Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 24: Entrevista na Radio Galega

.

—Falaba dunha xeración, dun grupo da Coruña, de xente nacionalista. ¿Sentístesvos nalgún momento como unha xeración de enlace? Hai críticos literarios, xente importante dentro do mundo da literatura, como o señor Méndez Ferrín, que vos considera esa xeración necesaria de enlace entre unha tradición que se perdeu coa guerra, que se rompeu coa guerra, e vós, que fostes os primeiros que volvestes escribir dalgunha maneira en galego, aos que vos chegou de primeira man dalgunha maneira información e cultura. ¿Vós tiñádelo
claro daquela?
—Non, esas son cousas que se din despois ou que se analizan despois. Nós, loxicamente, tiñamos vinte anos e non estabamos para analizar nada. Había unha conciencia profunda de quen eramos. De quen eramos como persoas, de quen eramos e de onde estabamos, que é o que hai que saber sempre, senón un anda perdido. Co Reimundo Patiño e co Xoán Casal, que era un pouco o nó que nos unía a todos,
porque Xoán Casal, aínda que morreu aos vintetrés anos, era un rapaz moi serio, moi coñecedor. Era unha especie de filósofo que, aínda que era moi mozo, tiña unha certa autoridade sobre nós e era o que nos amansaba un pouco, porque nós eramos bastante toleiróns, se se pode dicir a verdade. Loxicamente a tolería dos vinte anos, pero tiñamos consciencia de nacionalistas, sabiamos o que estabamos facendo. O que
non tiñamos era a perspectiva histórica de que nós significasemos algo posteriormente, pero a forza que tiñamos era a esencia mesma da terra.
Eu acórdome, por exemplo, de que con Reimundo Patiño e Xoán Casal foramos algunha vez aos montes de Carballo, por ser a terra de Bergantiños, onde fixeramos unha queimada –cando as queimadas se podían facer sen a transcendencia que teñen hoxe porque hoxe xa están deterioradas– e xuramos non escribir nunca unha palabra en castelán. Eran xuramentos quizais inocentes pero que gardamos sempre, dalgunha maneira comprometeunos iso para toda a vida.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: