Audio. Voz. Entrevista

Homenaxe a Avilés de Taramancos 20: Entrevista na Radio Galega

.

—Ben está Mozart se nos serve ademais para lembrar amigos, porque a verdade é que o señor Avilés de Taramancos na Coruña viviu con todo o que era arte; non só co que é pintura ou literatura senón tamén coa música. Non lle quedou nada por tocar.
—Ben, porque era un mundo tan íntimo e era unha cidade pequena daquela A Coruña, de 100.000 habitantes ou algo máis, pero na que había todo un mundo artístico que se movía nuns centros moi específicos e que todos nos coñeciamos, todos participabamos de todo e había unha verdadeira amizade entre todos. Eu andei moito con pintores e sempre me quedou como unha ansia, incluso, de pintar, para o que son totalmente incapacitado, pero si vivo moito, aínda hoxe, o mundo da pintura. Quizais a historia da pintura da Coruña daquel tempo estea por facer, porque había pintores realmente importantes que puxeron as bases quizais da pintura moderna en Galicia, como Alexandre González Pascual, Alfonso Abelenda, Mariano García Patiño, Tenreiro, Antón Xesús. Había unha serie de pintores na Coruña que dalgunha maneira romperon coa vella tradición pictórica de Seijo Rubio, Sotomayor, o vello Manuel Abelenda, para entrar no mundo novo do expresionismo e da pintura moderna. Entón eu convivín moitísimo con eles e, sempre que vou á Coruña, vexo aínda que hai un pouco de esquezo do que foi a gran ruptura e a grande importancia que tivo a pintura naquel momento.

Descrición:
Entrevista 1: Gravación extraída do programa radiofónico O son da súa vida, conducido por Cristina Lombao. Radio Galega. 1989.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Medidas: Duración de 1 minutos e 27 segundos
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: