. Traballo bastante. Dende que cheguei fixen tres murales, gravei ise novo álbum, mais outro, Bestiario, que sairá no próisimo mes. Calculamos que pra setembro estaremos novamente en Galicia co propósito de quedarnos o mais tempo posíbel. Lembrámonos de todos vós, e a tí, e mais a Mimí, estamos Maruja i eu moi agradescidos pol-as vosas atenciós. Un destes días enviareille a Del Riego unha lista de publicaciós miñas, de dibuxos e grabados, e unha lista de exposiciós, etc., pra compretar a monografía de Domingo, que me escribíu fai poucos días e dime que por estas datas entregaba o seu traballo a Galaxia. Si che escribo que sinto facerche traballar no coidado dela, mentiría. Estou contento de que ti proyectes e cuides da edición.
Unha grande aperta pra Mimí e pra ti de Maruja e miña:
.

10/07/1965
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 10 de Julio de 1965

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Recibín, fai uns días a monografía de Galaxia, espléndida, agradézoche moito a tua intervención, gustoume moito a tapa e a diagramación tipográfica, pra min é a millor das que fixéchedes diste carácter. Gustoume tamén moito o texto de García Sabell. Escribinlle hoxe sobre esto a Del Riego. Penso que foi un acerto situar as reproduciós no centro do libro separando o texto galego do castelán, e gustoume tamén moito a distribución da tapa e os seus coores. A Del Riego tamén lle escribo sobor da última eisposición de Laxeiro. Moi ben, a millor, pra min, de cantas fixo eiquí. Está tendo gran éisito. Traballou moito nos últimos tempos e busca mais atinadamente novas formas e coores. Pola miña parte pinto e grabo. Enviareiche, tan pronto teña por quen, un dos novos grabados meus, un pouco difrentes aos anteriores.
De novo, agradézoche moito canto fixeches por min, e recibide Mimí e ti unha aperta de Maruja e miña. Escríbeme algunha vez que teñas folgar. Outra aperta de:
.

29/03/1968
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 29 de Marzo de 1968

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Acabo de leer a tua nota que fixeches sobor do meu álbum O pulpo. Agradézocha moito, pois parecen ademáis moi ben vistos os grabados. Sinceiramente penso que deberías escribir e pintar máis. E unha lástima que non o fagas. Xa coñezo os motivos, mais coido que poderías sacrificar algún tempo pra destiñalo á pintura e a escribir arredor de temas de arte. Perdóname por este consello. As notas tuas son moi boas, non coñezo a ninguén en Galicia que poda facer notas semellantes encol de cuestiós artísticas. En xeral, fáltalles a túa formación –moi importante– de pintar.
Estou expoñendo estos días unha serie de 50 grabados no Museo de Bonn e chegáronme notas moi eloxiosas dos diarios alemás i en xulio fago unha mostra retrospectiva da miña pintura nunha galería deiquí. Mostrarei cen ou máis óleos. Xa che enviaréi o catálogo e tamén un exemprar de Retratos furtivos, outros cen dibuxos feitos polos cafés de moitos sitios. A Díaz Pardo deixeille 54 feitos en Galicia co ánimo de publicalos ahí, xa que levan leendas en galego. Esto é todo por hoxe. Soio quería agradecerche o teu comentario e dar mostras de que miña muller i eu non vos olvidamos e vos enviamos unha forte aperta:
.

20/03/1969
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
O Castro de Samoedo s/n 15.168 Sada. A Coruña
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada e membrete:]

Localización física
Fundación Luis Seoane

LABORATORIO DE FORMAS/OSEDO/LA CORUÑA/TELÉFONO 23/SADA


El Castro, 20 de Marzo de 1969

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Remítoche dous grabados meus pra o Instituto Beiras. Cicáis sexa pouco, nono sei, mais non conto con mais obra eiquí –óleos– que non teña xa dispostos pras eisposiciós fora de Galicia. De calquer xeito o Instituto pode contar conmigo pra algunha xestión que poda facer en Buenos Aires. O precio dos grabados son 5.000 pesetas cada un, menos do precio que os vendo en Buenos Aires e noutras partes, mais si che parece moito ponlle tí o precio. Si se venden os cartos son íntegramente pra o Instituto, e si non se venden, queden de propiedade díste.
Nos marcharemos deiquí o sete ou oito do mes que ven. Vinde. Rematei de facer pra un teatro universitario de Coímbra os telós, figurís e máscaras pra Os vellos non deben de namorarse. O teatro diríxeo o catalán Ricardo Salvat, e fixen pra Sargadelos, aparte algús diseños, as cabezas pra xarras de Castelao, Valle Inclán e Unamuno. Penso que lles conseguín parecido. Marcial Suárez quere que faga os dibuxos e tapa pra o libro que ten de publicar en Galaxia. As ilustraciós fágollas, mais a tapa dependo de que tí o permitas. Contéstame.
Unha aperta de Maruja e meus pra Mimí e pra tí. Saúdos de Isaac, quen tamén enviará unha obra tan pronto volte de Valencia, onde se inaugura unha mostra de cerámica:
.

12/01/1976
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 12 de Xaneiro de 1976

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Duas verbas pra che decir que estou moi agradecido polas tuas atencións. Pola espléndida monografía do libriño da Coruña e pola tua adicatoria do teu album, unha das obras máis singulares que se fixeron en Galicia, a que terá de se engadir ao meu regreso, os dibuxos espléndidos que me deixaches a noite do homenaxe a Del Riego e que foi lástima non tivesen sido incluídos no teu álbum. Non teño noticias de Isaac, ¿fíxose a presentación dél?. Cecais o formato houbese podido ser un pouco mais maior. Nono sei. Supoño terás recibido o album meu publicado en Madrid, Insectario. Deixeille o encárrego, o mesmo que o envío de outros exemprares, a Inés Canosa que está a cárrego de “Sargadelos” de Madrid.
Eu repítoche o meu agradecimento. Unha aperta grande de Maruxa e miña pra tí, Mimí e os teus. Envexámosvos o inverno de Galicia.
.

28/02/1978
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 28 de Febreiro de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Estou en débeda con todolos amigos, especialmente contigo a quen teño que agradecer algunhas das xornadas mais fermosas de Galicia, por todalas tuas atencións personaes e polos traballos que me adicaches, entre eles esa xoia de monografía manuscrita que constitúie unha das obras de arte mais orixinales da Galicia de hoxe. Gostaríame moito que pintases, mais este traballo teu, o mesmo que a carpeta que se publicóu en Ediciós do Castro, son ben representativas do teu talento e arte. Non embargantes, tes que pintar. Debes facelo porque Galicia necesita das xentes que poidan dar unha nota de galeguidade no seu arte deducindo a sua diferenciación do propio esprito de cada artista seu.
Eu comezo novamente a traballar, síntome absolutamente soio, lémbrome de vós, de Del Riego, de ti, de Dieste, de Domingo, de Piñeiro e de Dónega... Penso que os meus soños nacidos aquí en Buenos Aires, de crear pequenas obras que axudasen a trocar Galicia nun centro cultural serio na penínsua, malográronse. As que se fixeron convertíronse en afiches, en carteles, ou están camiño de se trocar en eso. Mais non quero falar desto. Agora, de Galicia, non teño mais noticias, non sei si está actuando algunha Xunta de Galicia ou non. Si se puxeron de acordo na sua composición. Si o pobo está contento coa sua pre-autonomía. Eiquí non se sabe nada. Soio se sabe dos actos de violencia, e, aparte de Madrid, de Catalunia (sic) e Euzkadi. Faría falla estudar a constitución dunha axencia de información que servise ás colectividades de emigrantes e aos grandes xornaes donde residen éstes. As xentes sorpréndense moito de saber que o goberno concedeu a preautonomía a Galicia. Eu xa non teño mais azos pra proieitar nada, non embargantes penso que sería relativamente fácil creala.
Supoño que aínda en inverno gozaredes do mar aberto, das vagas e das tormentas, na vosa espléndida casa da costa. Nos temos frente as nosas fiestras o espectáculo do Río da Plata, cambeante de coores, unhas vegadas coor terra e outras violeta ou azur, e dun ceo outo e moi estrelecido. Mais, tanto Maruja como eu, sentimos nostalxia de aquel anaco de océano que vemos dende as nosas fiestras de A Coruña.
Unha gran aperta para Mimí, pra ti e os vosos fillos de Maruja e miña.
.

05/04/1978
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Supoñemos estaredes xa gozando da primavera, da vosa casa e do mar. Que tí estarás traballando en pequenas cousas da obra que che resta por facer na casa, e pintando o mar, tan dificil de pintar, tanto como o lume e o ar, tendo un sempre que recurrir a liñas convencionales, ou a min eso paréceme. Eiquí entramos no outono, unha estación tamén belísima, con antecedente, neste ano, dun vran moi desigual, de grandes choivas, ventos impresionantes, desbordes dos rios e grandes inundacións, chegando nas ruas de algunhas cidades a un metro e medio de auga que matóu xente, gando e arruinou fogares. América é esto, un continente enorme con grandes accidentes xeográficos tamén grandiosos: terremotos, desbordamentos de ríos, ventos, choivas que non rematan de parar, e un mar tamén de tormentas. Todo esto influie no home americán, nas suas desigoldades de carácter, no seu aventureirismo.
Pola miña parte non me repoño da desesperanza de que falaba na miña carta anterior e a desgana para todo, e que en parte ten orixen na frustración política de Galicia. Cada vez estou mais convencido do erro que foi dar por rematada a laboura do Partido Galeguista. Para construir un estado e erguer unha nación ten un que se ocupar desta soia finalidade, os programas económicos e sociaes veñen logo de conquerida esa primeira finalidade. Nos deixamos de formar parte da categoría que tiñamos de sempre xuntamente con Catalunya e Euzkadi, para estar á par das rexións administrativas do resto de España. Non somos mais, en canto á consideración dos políticos de Madrid, que os murciáns ou valencianos. Eu estou de acordo coa visión que transmites da actualidade política española en relación co problema da nacionalidade. E tamén coa autosuficiencia dos galegos, os mais mozos sobre todo con respecto ás esperencias do pasado que non consideran sirvan como aporte importante para hoxe. Tamén con respecto á obra de Castelao, vixente na sua actualidade, como moi poucas obras, porque ven tratando problemas non limitados polo tempo e nin siquera na noticia exclusivamente do dia. Esquécense os seus discursos parlamentarios, como tamén os de Picallo, os de Otero e outros que trataron os problemas vivos de Galicia, os que aínda continúan hoxe. O noso Estatuto fora feito por xentes de partidos, sobre todo pola xente do Partido Galeguista, por especialistas e técnicos e moi pouco cambiou o mundo occidental dende entón no aspecto político, sobre todo no aspecto administrativo, e, non embargantes, os parlamentarios galegos, semianalfabetos en parte nestas custións, síntense con azos para redactar un novo sin poñer en discusión o do plebiscito do 36. Tamén como ti farei o que poida, mentras poida, por Galicia. Adiqueille toda a miña vida pasada e continuaréi, aínda quedándome soio. Estou desespranzado e síntome frustrado na miña acción en ouxetivos que proietei perante moitos anos pra o futuro, mais quedará de tí, de min, de todos nos, os que quedamos do vello galeguismo, esta entrega a Galicia i esta laboura feita, matino, en peores condicións que os da xeneración anterior a nós. Eles non viron a posibilidade tan inmediata de resolver os problemas de Galicia e tampouco a división minifundista da política galega. Tampouco poido Galicia nunca ter un representante capaz de enchela de vergoña como Victoria Fernández España, según as noticias que chegan a Buenos Aires.
Ti tes que pintar, grabar e dibuxar. Tes xa feito algúns dos cadros, grabados e dibuxos mais belidos do arte galego. Pero penso, perdóname, que eres o que menos traballaches, polo que sexa. Aproveita ahora o tempo. Este tipo de traballos é o que quedará de nós. Escribe encol do arte galego. Escribe.
Non podo decir mais. Unha aperta moi grande para tí, Mimí e os fillos, de Maruxa e miña. Temos ganas de voltar unha tarde, non sabemos cando, á vosa casa fronte ó Atlántico, entre Baiona e A Guardia, con todos vos:
.

20/10/1978
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
XOHÁN LEDO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Vigo, Galicia, España
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Non sei si estou en débeda contigo ou si ti me debes carta. Penso que mais ben, pódese afirmar, a primeira dúbida. Non o sei. Pasaron uns meses coa rapidez de dias, de traballos e exposicións. Fixen mostras, cinco, tres en Buenos Aires e duas fora, en Rosario e La Plata, de pintura e grabados. E non sei a data aínda, pois teño tamén outra de grabados no Museo de Santa Fe. Por outra parte, no mes que ven, en Novembro, sale o libro de grabados Imágenes de Galicia, editado por unha editorial arxentina. Comprende 72 xilografías e un prólogo meu sobre Galicia como tema e sobre o grabado. Este derradeiro publicado fai, creo, vintecinco anos, do prólogo do outro albume do que tiña feito 70 exemplares, prácticamente descoñecido. Os temas son históricos, lexendarios, de costumes, etc. Quero voltar ao tema histórico apenas tratado en Galicia no XIX e recoller o que podemos chamar mitoloxía galega que, en canto a demos ou persoaxes nocentes aínda eran vixentes na miña infancia. Matino agora cuasi vello o importante que é documentar gráficamente o pasado dunha terra como Galicia, abandoaba por séculos e rota na sua cultura. Tratados os temas coa libertade expresiva do noso tempo. Nos grabados, en canto aos temas, seguín o que comenzara a facer nos tapices. E lembrei sempre as tuas testas en papel cortado dos precursores tan boas de dibuxo, tan parecidas ao persoaxe, Pastor Diaz, Curros, etc, e moi importantes como documentos gráficos que concretan os rasgos dos retratados superando o retrato fotográfico, tan vacilante e deformador físico, pois a máquina reproduce unha realidade que non é a que perciben os nosos ollos e pola que xusgamos aos homes. Gostaríame moito que fixeras unha iconografía galega dende o século XVIII deica os mortos do XX. Algo do que fixeron Picasso e Matisse coas cabezas de Góngora e Ronsard, Baudelaire e Poe, no caso de Matisse. Podería ser un tomo moi interesante e que iniciase unha coleición de tomiños de dibuxos e grabados referentes ó pasado de Galicia. Que a Lumia, o Nubeiro, ou o Cura de Fruime, tivesen cada un a sua documentación gráfica feita por un artista.
De Galicia non sabemos nada mais que o que nos dixo Domingo cando estivo en Buenos Aires. De ahí non chega nada e as axencias ocúpanse soio de custións xenerais de España e, en todo caso, de Catalunia (sic) e Euzkadi, nada de Galicia.
Nos estamos en loita co desexo de quedarnos definitivamente en Galicia, que matinamos sería este próisimo ano, ou de ir novamente por un ano, ou cuase, e voltar no 80 pra sempre. Por outra parte eu son xa inútil pra Galicia, como en xeral os que vivimos fora tanto tempo. Temos incluso un xeito de ver os problemas totalmente difrentes.
Escribe. Perde en esto un pouco de tempo en algún fin de semana.
Unha grande e garimosa aperta pra Mimí, os fillos e pra ti, de Maruxa e miña.
.


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org