Materiais

Homenaxe a Avilés de Taramancos 18: Entrevista na Radio Galega

.

—Mentres estabas falando de toda esa xente que ía e viña da Coruña, todos eses poetas e escritores, non sei se nos faremos ben á idea porque nós non vivimos unha época dura, difícil. E, tal vez, a xente da miña xeración, a xente máis nova, pense que andar pola Coruña, escribir en galego, dicir o que se dicía e contar o que se sentía, era doado, e era coma agora. Por qué non nos debuxas un pouco cómo se facía literatura, qué problemas había. Comentábame alguén que chegaba un momento en que había autocensura, é dicir, “eu xa esto non o vou escribir, porque total non me van publicar”. ¿Como se vivía nesa época?
—Si, dalgunha maneira condicionábante, ¿non? Íaste mentalmente acondicionando a poder escribir o que se podía escribir. Pero había casos, e sobre todo na poesía, en que loxicamente te desviabas un pouco do que era a censura, aínda que eu tiven problemas coa censura, como era natural. Problemas porque A Coruña naquel tempo, aínda que era unha cidade moi alegre, moi íntima, porque case nos coñeciamos todos, era unha cidade pequena, controlada, porque era o sitio de veraneo do caudillo, e entón estaba bastante controlado todo o persoal nese tempo. Había a censura, que levaba Información e Turismo, o señor Serrano Castilla. Eu publiquei un libro por subscrición pública na Coruña, que foi o meu primeiro libro, A frauta i-o garamelo; por subscrición que facían os amigos mesmo polas tabernas, que se publicaría en Editorial Moré, e para publicar ese libro, que eran dezanove poemas feitos aos paxariños –eu quería que cada poema fose a voz dun paxaro, dos
paxaros que eu coñecía da infancia, claro–, presentouse en Información e Turismo para a censura e deixaron unicamente dous; dixeron que os demais non se podían publicar. Esa foi unha das miñas idas ao mosteiro de Samos, onde coñecín e vivín unha temporada co padre Mauro, con Xosé Luís o pintor, que estaba naquel momento pintando o claustro de Samos, e cun escultor catalán, que agora fai queimadas na rúa da Torre,
que se chama Carlos Moya e que facía un pantocrátor inmenso en Samos. O padre Mauro, que era tío político de Serrano Castilla, foi ao
final o que deu a autorización para poder publicar o libro, aínda que o libro realmente non tiña nada que puidese molestar. A única cousa que
dixo era que el non o entendía. Como era granadino, entón era unha especie de aduana, máis ca censura, para calquera cousa que fose en
galego ou que tivese algunha problemática que eles podían dicir que non se axeitaba ao momento, e claro había problemas, loxicamente.
Pero tamén hai unha especie de saber estar dentro do tempo e dos problemas e loxicamente nós estabamos enfrontados a unha situación que era moi difícil pero que sabiamos esquivar.

  • entrevistado/a:
  • entrevistador/a:
  • Data: 00/00/1989
  • Tipo de material: Audio. Voz. Entrevista
  • Publicacións: publicado en O son da súa vida;
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición dos textos está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.
    Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
  • Notas legais:
    Copyright da edición, Consello da Cultura Galega
  • Entidades:
    Arquivo depositario:Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
    Emisión:Radio Galega
Compartir: