Audio. Voz. Entrevista

Homenaxe a Avilés de Taramancos 25: Entrevista na Radio Galega

.

—Pero Avilés, eu véxoo moi difícil sen ter xente detrás que che ensine, que che marque un camiño. Porque, de feito, comentábanos un día don Avelino Pousa que el enterrou os libros que tiña na horta e, de repente, despois de moitos anos desenterrou e apareceu entre eses libros nin máis nin menos que toda a teoría de don Antón Vilar Ponte. Quero dicir, ¿non tiñades ningunha referencia?
—Non había referencias no mundo literario porque todo estaba apagado, loxicamente, pero había persoas, e había persoas que nos amparaban e que dalgunha maneira estaban atentas a marcarnos algunha pauta e algún camiño. Por exemplo na Coruña estaba don Uxío Carré Alvarellos; toda a familia Carré estaba moi atenta a todo este rexurdir da mocidade e dalgunha maneira tennos levado á súa casa, tennos mostrado libros. Chegaba don Ramón Otero Pedrayo á Coruña, que era unha especie de catedral andante; e chegaba Álvaro Cunqueiro, que, aínda que non significaba politicamente moito nese terreo, era un escritor en galego que coñecía o mundo anterior e que, dalgunha maneira, dábanos referencias tamén. Chegaba Aquilino Iglesia Alvariño, o Celso Emilio, aínda novo. É dicir, había un contacto tamén co mundo de atrás e co mundo que estaba apagado e eses eran os que nos alentaban realmente. Un abrazo de don Ramón Otero Pedrayo loxicamente era case un abrazo da patria. Engadiría a dona Gala, a filla de Rosalía, que eu teño ido visitar algunha vez. Estaba Lugrís, que era o fillo de Lugrís Freire. Había un contacto tamén con todo o mundo anterior, da Academia Galega; aínda que a Academia Galega estaba en receso, había aínda algúns personaxes que traían do mundo de antes todo este contacto. Entón, aínda que un tiña vinte anos e non era consciente totalmente do labor que estaba facendo, a terra sempre ten esa forza que dalgunha maneira se comunica.

Descrición:
Entrevista 1: Gravación extraída do programa radiofónico O son da súa vida, conducido por Cristina Lombao. Radio Galega. 1989.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Medidas: Duración de 1 minutos e 51 segundos
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: