Audio. Voz. Entrevista

Homenaxe a Avilés de Taramancos 21: Entrevista na Radio Galega

.

—Estaba pensando eu que vostede foi á Coruña en teoría estudiar Náutica pero non estudiou porque non era o seu e, entón, ¿que facía na Coruña? Porque quedou máis deses dous anos.
—Eu creo que fixen un pouco de todo. Á parte da bohemia, vivir naquela pensión de dona Flor, que era unha marabilla, onde vivía con Alexis […], un ruso que chegara perdido pola Coruña, cun holandés que se chamaba Jon […], que era escultor, e que fixo un San Xosé que aínda está alí na Igrexa de San Xosé na Coruña. Era unha vida en que fixen un pouco de todo: estiven traballando en Genosa –as primeiras pedras de Genosa puxémolas nós alí–, estiven traballando de químico en Emesa, facendo fundición de aceiro. Foi o primeiro experimento que se fixo de fundición de aceiro na Coruña e fomos case todos os bohemios participar naquela tarefa, con Pucho Ortiz, con Urbano Lugrís, que tamén ía por alí frecuentemente. Eu estaba encargado do laboratorio e facía as análises no sponge do carbono e do manganeso do aceiro por un libro italiano porque non había libros de texto de análises químicas naquel momento. En fin, eran unhas aventuras de mocidade pero que a min íanme abrindo uns camiños de coñecementos en case todos os campos aos que eu podía chegar, loxicamente. Na Coruña, máis ca vivir sobreviviamos a unha etapa bastante escura, en que todo estaba, como dicía antes, moi controlado, cun capitán xeneral árabe, cun gobernador civil requeté, cunha policía que estaba sempre moi atenta a todo o que pasaba. Pero á fin e ao cabo había, por exemplo, un xefe de policía, o señor Manzano, que escribía novelas do oeste co pseudónimo de Almaz, que, dalgunha maneira, participaba tamén nas tertulias literarias. Tivemos algún problema grave, que os había, sobre todo con Urbano Lugrís, por exemplo naquel discurso cando viu partir o Auriga cargado de emigrantes para Venezuela e
botou un discurso no peirao da Coruña, que foi famoso. Fomos detidos os dous, loxicamente, e o señor Manzano, que era un grande admirador tanto de Urbano Lugrís coma de todos os escritores que andabamos por alí, tívonos unha noite na comisaría pero levounos un polo asado para cear.

Descrición:
Entrevista 1: Gravación extraída do programa radiofónico O son da súa vida, conducido por Cristina Lombao. Radio Galega. 1989.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Medidas: Duración de 2 minutos e 23 segundos
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: